Detalles do eventos
Este mércores 15 de abril a Asociación Évame Oroza acolle un evento de memoria democrática que consiste na presentación da banda deseñada galega A morte nas fragas e
Detalles do eventos
Este mércores 15 de abril a Asociación Évame Oroza acolle un evento de memoria democrática que consiste na presentación da banda deseñada galega A morte nas fragas e a proxección do documental Os fíos da memoria.
Con guión de Anxos García Fonte e debuxos de Carlos Sardiña, A morte nas fragas é unha novela gráfica que narra a historia de violencia e resistencia na Galicia rural entre 1936 e finais da década de 1950. A obra artéllase a través de varias historias humanas entrelazadas, baseadas en relatos de transmisión oral , que amosan o impacto da represión fascista na vida cotiá do pobo. A narración adopta unha perspectiva múltiple, dando voz a nenos, mulleres e persoas perseguidas polo réxime. A novela preséntase como un mosaico que reflicte a destrución da Galicia tradicional: as súas crenzas, a vida comunitaria e a lingua.
Durante o evento tamén se proxectará o documentario Os fíos da memoria. Producida por Son Radiofusión e realizada por Xarda Producións, esta curtametraxe (27 minutos) narra a investigación de Constantino Rico, un cidadán francés de orixe galega, para desvelar o misterio que sempre envolveu a historia do seu avó, Pedro Rico Rodeiro, e Teresa López para coñecer as circunstancias do seu tío Constantino López Marcos. A súa busca en arquivos e cemiterios acaba dando froitos grazas a unha testemuña atopada a través dun podcast, desvelando a crúa realidade da Guerra Civil e a posguerra na súa familia.
Nos dous produtos mesturase a testemuña persoal de familias que viviron en carne propia a crueldade da ditadura, cunha perspectiva actual achegando un grao de area para explicar no mundo do século XXI o significado do réxime autoritario encabezado por Francisco Franco.
No evento Anxos García e Carlos Sardiña estarán acompañados por Henrique Sanfiz, de Emisoras Municipais Galegas, a entidade promotora da iniciativa. Co obxectivo de convertir este encontro nunha homenaxe ás vitimas da ditadura franquista de Vigo e da comarca, presentará o acto Celso López Pazos da Asamblea Republicana de Vigo. Segundo os promotores do libro e do documentario, “no mundo o autoritarismo, está gañando a batalla da información. Indican que “debemos activar o compromiso de comportamientos e hábitos éticos desde unha perspectiva integradora de ideas e culturas. Porque a memoria da democracia é un ben común que debemos coidar e protexer. Nesa liña, a micro-historia sérvenos para comprobar o carácter xerárquico da violencia extrema empregada pola facción do exército sublevada en xullo de 1936. Unha política de memoria democrática debe preservar os dereitos humanos e intentar evitar que se repitan eses feitos, defendendo valores básicos como a convivencia, tolerancia e o respecto á liberdade”.
Hora
15 abril, 2026 19:30(GMT+02:00)
Localización
Asociación Cultural Évame Oroza
Subida Costa, 5, 36202 Vigo, Pontevedra


