CAMELIAS NADAL

21nov16:30Ledicia Costas e Luismi Pérez presentan en Vigo 'Bruxas e dragóns', o primeiro libroxogo galegoACTIVIDADES PARA O COCO | De balde16:30(GMT+01:00) Monster Factory

Detalles do eventos

A fantasía, a literatura e o xogo únense en Bruxas e Dragóns: Baba Iagá, o primeiro volume dunha nova colección de libroxogos da editorial viguesa Triqueta. Unha obra creada pola escritora Ledicia Costas e o guionista Luismi Pérez con ilustracións de Bea Gregores, que tamén está dispoñible en castelán.

O libro contará cunha triple presentación en Vigo ao longo da fin de semana: o venres 21 nas librarías Monster Factory ás 16:30 h e Miol ás 18:00 h, ambas en Navia, e o sábado 22 no Museo Marco ás 12:00 h.

O pasado 6 de novembro chegaba ás librarías  Bruxas e Dragóns: Baba Iagá, un libro escrito a catro mans entre Ledicia Costas e Luismi Pérez e ilustrado por Bea Gregores. Pero, en realidade, Bruxas e Dragóns non é só un libro: é un libroxogo

Esta obra rende homenaxe aos clásicos libros “Escolle a túa propia aventura” dos anos oitenta, onde cada lector e lectora pode escoller o seu propio camiño a medida que toman decisións. Unha proposta que combina a emoción dos xogos de rol clásicos coa maxia da narrativa literaria, abrindo a porta a unha forma distinta de ler: xogando. Por iso, resulta moi acaido para aqueles nenos e nenas aos que lles gusta xogar pero lles custa animarse a coller un libro.

O libro lese dun xeito non lineal. Cada decisión marca o rumbo da trama: escoller o Camiño da Espada e combater con dados contra terribles criaturas ou tomar o Camiño da Maxia e atreverse a pronunciar conxuros tan poderosos coma imprevisibles. O resultado son 52 posibles finais que fan de cada lectura unha experiencia interactiva única e diferente

Cunha linguaxe accesible pero coidada, un ton fresco e un universo fantástico, Bruxas e Dragóns convida a nenas, nenos e persoas adultas a gozar da lectura desde unha perspectiva nova e participativa. Tamén é unha porta de entrada a clásicos da literatura como Drácula de Bram Stoker, Onde viven os monstros de Maurice Sendak ou A metamorfose de Franz Kafka, xa que ao longo das páxinas poderemos vistar estes e máis mundos. 

Ademais, Bruxas e Dragóns é o primeiro libroxogo feito en Galicia, e se edita tanto en galego como en castelán. Baba Iagá é o primeiro volume dunha triloxía na que xa están a traballar Luismi e Ledicia.

Sobre os autores

Ledicia Costas é unha das autoras máis recoñecidas e premiadas da literatura galega contemporánea, con galardóns como o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, o Premio Lazarillo ou o Barco de Vapor. É autora dalgúns dos libros galegos máis vendidos, tanto para adultos como para público infantil e xuvenil. É tamén directora do Hematofesti, festival de humor e literatura infantil de Vigo. A súa imaxinación e sentido do humor reflíctense en cada páxina desta obra.

Luismi Pérez é guionista e traballou en programas como El Intermedio e en series como Nasdrovia, Malaka, Dos años y un día ou Capítulo 0. Apaixonado do cine, dos videoxogos e da música (é integrante dos grupos Petróleo e Tigres Leones), Pérez debuta no universo do libroxogo cun proxecto que une a súa paixón polas historias interactivas e a fantasía.

Bea Gregores é unha ilustradora editorial viguesa que gañou diversos premios no mundo da ilustración e do cómic, ademais de participar e comisariar varias exposicións. Interésanlle os libros que deixan atrás os contos infantilizados e tratan aos cativos como persoas con altas capacidades emocionais e reflexivas.

Presentacións e sinaturas

Os dous autores estarán presentes nos seguintes actos, nos que se explicará como se xoga e se
asinarán exemplares:

  • Venres 21 de novembro ás 16:30 – Monster Factory (Navia, Vigo)
  • Venres 21 de novembro ás 18:00 h – Librería Miol (Navia, Vigo)
  • Sábado 22 de novembro ás 12:00 h – Museo Marco (Vigo)
  • Venres 28 de novembro ás 18:00 h – Librería Gradua2 (Madrid)

Hora

21 novembro, 2025 16:30(GMT+01:00)

Localización

Monster Factory

Rúa das Teixugueiras, 32, Portal 2, 36212 Vigo, Pontevedra

Other Events