GFFF

Presentación novelas Grazia Deledda

01xuñ19:30Presentación novelas Grazia DeleddaACTIVIDADES PARA O COCO | De balde19:30

Detalles do eventos

Participantes: María Alondo Seisdedos (tradutora de “Canas ao vento”; Isabel Soto (tradutora de “Elias Portolu”) e Alejandro Tóbar (editor de Hugin e Munin); presentados por Xavier Queipo.

No noso sistema literario non se adoitan facer presentacións das traducións. En RioLagares consideran que resulta inxusto para os tradutores, que, en definitiva, fan accesíbeis textos noutras linguas vertidos na lingua de noso.

Teñen idea de continuar coa presentación de traducións, non só para visualizar o traballo dos editores, senón tamén para animar os editores nesta súa aposta pola literatura universal de calidade e, por suposto, aos lectores para que se acheguen a textos que doutro xeito lles estarían vedados.

Quen foi Grazia Deledda, Premio Nobel de literatura 1926?

Grazia Deledda naceu na illa de Sardeña o 27 de setembro de 1871, no seo dunha familia de clase media. De formación autodidacta —só foi á escola primaria—, comezou a escribir e publicar moi nova e publicou o seu primeiro relato sendo aínda adolescente. En 1890, publicou o seu primeiro libro, Nell’azzurro, unha colección de relatos. A súa primeira novela, Fiori di Sardegna, veu a luz dous anos despois, en 1892. Durante a seguinte década, seguiu publicando e afianzando gradualmente a súa carreira literaria.

En 1900, casa e múdase a Roma, onde ten dous fillos, Sardu (1901) e Francesco (1904), mais a vida familiar non interrompe a súa prolífica actividade. En 1903, publica Elias Portolu, novela que lle dá o impulso definitivo, pois con ela acada o aplauso da crítica e o éxito comercial. Tras este, chegan moitos outros títulos, entre os que destacan L’edera (1908) e Canas ao vento (1913), a máis popular das súas obras.

En 1926, recibe o Premio Nobel de Literatura por toda a súa obra. É a segunda muller en recibir este galardón, despois da sueca Selma Lagerlöf. Falece dez anos despois, en 1936, á idade de 64 anos.

Algunhas palabras sobre Canas ao vento

A novela foi traducida do italiano ao galego por María Alonso Seisdedos.

Do esplendor doutro tempo non resta na casa das nobres irmás Pintor máis que o seu teimudo orgullo e a lealdade inquebrantable de Efix, o seu criado, que se esforza día e noite por manter o pouco que sobrevive da facenda. A chegada do aposto Giacinto, fillo da menor das irmás, Lia, que fuxiu da casa paterna moitos anos atrás, fará acordar novamente dores, paixóns e culpas que parecían esquecidas.

Publicada en 1913, Canas ao vento é a novela máis popular de Grazia Deledda, e unha mostra perfecta da «escrita de inspiración idealista» pola que recibiu o Premio Nobel de Literatura en 1926, caracterizada, segundo a Academia sueca, pola «claridade plástica [con que] retrata a vida da súa illa natal» e a «profundidade e compaixón [con que] trata os conflitos humanos en xeral».

Algunhas palabras sobre Elias Portolu

A novela foi traducida do italiano por Isabel Soto.

Ademais de Elias Portolu ser unha obra escrita con minuciosidade, romanticismo e un certo aire rexionalista verdadeiramente cativador, Grazia Deledda imprímelles aos seus personaxes protagonistas, Elias e Maddalena, unha complexidade psicolóxica máis que notoria; os conceptos de culpa, modestia e represión física e psíquica, tan propios da relixión católica, a da autora, entrelázanse seguido para, ao cabo, tecer un drama colectivo.

A novela propón bastante máis ca unha simple visión mística da vida, onde a relixión sería a balsa de salvación fronte ao exceso pasional. Así, por exemplo, encerra unha lectura sexual oculta que seguro non mencionan aquelas ordes conventuais que a listan como de lectura obrigatoria. Outro punto de interese, por se aínda non fose abondo para espertar a curiosidade do lector, está na visión da Sardeña da época, tan estantía na súa estrutura social.

Máis

Hora

(Xoves) 19:30

Localización

RioLagares Galería

67PC+2F Vigo