VIALIA
bannerPicnicSesions

Recordoleterlorintorel

23xul(xul 23)18:0019set(set 19)21:00RecordoleterlorintorelARTE E MUSEOS | De balde(xullo 23) 18:00 - (setembro 19) 21:00(GMT+02:00) Fundación Laxeiro

Detalles do eventos

Con motivo do XXV aniversario do pasamento de Laxeiro, o Colectivo NEG (Nova Escultura Galega) propón un achegamento á figura de Laxeiro a partir dun texto do autor, pronunciado en 1978 na Galería Torques de Santiago de Compostela. A proposta, en forma de instalación sonora, realizada expresamente para a Fundación Laxeiro, reivindica a faceta de Laxeiro máis irreverente e provocadora, unha actitude que definiu a súa relación co sistema da arte durante toda a súa traxectoria.

Con esta exposición, a Fundación Laxeiro quere conmemorar o XXV aniversario do pasamento de Laxeiro incidindo nunha das constantes da súa figura, como foi a defensa radical da súa independencia como artista e tamén, recordalo dunha forma que manteña viva a súa memoria, isto é, convidando a artistas do momento a reflexionar sobre a súa figura, retomando nesta ocasión, a relación da Fundación coa música contemporánea, materializada no Festival internacional que organizou durante sete anos. A colaboración con Vertixe Sonora, retoma este compromiso que, no futuro, se materializará noutros proxectos.

O PROXECTO

O título da exposición RECORDOLETERLORINTOREL fai alusión ao currículo que ideou Laxeiro para a súa exposición na Galería Torques de Santiago de Compostela no ano 1978, no que con palabras inventadas fai unha crítica sarcástica á configuración do sistema da arte. O Colectivo NEG sérvese desta acción de Laxeiro para chamar a atención sobre a falta de sintonía, que con frecuencia se dá, entre o mundo da creación artística e o sistema no que se insire, unha circunstancia que semella non ter cambiado moito dende a época de Laxeiro ata a actualidade. A partir desta idea, NEG propón unha instalación sonora na que as palabras de Laxeiro se van superpoñendo ata conformar unha peza sonora indescifrable, como indescifrable é tamén o discurso orixinal, formado por palabras inventadas para parodiar os seus méritos como pintor, en forma de currículo absurdo, como absurdo era para el todo o aspecto administrativo que inevitablemente acompaña a traxectoria profesional dos e das artistas, como parte substancial do seu traballo diario para conseguir ser tidos en conta no ámbito da crítica, o comisariado e a historiografía da arte. Recordoleterlorintorel preséntase así como un berro co que reivindicar o proceso da creación artística en si mesmo, independente do sistema da arte que funciona como mecanismo de lexitimación das prácticas artísticas individuais, alleo moitas veces, ás circunstancias nas que cada artista constrúe a súa obra. Con este traballo é inevitable recordar a actitude coa que o dadaísmo irrompeu nos primeiros anos do século XX e que significou un xermolo de inconformismo e actitude crítica que influíu de forma decisiva ao longo de todo o século e que cambiaría definitivamente a forma de entender a función da arte na cultura e na sociedade.

  • De luns a venres .- De 18:00 a 21:00 h.
  • Sábados.- De 12,00 a 14,00 e de 18:00 a 21:00 h.
  • Domingos e festivos.- De 12,00 a 14,00 h.

Máis

Hora

Xullo 23 (Venres) 18:00 - Setembro 19 (Domingo) 21:00(GMT+02:00)

Localización

Fundación Laxeiro

Rúa Policarpo Sanz, 15, 36202 Vigo, Pontevedra

Other Events