bannerGaliciaIlusiona
bannerRevistaOnline

Este é un evento repetitivo

07ago21:00Festival Música no ClaustroFESTIVAIS E FEIRAS21:00 Tui

Festival Música no Claustro

XVI Edición do Festival Música no Claustro. Festival de música, patrimonio e creación que se celebra do 1 ao 7 de agosto na Catedral de Tui. Os concertos comezan ás 21h e son de acceso libre sen reserva previa de entrada.

PROGRAMA:

SAMUEL DIZ  
Luns, 1 de agosto, 21h
Retratos de muller

Música das vangardas europeas e contemporánea
Guitarra
O intérprete e investigador Samuel Diz (Tui, 1986) abre a 16ª edición de Música no Claustro cun concerto de guitarra conformado por obras de compositoras coetáneas a Sonia Delaunay (1885-1979), artista de orixe ucraína que atopou refuxio en Valença do Minho durante a Primeira Guerra Mundial. “Retratos de muller” reflexiona sobre o relato patriarcal da historiografía musical, sobre os éxodos do século XX dende unha perspectiva de xénero, ou sobre os retos e particularidades da recuperación deste repertorio asinado por compositoras como a asturiana María Teresa Prieto (1896-1982), a navarra Emiliana de Zubeldia (1888-1987), ou as madrileñas Rosita García Ascot (1902-2002) e Elena Romero (1907-1996).

CAAMAÑO & AMEIXEIRAS
Martes, 2 de agosto, 21h
Aire!

Música tradicional galega
Violín, acordeón e voz

Caamaño&Ameixeiras é un dúo ligado á música e ao baile de raíz. Aire! é o seu primeiro traballo discográfico que toma como punto de partida a tradición galega para explorar as músicas populares doutras culturas. Un dúo que reivindica o papel da muller como artista e como creadora, desenvolvendo o seu propio imaxinario musical e comprendendo a tradición como algo vivo. A esencia do popular é levada a linguaxes e recursos contemporáneos, a través de composicións persoais e íntimas que manteñen a urda de onte e incorporan a forma de hoxe.

IMAXINARIO POR UCRAÍNA
Mércores, 3 de agosto, 21h
Imaxinario por Ucraína

DARYA BILOTSERKIVSKA, SALO VIKTORIIA-NADIIA E IRYNA MOROZOVA. 

Música de cámara
Trío de dous violíns e violonchelo

Tras o comezo da invasión rusa na Ucraína, un conxunto de músicas atoparon refuxio no Conservatorio Superior de Música de Vigo. Entre elas, a violonchelista Iryna Morozova, á que acollemos en Música no Claustro coa liberdade de crear unha proposta artística para a presente edición do festival co apoio de AIE Sociedade de Artistas, Intérpretes e Executantes.

Iryna Morozova extendeu o convite ás violinistas Darya Bilotserkivska e Salo Viktoriia-Nadiia. Xuntas decidiron crear unha agrupación coa idea de mostrar á sociedade que a arte pode salvar ao mundo e, en concreto a través da música, conversar co público e compartir as súas emocións. Unha proposta que mostre que o tecido artístico ucraíno quere actuar e brindar luz a este mundo, incluso en tempos tan escuros para elas. E coa ilusión de continuar facendo o que mellor saben facer, ofrecen este concerto en Música no Claustro nun imaxinario de paz e respecto cun repertorio de diferentes e contrastantes estilos musicais.

CONCERTO DE MUSETTE
Xoves, 4 de agosto, 21h
A musette no século XVIII

NADIA VÁZQUEZ MARTÍNEZ, LUIS CORRAL E PATRICIA RODRÍGUEZ RIVERO

Música barroca
Musette, violín e viola da gamba

* Conmemoración dos 300 anos do Retablo da Expectación da Catedral de Tui

A musette é un instrumento de vento que presenta certas similitudes coa gaita. O seu repertorio está vencellado á música na corte francesa durante os reinados de Luis XVI “O Rei Sol” e de Luis XV “O Benamado”, entre o que destaca a obra de Joseph Bodin de Bois Mortier (1689-1755), o compositor máis prolífico do século XVIII francés, e a do compositor, comerciante, musettista, oboísta e construtor de instrumentos Espirt Philippe Chédeville (1696-1762).

Na actualidade é un instrumento pouco habitual é son contadas as persoas que se dedican profesionalmente á súa interpretación, entre as que se atopa a gaiteira galega Nadia Vázquez Martínez, quen entrou en contacto coa musette na Universidade LUCA Escola de Artes do Campus Lemmens en Bélxica da man do Dr. Jean-Pierre Van Hees, un dos maiores especialistas do mundo.

Este concerto é o resultado dunha residencia artística impulsada por Música no Claustro e á que Nadia Vázquez Martínez convidou ao violinista Luis Corral e á gambista Patricia Rodríguez Rivero. Un concerto que nos transporta ao imaxinario barroco na conmemoración dos 300 anos do retablo da Expectación da Catedral de Tui, encargado polo Cabido en 1722 a Antonio del Villar, escultor de Redondela. As súas considerables dimensións e a súa coidada factura iconografía convérteno nunha das principais obras monumentais da sede tudense. Nel destaca a representación da Virxe encinta e un medallón central coa escena do Nacemento no que un músico pastor toca a gaita.

JOÃO FRADE e JOÃO SILVA
Venres, 5 de agosto, 21h
Lugares

Música portuguesa creativa
Acordeón e violín

O acordeonista João Frade e o violinista João Silva únense co obxectivo de propor cruces e diálogos creativos cheos de cores e dinamismo. Un encontro materializado no seu disco Lugares no que deambulan polos universos do jazz, a improvisación, a música clásica, a tradición portuguesa e as músicas do mundo. Para Paulo Pires, asesor do Ministerio de Cultura portugués, Lugares é “un disco a catro mans que reafirma o virtuosismo técnico e a capacidade interpretativa de Frade e Silva, así como a evidente complicidade plasmada na feliz fusión tímbrica dos sons instrumentais. Un imaxinario e viaxe interior. Un espello no que ver o pasar das horas, o fluír (líquido) dos días”.


THE JOSQUIN SONGBOOK

Sábado, 6 de agosto, 21h
The Josquin songbook

MARÍA CRISTINA KIEHR, JONATAN ALVARADO E ARIEL ABRAMOVICH

Música do Renacemento
Soprano, tenor e vihuelas de man

No ano 1521 falecía o destacado compositor de orixe franco-flamenca Josquin Desprez. En España, a difusión da súa obra estivo vinculada especialmente ao ascenso ao trono de Carlos V. A súa música comezou a proliferar en numerosos manuscritos das capelas musicais españolas.

Aínda que na Catedral de Tui non ser conserva (ou non está catalogada) ningunha obra escrita por Josquin Desprez, 500 anos despois do seu falecemento a soprano María Cristina Kiehr, o tenor Jonatan Alvarado e o vihuelista Ariel Abramovich -integrantes de Armonía Concertada- escolleron a sede tudense para gravar o disco “The Josquin songbook” que nos convida a transitar o imaxinario da polifonía renacentista nun formato íntimo, cativador e dunha exquisita factura estética.

Esta gravación, realizada nunha sala anexa ao claustro que formará parte do TUDE Museo Catedralicio Diocesano, contou coa colaboración do enxeñeiro de son Jesús Trujillo e o produtor Bart Vandewege. Publicado polo selo Glossa, “The Josquin Songbook” complétase cun coidado libreto do musicólogo John Griffiths no que reflexiona sobre como “a procura da salvación e a eternidade exixía introspección e soidade. En gran medida, a música era unha actividade comunitaria pero a súa percepción era intensamente persoal. Os compositores nados a mediados do século XV, especialmente os dos Países Baixos, ían crear un novo estilo musical que dominaría o son da música eclesiástica durante máis dun século, e que se estendería á maioría dos demais xéneros da sofisticada música culta, xa fose vocal ou instrumental. Josquin Desprez converteuse no epítome deste estilo, o emblema dunha forma de música polifónica baseada en principios de contrapunto imitativo, que soaba como a vida eterna mesma, e que sería un modelo iluminado para todos os que a seguiron”.

DULZARO
Domingo, 7 de agosto, 21h
Lorca, sinfonía del amor oscuro

Música de vangarda
Voz, percusión, cuarteto de corda e electrónica

Unir a tradición e a vangarda é o obxectivo de Dulzaro, un proxecto musical que habita a figura de Federico García Lorca e o seu imaxinario na mestura da súa poesía con loops e sintetizadores electrónicos. Lorca, sinfonía del amor oscuro convídanos a revisitar a obra do poeta granadino en xustaposición con sons contemporáneos, nos que se senten as influencias do flamenco ou o fado, creando novas experiencias e emocións.

Dulzaro nace na ribeira do Pisuerga, ao seu paso por Valladolid, onde Alberto Domínguez nutre a súa voz co humus do folklore castelá en diálogo coas linguaxes musicais e escénicas actuais. De Valladolid trasladouse a Londres, onde se formou en arte dramático na Mountview Academy of Theatre Arts.

Un espectáculo no que se funde a tebra co trazo da inocencia, a melodía encantada coa canción de tacto popular, onde a poesía e os sons electrónicos atopan a un cuarteto de corda que sostén esta voz pura pero esgazadora, formado por Vania Collazo e Pablo Puga (violíns), Lia Vilas (viola) e Elisa Ingelmo (violonchelo). Unha nova paisaxe sonora que bebe da música cinematográfica e da zarzuela, e que parte do telúrico imaxinario lorquiano proxectado nas percusións do tamén valisoletano Héctor Varela, formado no Conservatorio Superior de Música de Vigo.

Dulzaro pecha a 16ª edición de Música no Claustro e convídanos unha vez máis a ollar o epistolario lorquiano dende os xardíns da Catedral de Tui coa vista perdida no horizonte, horizonte perfilado polas dúas beiras miñotas. E abrimos as súas páxinas no verán de 1922… “ahora se debe decir: el Guadalquivir o el Miño nacen en Fuente Miña y desembocan en Federico García Lorca, modesto soñador e hijo del agua”.

OUTRAS ACTIVIDADES DO FESTIVAL (BAIXO INSCRICIÓN):

PERCORRIDO ARTÍSTICO. PARA QUE ESTÁ EN OBRAS A CATEDRAL?   

Martes, 2 de agosto, 19.30h
Sábado, 6 de agosto, 19.30h

Para que está en obras a Catedral?

Visita guiada con Santiago Vega sobre o proceso de creación do TUDE Museo Catedralicio Diocesano

Unha catedral é un edificio vivo en continua transformación dos espazos que conforman o seu conxunto monumental. Ao longo da historia, estes cambios impulsaron novidades estéticas, tecnolóxicas ou funcionais. Agora, no horizonte do VIII centenario da Catedral de Tui en 2025, a sede eclesiástica prepárase para acoller o Tude Museo Catedralicio Diocesano, que mostrará o importante legado artístico e relixioso nunha museografía actualizada, optimizará os diferentes espazos catedralicios e impulsará a accesibilidade aos mesmos.

Neste momento de transición, Música no Claustro convida a proxectar no imaxinario este proceso de rehabilitación en dous encontros e percorridos artísticos de 50 minutos de duración o martes 2 e o sábado 6 de agosto, que serán dirixidos por Santiago Vega, cóengo, artista visual e director do Museo da Catedral de Tui.

Capacidade de 25 persoas por sesión. Inscrición gratuíta en contacto@musicanoclaustro.com

Actividade non accesible a persoas con mobilidade reducida.

RESONANCIAS 22

4 de agosto. Catedral de Tui

FORO PROFESIONAL DE INSTRUMENTOS MUSICAIS

Inscrición a través da FUNDACIÓN PÚBLICA ARTESANÍA DE GALICIA

Prezo xeral: 30€ / Prezo reducido: 15€ *

Número máximo: 50 persoas

* para obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia

Música no Claustro convoca a segunda edición do foro profesional de instrumentos musicais o xoves 4 de agosto na Catedral de Tui. Dende unha perspectiva patrimonial e intersectorial, RESONANCIAS 22 dá continuidade a temas tratados na anterior edición, como a investigación, restauración e conservación preventiva dos instrumentos musicais históricos, xunto ao de

senvolvemento e innovación nas técnicas e materiais de construción.

En paralelo, RESONANCIAS 22 formula novos temas de debate e reflexión que nacen das oportunidades na simbiose do tecido profesional musical e artesán, na igualdade de xénero nos obradoiros de construción de instrumentos musicais ou na certificación e regularización da formación e profesionalización dos oficios artesanais. Un programa comisariado polo músico e investigador Samuel Diz.

*Foto destacada: DULZARO ZAMORA | Diana Varela

Máis

Hora

(Domingo) 21:00

Localización

Tui

Rúa Colón, 2, 36700 Tui, Pontevedra

X