>
Detalles do eventos
O venres 26 de setembro, ás 20:00 horas, na sede da asociación Évame-Oroza, presentarase o libro Obras Públicas, de Marcos Lorenzo, editado por Intemperie. No acto, o autor
Detalles do eventos
O venres 26 de setembro, ás 20:00 horas, na sede da asociación Évame-Oroza, presentarase o libro Obras Públicas, de Marcos Lorenzo, editado por Intemperie. No acto, o autor estará acompañado por Llerena Perozo e David Rodríguez.
Obras Públicas reúne unha escolma de textos publicados por Marcos Lorenzo en diferentes revistas, blogues e folletos entre os anos 2006 e 2015. Trátase dunha serie de apuntes ao natural sobre temas tan diversos como a liberdade, o fútbol, deus, a ciencia, o tabaco, a prensa ou a memoria, sempre desde unha perspectiva antropolóxica e cun ton non exento de humor.
Ao longo das súas páxinas, o autor pon de manifesto os lugares comúns —ás veces absurdos, outras aparentemente insignificantes— que forman parte do noso pensamento cotián e do debate público. O libro péchase co capítulo “Galicia en liquidación”, onde se debuxa unha teoría sobre o proceso de modernización do país na segunda metade do século XX.
Con esta obra inaugúrase a colección editorial Intemperie, un proxecto orientado a analizar o cambio social e cultural en Galicia nas últimas décadas, á vez que a estimular a reflexión arredor dos dilemas do presente e das perspectivas de futuro.
O autor. Marcos Lorenzo (A Coruña, 1970) é economista con formación complementaria en antropoloxía. Investigador nos campos da cultura e da sociedade galega contemporánea, é membro do Consello da Cultura Galega e foi impulsor e coordinador académico do Posgrao en Xestión e Innovación Cultural da Universidade de Santiago de Compostela.
É autor dos libros Liquidación de existencias (Difusora de Letras, Artes e Ideas, 2006), Karlotti, un poema crónico (Axóuxere Editora, 2013), Dous escritos sobre a felicidade (Edicións Embora, 2021) e Enser (Editorial Galaxia, 2022). Así mesmo, foi coautor de Pontes co diaño: encontros con Ignacio Castro (Corsarias Editora, 2015).
Hora
26 setembro, 2025 20:00(GMT+02:00)
Localización
Asociación Cultural Évame Oroza
Subida Costa, 5, 36202 Vigo, Pontevedra


