
Detalles do eventos
O día 5 de outubro terá lugar en Vigo un concerto que, baixo o nome de Anoitecer Neofolk, reunirá na Sala Kominsky a tres proxectos musicais
Detalles do eventos
O día 5 de outubro terá lugar en Vigo un concerto que, baixo o nome de Anoitecer Neofolk, reunirá na Sala Kominsky a tres proxectos musicais de diferentes puntos do estado: Mileth, Cuélebre e Bear, The Storyteller. O evento comezará ás 19:30, e a entrada terá un prezo de 8,50€ anticipada e de 10€ na billeteira. Tratarase dun concerto acústico no que as tres bandas ofrecerán as súas particulares aproximacións á música de raiz, especialmente dende o prisma do neofolk, un subxénero moi vencellado á escena metal e punk dende o seu nacemento nos anos oitenta do século pasado.
A banda anfitrioa será a formación de folk metal pagán Mileth, fundada na Mariña e radicada en Vigo, que estreará neste concerto o seu novo formato acústico. Deste xeito levará ao terreo do neofolk as cancións do seu álbum Catro Pregarias no Albor da Lúa Morta (2019) cunha formación de 5 integrantes. Anteriormente xa deran un concerto acústico en formato reducido en 2022 en Pitões das Júnias, parroquia portuguesa do municipio de Montalegre, limítrofe con Galicia. Agora repetirán esta experiencia cun repertorio máis amplo e, sinalan, moitas sorpresas máis.
O grupo vén de participar no festival Celtic Transilvania de Figa, Romanía, no que compartiron cartaz con bandas como Blind Guardian ou Unleash the Archers. Logo deste novo concerto estarán un tempo apartados dos directos para centrarse na preparación do que será o seu seguinte traballo discográfico. Polo tanto, esta será unha grande oportunidade de velos en directo na súa cidade, xa que levan sen tocar na comarca de Vigo dende decembro de 2022, e na propia cidade dende agosto de 2019.
Bear, The Storyteller, radicado no concello asturiano de Piloña, presentará pola súa banda o seu novo álbum L’Ermitañu que Coronó les Nubes (2024). Este traballo chegou despois do EP de 2023 L’Osu y la Rapiega e do álbum de 2020 Deidades. Falamos dun proxecto en solitario do músico Rafael Merina Guerra, orixinario da cidade andaluza de Jérez de la Frontera e asentado logo en Córdoba antes de continuar a súa andaina en Piloña. O proxecto lanzou como cuarteto o EP de 2014 Tales of the Untold, antes de consolidarse como banda unipersoal.
Completa o cartaz da noite Cuélebre, que conta cunha ampla traxectoria na escena de folk pagán dende a súa fundación en Valencia en 2011, con álbumes como Oinos (2014), Anaman (2017) ou Dijara (2020). Trátase dunha das bandas con maior recoñecemento internacional de dita escena, tendo tocado en destacados festivais de toda Europa, e nesta ocasión presentarán os temas do que será o seu novo traballo. Mileth e Cuélebre xa tocaran xuntos anteriormente na Sala Rebullón de Mos en 2021 e na Sala Independance de Madrid en 2019, e agora volverán unir forzas xunto a Bear, The Storyteller co seu formato acústico. As entradas da velada están dispoñibles para a súa venda anticipada a través da plataforma Entradium.
Máis
Hora
5 outubro, 2024 19:30(GMT+02:00)
Localización
Sala Kominsky
Rúa dos Irmandiños, 3, 36201 Vigo, Pontevedra
Hoxe móvese
Mes actualxullo
- Mes actual