REVISTA FEBREIRO

25xan17:00Festival solidario AluméameFESTIVAIS E FEIRAS | Un quilo de alimentos17:00(GMT+01:00) Sala Rebullón

Detalles do eventos

A solidariedade regresa un ano máis a Tameiga. O Festival Aluméame regresa á Sala Rebullón este domingo 25, desde as 17:00 horas, unindo teatro, música e baile por unha boa causa: recadar e entregar alimentos ás familias de Mos que máis o precisan. 

O evento –organizado pola Asociación Cultural Tangaraño co apoio de Mos Axuda e a Comunidade de Montes de Tameiga– reúne este domingo a oito artistas sobre o escenario, con prezo simbólico de entrada de, mínimo, un quilo de alimentos non perecedoiros. E para quen non poida asistir e desexe colaborar coa causa, xa é se pode depositar a súa doazón de comida nun espazo habilitado no CSCD As Pedriñas.  

O público que asista ao festival gozará dunha tarde coa mellor cultura galega. O Grupo de Teatro Éche o que hai achegará o humor e a reflexión propios do teatro popular, mentres que as Escolas Tangaraño exhibirán o traballo de formación en baile e música tradicional que desenvolve a asociación, centrado en transmitir costumes, convivencia e respecto pola cultura galega. A presenza de Cé Orquestra Pantasma, proxecto unipersoal recoñecido polos seus directos cheos de xogo, participación e música para todas as idades, reforza o carácter festivo e inclusivo da xornada.

Completan o cartel Avelurio, Las Pamisuky, Son do Abrente, Ondiñas do Mendo e Cantaruxas, grupos vencellados á música e o baile de raíz, que contribúen a poñer en valor o patrimonio inmaterial galego e o traballo continuado das asociacións culturais da comarca. 

En definitiva, unha tarde de domingo para presenciar unha boa mostra da nosa cultura, pasar unhas boas horas en boa compañía e apoiar ás familias do municipio que máis o necesitan. O XI Festival Aluméame, este domingo 25, ás 17 horas, na Sala Rebullón. 

Hora

25 xaneiro, 2026 17:00(GMT+01:00)

Localización

Sala Rebullón

Avda. do Rebullón 23, 36416 Tameiga, Galicia, Spain

Other Events