Detalles do eventos
O festival gratuíto celebrará a súa última edición os días 5 e 6 de setembro cunha fin de semana de concertos, actividades ambientais, propostas familiares, arte e divulgación
Detalles do eventos
O festival gratuíto celebrará a súa última edición os días 5 e 6 de setembro cunha fin de semana de concertos, actividades ambientais, propostas familiares, arte e divulgación na Radio Costeira de Saiáns.
Picnic Sesións chega á súa última parada. O proxecto sociocultural impulsado pola asociación Lideiras naceu hai cinco anos coa intención de que Saiáns tivese o seu propio festival e de demostrar que tamén nas parroquias afastadas do centro hai espazo para unha programación cultural estable. Desde o principio definiuse arredor de tres piares: natureza, cultura e comunidade, cun formato familiar, diúrno e gratuíto.
A despedida será os días 5 e 6 de setembro, despois de que parte da programación prevista inicialmente para maio tivese que trasladarse por mor da meteoroloxía. Será, segundo confirmou a organización, a derradeira edición dun festival que se mantivo durante estes anos grazas á colaboración de pequenos negocios, á barra e a diferentes apoios, pero que se volveu difícil de soster económica e administrativamente.
Sábado 5: medio ambiente, pintura e música
A xornada do sábado arrincará mirando ao territorio. Está prevista unha limpeza nas praias de Prado e do Portiño e unha ruta forestal coa Comunidade de Montes de Saiáns, dúas actividades moi vinculadas á filosofía ambiental que acompaña Picnic desde os seus inicios.
A arte terá tamén un peso destacado cunha homenaxe a Mingos Teixeira e o correspondente Certame de Pintura, unha das propostas características do festival, que busca aproveitar a paisaxe de Saiáns como escenario creativo.
Para o público familiar actuará Duende Circ, mentres que a parte musical contará con Zeltia Irevire, cun formato acústico en solitario, e Los Pontiaks, formación viguesa que mestura rock and roll dos anos 50, boogie, exotica e swing. A xornada completarase cunha pinchada reggae de Jamming Morrazo.
Domingo 6: divulgación, música infantil, jazz e jam
O segundo día continuará coa vertente comunitaria e ambiental. Haberá unha charla da Comunidade de Montes de Saiáns e a presentación da cooperativa Somos Terra, poñendo o foco na relación entre territorio, sustentabilidade e formas de organización colectiva.
O público infantil terá un dos grandes reclamos da fin de semana coa actuación de Paco Nogueiras, mentres que o programa musical continuará con Manuel Cebrián Trío Jazz e pecharase con La Jam de Seila.
Máis ca concertos
Nas diferentes edicións, Picnic Sesións combinou música con mercado, food trucks, obradoiros, espazos de xogo, pintura e sensibilización ambiental, buscando que o público puidese pasar boa parte do día no recinto e que pequenos e maiores atopasen propostas propias. A propia organización define como obxectivos do proxecto dinamizar Saiáns, revalorizar a súa paisaxe, fomentar a economía circular, a igualdade e a conciencia ambiental.
E o lugar forma parte esencial da proposta. Picnic celébrase na contorna da Escola Infantil Municipal Costeira, na Radio Costeira de Saiáns, un espazo aberto con vistas á ría que permitiu ao festival construír unha personalidade moi distinta á das citas celebradas no centro urbano.

Hora
5 setembro, 2026 10:00 - 6 setembro, 2026 23:59(GMT+02:00)
Localización
Escola Infantil Municipal Costeira de Saiáns
rúa Baixada á praia, 79
Hoxe móvese
setembro




