decembro, 2019

17dec19:30Lembranza-Homenaxe á Asociación Cultural de VigoACTIVIDADES PARA O COCO | De balde19:30 Biblioteca EMAO

Máis

Detalles do evento

O próximo martes 17 de decembro, ás 19.30 horas, na biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios (García Barbón), e co título ‘Asociación Cultural de Vigo. Unha imprescindible achega á cultura da nosa cidade dos 60 e 70‘ o Ateneo Atlántico organiza un acto de lembranza e homenaxe á Asociación Cultural de Vigo. O acto consistirá nunha conversa entre dous persoeiros que no seu momento foron presidentes da Asociación: Camilo Nogueira e Xosé Luís Franco Grande. Actuará como presentador e moderador Ricardo Gurriarán, investigador especializado en asociacionismo en Galicia.

O Ateneo Atlántico quere render homenaxe a unha Asociación que entendemos imprescindible para entender a cultura galega e os movementos culturais de Vigo dos anos 1960 e 1970, nuns momentos que resultaron de especial dificultade para todo o que cheirase minimamente a Cultura e a Galeguidade.

A Asociación Cultural de Vigo, rexistrada en decembro de 1965 por un grupo de persoas de perfil ideolóxico diverso, con predominio do nacionalismo, naceu, como apuntaban os promotores, co desexo de “… fomentar, promover e desenrolar todas aquelas manifestacións culturás propias dunha cidade nova e puxante coma Vigo (…) o cultivo da cultura propia da Terra da que somos parte, require a primeira das nosas atencións. Consideramos que a fala galega, de tódalas manifestacións da nosa peculiaridade, é a que merez unha atención especial.

A pesar de transitar entre prohibicións, multas e o ferreo control censor exercido polo Goberno Civil e o Ministerio de Información e Turismo da época, esta iniciativa tivo un longo percorrido acadando unha importante consolidación na nosa cidade e deixando unha profunda pegada no seu tecido social e cultural; pegada que o Ateneo Atlántico, hoxe, pretende honrar e recuperar para moitos sectores da sociedade viguesa.

Entre os presidentes da Asociación Cultural de Vigo, e a partir de Camilo Nogueira, que foi o primeiro, podemos atopar sonas como as de Alfonso e Darío A. Gándara, Méndez Ferrín, Nemesio Barxa, Bautista Álvarez, Cesar Cunqueiro, Francisco Carballo e un longo etcétera entre o que hoxe queremos salientar, pola súa presenza no acto, ao propio Xosé Luís Franco Grande.

A Asociación, como non podía ser menos, tivo un fondo espírito igualitario; así, entre os grupos que formaron as distintas directiva figuran nomes como os de Mª X. Queizán, Camino Noia, Mª C. Sanleón, Mª Luz Rey, Mª C. Vicente, Felisa Ga Castro, Mª C. García Teixeira…

Naqueles difíciles anos, a Asociación organizou todo tipo de actividades culturais entre as que podemos atopar representacións teatrais, cursos de cultura e lingua galega, conferencias, ciclos temáticos sobre Galicia, recitais de poesía e música, presentación de libros, coloquios, exposicións, seminarios, convocatorias de concursos de creación artística e literaria… Tiveron especial repercusión social na cidade de Vigo algúns dos actos musicais organizados pola ‘Cultural’, como foron os festivais Celtas de Castrelos, a homenaxe de Galiza a Zeca Afonso, ou a chegada á nosa cidade de Mikis Theodorakis para interpretar o seu Canto General en base á obra de Neruda.

Polas súas actividades pasaron o mellor do mellor da cultura galega (e non galega) do momento. Alonso Montero, Méndez Ferrín, Mª do Carme Kruckemberg, Maximino L. Queizán, Ramón Piñeiro, Monseñor Araúxo Iglesias, Victoria Torres, Xosé Manuel Beiras, Voces Ceibes, Pilocha, Camino Noia, Torrente Ballester, Mª Xosé Queizán, Carlos Casares, Uxío Novoneira, Manuel María, Colmeiro, Manuel Lourenzo, Bocelo, Mª Luz Rey, Conde Corbal, Otero Pedrayo, Blanco Amor, Alonso del Real, Reimundo Patiño, Ferro Couselo, Mª Carme Sanleón, Antonio Fraguas, Xabier Pousa, Bar Bóo, Álvaro Cunqueiro, Manuela Fraguela, Mª C. Ga Teixeira, Filgueira Valverde, Luís Soto, Antón Seoane, Victoria Armesto, Vilas Nogueira, Bernardino Graña, Felipe Senén, Francisco Carballo, Lois Diéguez, etc. Foi significativa, tamén, a achega de persoeiros da cultura portuguesa coma o ensaísta Óscar Lópes, o filólogo Rodrígues Lapa ou o militar e político Costa e Gomes.

Entre as anécdotas da Asociación Cultural figuran, por exemplo, a multa de 5000 pesetas que lle impuxeron en 1968 ao profesor Aranguren por impartir unha charla sen permiso, a suspensión de actos (Amancio Prada, 1972, César Portela 1974…) polo mesmo motivo: carecer do prescriptivo permiso gubernamental, ou o minucioso Informe ‘sobre membros da directiva da Asociación Cultural de Vigo‘ elaborado pola policía franquista en 1971.

Camilo Nogueira Román (Lavadores, 22 de novembro de 1936) escritor, político, enxeñeiro e economista galego.

Xosé Luís Franco Grande (Tebra, Tomiño, 17 de febreiro de 1936) escritor e avogado galego. Membro de número da Real Academia Galega dende o ano 199.

Ricardo Gurriarán Rodríguez (O Barco de Valdeorras, 1953) escritor e historiador galego.

Hora

(Martes) 19:30

Lugar

Biblioteca EMAO

36201, Rúa de García Barbón, 5, 36201 Vigo, Pontevedra

X