CAMELIAS NADAL

Taller familiar sobre videoxogos retro

12out11:0014:30Taller familiar sobre videoxogos retroPEQUERRECHOS | De balde11:00 - 14:30(GMT+02:00) MARCO

Detalles do eventos

Ao comezo do taller, as persoas participantes recibirán unha pequena charla introdutoria de 15 minutos, onde se explicará a evolución dos videoxogos a través das distintas xeracións de consolas. Durante esta presentación, falarase das características técnicas de cada era (8, 16, 32, 64 bits e máquinas arcade) e como estas influíron no desenvolvemento dos xogos e na experiencia dos xogadores e xogadoras. Esta introdución axudará a situar ás persoas asistentes no contexto da exposición e permitiralles apreciar a importancia histórica e cultural das consolas que van probar.

Despois da charla, os asistentes poderán explorar, divididos en grupos as seis mesas temáticas, cada unha equipada con dúas consolas de distintas xeracións. Dende os sistemas máis antigos de 8 bits ata as avanzadas máquinas de 64 bits, poderán xogar algúns dos títulos máis icónicos de cada época, experimentando de primeira man como evolucionaron os gráficos, o son e a xogabilidade ao longo dos anos. Ademais, terán acceso a emuladores que permitirán gozar dunha selección aínda máis ampla de xogos retro, incluíndo algúns títulos raros ou menos coñecidos.

Os monitores do taller darán para cada xogo unha descrición técnica do mesmo, quen crearon o xogo, ano de lanzamento etc.

Tamén se disporá dunha sección especial dedicada ás máquinas arcade, onde os participantes poderán revivir a emoción dos salóns recreativos, xogando a clásicos como Pac-Man, Donkey Kong ou Street Fighter II. Estas máquinas serán un punto de encontro para menores e adultos, que poderán compartir a experiencia de xogar en máquinas orixinais, tal como se facía nos anos dourados dos videoxogos. O taller está deseñado para ser unha experiencia divertida e didáctica, ideal para familias e escolas que desexen descubrir o legado dos videoxogos retro.

Días de visitas familiares: 12 de outubro en horario de mañá
Aforo máximo nos talleres familiares: 40 persoas (25 menores + 15 adultos acompañantes)
Reservas para familias: Museo MARCO de Vigo
Máis información premendo aquí

Sobre Retro Galaicos

Retro Galaicos nace no ano 2016 como unha asociación sen ánimo de lucro de ámbito galego que ten como finalidade promocionar a conservación, restauración e uso de computadoras e máquinas de videoxogos dos anos 70, 80 e 90 que teñan consideración de “informática retro”, co fin de non deixar caer no esquecemento as máquinas que nos trouxeron ata onde estamos hoxe en día. A asociación céntrase na participación e organización de eventos de carácter público coa finalidade de dar a coñecer as tecnoloxías de lecer retro ás novas xeracións, para que vexan e comprendan de onde vén todo o lecer electrónico que gozan actualmente, e facer lembrar ás persoas que viviron na súa época o uso destas máquinas xa case no esquecemento. Outra das tarefas da asociación é concienciar acerca da conservación e restauración de equipos retro, e promover a creación de novos contidos nestas plataformas retro (programación, pixelart, deseño, música). Para cumprir estes obxectivos, nos eventos nos que participamos e nos que organizamos, ofrecemos unha ampla exposición de equipos, así como talleres e charlas de diversas temáticas relacionadas.

Máis

Hora

12 outubro, 2024 11:00 - 14:30(GMT+01:00)

Localización

MARCO

Museo de Arte Contemporánea de Vigo, Rúa do Príncipe, 54, 36202 Vigo, Pontevedra

Other Events