
Detalles do eventos
Entre o 18 de xuño e o 21 de setembro, a Fundación Laxeiro acolle Litografías. Club de la estampa. 1968, unha exposición composta por litografías
Detalles do eventos
Entre o 18 de xuño e o 21 de setembro, a Fundación Laxeiro acolle Litografías. Club de la estampa. 1968, unha exposición composta por litografías asinadas por vinte e cinco artistas arxentinos (agás Laxeiro e Luís Seoane), publicadas en Bos Aires no ano 1968, xunto a un texto do artista e crítico da arte Leonardo Estarico. O texto é unha reflexión sobre a imaxe e os seus procesos de creación e estampado, ata chegar ao momento da proliferación das artes gráficas e, en concreto, a técnica litográfica, popularizada a principios do século XIX.
No proxecto, editado polo Club de la Estampa de Buenos Aires, participan artistas que se agrupan ao redor dos diferentes rexistros do neoexpresionismo arxentino de finais dos anos sesenta. No seu conxunto, contextualiza o ambiente artístico no que Laxeiro se movía naquela época de finais dos anos sesenta, nos que o pintor gozaba dunha integración plena no sistema arxentino da arte.
O Club de la Estampa de Buenos Aires, foi constituído como asociación en 1966, co propósito de reunir aos principais artistas gravadores de Bos Aires en torno á edición e a exhibición dos seus traballos e dignificar así unha técnica artística que democratizaba a arte. O seu principal impulsor foi o artista e gravador descendente de galegos Albino Fernández (1921- 2014) que, naquel momento fundacional, reuniu aos tres prestixiosos gravadores Adolfo Bellocq (1899-1972), Pompeyo Audivert (1931-1998) e Victor Rebuffo (1903-1983) e, inmediatamente despois, colaborou con numerosos artistas en exposicións e publicacións, chegando a organizar a Primeira Bienal Internacional de gravado na Art Gallery International de Bos Aires, en 1968, galería que, en 1970 organizou unha retrospectiva de Laxeiro, como colofón ao período arxentino do pintor.
Litografías. Club de la estampa de Buenos Aires. 1968 é unha exposición testemuñal que celebra o vencello do pintor galego co país que o acolleu entre 1951, cando viaxou a Bos Aires como artista participante na exposición titulada Artistas gallegos, na galería Velázquez, por encargo do Centro Gallego, comisariada por Luís Seoane. Esta viaxe propiciou o seu establecemento na cidade arxentina ata 1970 e foi alí onde orientou a súa carreira que xa gozaba de sona en Galicia antes de 1951, como membro do grupo Os novos, que introduciron a arte galega na contemporaneidade.
HORARIO DE VISITA
- De luns a venres: 18:00 – 21:00 h
- Sábados: 12:00 – 14:00 h e 18:00 – 21:00 h
- Domingos: 12:00 – 14:00 h
Máis
Hora
18 xuño, 2025 19:00 - 21 setembro, 2025 14:00(GMT+02:00)
Localización
Fundación Laxeiro
Rúa Policarpo Sanz, 15, 36202 Vigo, Pontevedra