Detalles do eventos
A Peonil do Calvario acollerá o próximo 3 de outubro a primeira edición de Folla de Lata, un novo mercado urbano que pretende converter durante unha xornada esta
Detalles do eventos
A Peonil do Calvario acollerá o próximo 3 de outubro a primeira edición de Folla de Lata, un novo mercado urbano que pretende converter durante unha xornada esta zona de Vigo nun punto de encontro para a segunda man, o deseño, a creación e a cultura. A proposta reunirá postos de vintage, moda, ilustración, xoiería, complementos, vinilos, mobiliario, artesanía, gastronomía e todo tipo de obxectos singulares difíciles de encaixar nunha única categoría.
A convocatoria para participar permanece aberta ata o 4 de setembro e a organización quere facer nos últimos días un chamamento especial ás persoas particulares. Non é necesario dedicarse profesionalmente á venda para participar: a idea é, en palabras da propia organización, «baixar o rocho á rúa» e dar unha segunda vida a roupa, libros, discos, vaixela, pezas de decoración, pequenos mobles, obxectos antigos, coleccións ou calquera outro artigo que xa non se utilice.
Para facilitar esta participación existe unha fórmula específica para particulares que queiran vender os seus propios obxectos de segunda man. Ademais, o posto pode ser compartido por varias persoas, que poderán repartirse tanto o espazo como o custo da participación.
A filosofía de Folla de Lata bebe así directamente do espírito dos mercados das pulgas, nos que parte do atractivo reside precisamente en non saber exactamente que se vai atopar. Remexer entre os postos, descubrir unha peza inesperada e regresar á casa cun pequeno tesouro será unha das experiencias que busca recuperar esta nova iniciativa.
A segunda man, con todo, será só unha das vertentes do mercado. A convocatoria está aberta tamén a novos creadores e deseñadores, proxectos de ilustración, xoiería, moda e complementos, artesanía, vintage, vinilos e aparellos musicais, mobiliario, upcycling e outras propostas singulares.
A organización busca igualmente proxectos de gastronomía e produto gourmet, como conservas, mel, viño e outras propostas que conten cun produto e unha presentación coidados.
Música e hostalaría para facer barrio
A música terá tamén un papel destacado na xornada. Folla de Lata contará con sesión vermú e música durante a tarde, coa colaboración de establecementos da rúa Cruz Branca, unha das zonas da Peonil do Calvario na que nos últimos tempos están xurdindo novos locais vinculados á hostalaría e ao lecer.
A intención é que o mercado non se limite aos postos, senón que se integre coa actividade da contorna e permita combinar compras, gastronomía e música ao longo do día. Percorrer os postos, descubrir obxectos, parar a tomar algo ou comer e continuar gozando da programación musical forman parte da experiencia que pretende crear a iniciativa.
Detrás de Folla de Lata está Bego Arana, cunha ampla traxectoria na organización de mercados, eventos e propostas socioculturais en Galicia. Ao longo dos anos participou na creación e organización de iniciativas como o Feirón de Bouzas, Mercadot, Cíclicka, Fundición ou o Mercado Mariñeiro de Muros, ademais da recente organización do Mercado da Festa da Alegría no propio Calvario.
Folla de Lata nace a partir desa experiencia, pero como un proxecto independente e cunha identidade propia, coa intención de dar continuidade á primeira edición e medrar progresivamente coa incorporación de novas propostas culturais, música e actividades. A organización tamén contempla a posibilidade de incorporar programación específica para o público infantil, xa nesta primeira edición ou en futuras convocatorias.
A primeira cita será o 3 de outubro na Peonil do Calvario, pero antes de que o mercado tome as rúas, a organización continúa á procura de proxectos e particulares que queiran formar parte desta primeira edición. As persoas interesadas poden solicitar información a través do correo snaackgalicia@gmail.com.
Hora
3 outubro, 2026 11:00 - 20:00(GMT+02:00)
Localización
O Calvario
Rúa de Urzáiz, 183, 36205 Vigo, Pontevedra
Hoxe móvese
setembro




