
Estréase en Vigo 'Mar de fóra', o documental que narra a realidade das mulleres migrantes na ruta canaria
Detalles do eventos
A Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (AGARESO) presenta o próximo venres 7 de febreiro ás 20:00 h no local d’A Morada Cooperativa
Detalles do eventos
A Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (AGARESO) presenta o próximo venres 7 de febreiro ás 20:00 h no local d’A Morada Cooperativa en Vigo a curta documental sobre a migración feminina a Canarias: Mar de fóra. En xullo, Ángel Cea, Érika Martínez e Miriam Rodríguez viaxaron a Gran Canaria para afondar en todos os coñecementos adquiridos durante o XIV Curso de Especialización en Comunicación para o Cambio Social ‘Comunicar para o Cambio’ organizado por AGARESO no 2024. Durante esta experiencia, na que estiveron acompañadas por Antonio Grunfeld, técnico de AGARESO, Javier Ramos, voluntario da entidade, e polo equipo humano de diversas entidades en terreo, produciron Mar de fóra.
A curta documental trata de debullar a realidade migratoria feminina a través de voces protagonistas e persoas que traballan directamente con elas na súa chegada á sociedade canaria. “O camiño é moi perigoso para as mulleres. Pasan por zonas onde non hai leis que as protexan. Calquera aspecto do seu corpo é usado como mercadoría”, relata unha destas voces. Por mor do xénero, as mulleres sofren un dobre drama migratorio. Están expostas a violacións, situacións de maltrato e incluso escravitude. Ademais, cando chegan á sociedade española, enfróntanse tamén a prexuízos que agudizan a súa situación de vulnerabilidade.
Cada vez son máis as mulleres que deciden abandonar os seus países de orixe fuxindo da violencia e as vulneracións de dereitos e embarcarse na ruta canaria, unha das máis perigosas do mundo. Ao chegar ao seu destino, as súas historias pérdense entre as de milleiros de homes. “Cando vin para aquí tiña 17 anos. Eu era a única muller no meu barco. 65 todos homes”. Canarias bateu en 2024, por segundo ano consecutivo, o récord en chegadas de persoas migrantes. Os portos do arquipélago recibiron a case 47.000 persoas migrantes segundo datos do Ministerio de Interior.
Máis
Hora
7 febreiro, 2025 20:00(GMT+01:00)
Localización
A Morada
R. Enrique Xabier Macías, 6, 36203 Vigo, Pontevedra