25abr21:00MJ Pérez + Bouba + CruaCONCERTOS | Desde 10,00 €21:00(GMT+02:00) Sala Rebullón
Detalles do eventos
A Sala Rebullón, xestionada pola Comunidade de Montes de Tameiga, programa para esta fin de semana unha homenaxe musical á Revolución dos Caraveis, o movemento
Detalles do eventos
A Sala Rebullón, xestionada pola Comunidade de Montes de Tameiga, programa para esta fin de semana unha homenaxe musical á Revolución dos Caraveis, o movemento popular e pacífico co que Portugal liberouse do fascismo e recuperou os seus dereitos e liberdades, o 25 de Abril de 1974.
Tres formacións con personalidade e tres actuacións femininas para honrar a relación entre pobos veciños e irmáns: Galicia e Portugal. O sábado ás 21 horas, as galegas MJ Pérez e Bouba xunto ás lusas Crua, desde 10 euros en anticipada (12 € na billeteira) á venda online e na cantina do CSCD As Pedriñas.
Nacida en Arzúa, MJ Pérez é unha das voces máis recoñecibles da música galega contemporánea. Compositora, cantante, comunicadora e produtora, suma máis de douscentos concertos nos que pasou polos escenarios das principais salas e festivais galegos. Foi quen de construír un universo sonoro propio no que se atopan a canción de autora, o pop e os ecos da música de raíz en galego. No 2021 recibiu o Premio Martín Códax da Música Galega na categoría de Canción de Autora e no 2019, o premio Youtubeir@s á Eficiencia Comunicativa polo vídeo “Malaxente”, no que fusiona a poesía de Rosalía de Castro coa estética urbana de Rosalía.
O proxecto portugués Crua, pola súa banda, está composto por seis mulleres que exploran as músicas de raíz desde unha perspectiva contemporánea e feminista, ligando as melodías tradicionais coas experiencias e sensibilidades das mulleres de hoxe. Con Crua, o repertorio tradicional é un punto de partida perfecto para ser reinterpretado cunha ollada actual, para construír un canto afectivo, corporal e colectivo. En directo, elas combinan voces próximas, percusións e unha posta en escena moi enérxica que sorprende e contaxia ao público.
Bouba leva anos recuperando, reivindicando e difundindo a música tradicional galega, en particular a das pandereteiras. Elas poñen o foco nas melodías habitualmente cantadas polas mulleres, voces e cancións convertidas en espazo de memoria e resistencia cultural.
Nos seus discos “Vinculeiras” (2017) e “Termando dos marcos” (2024), recollen pezas de diferentes localidades, cun son potente e directo. Elas mesmas falan do seu traballo como un “minifundio artístico”, unha maneira de facer música para o pobo, desde abaixo e sen renunciar á calidade nin á cohesión co territorio.
Hora
25 abril, 2026 21:00(GMT+02:00)
Localización
Sala Rebullón
Avda. do Rebullón 23, 36416 Tameiga, Galicia, Spain


