>

12set20:00Inauguración de 'Elévamenaluz'ARTE E MUSEOS | De balde20:00(GMT+02:00) Asociación Cultural Évame Oroza

Detalles do eventos

A Asociación Cultural Évame Oroza inaugura Elévamenaluz, unha mostra do escultor Jesús Valmaseda, quen volve aos espazos expositivos tras varios anos de silencio creativo, que permanecerá ata o 7 de novembro. Na mesma, o artista explora por primeira vez a linguaxe fotográfica como medio de creación plástica.

O título da mostra é un guiño sonoro e poético a Carlos Oroza, pois dialoga cun verso do poema Évame. Segundo explica o creador: “Aínda que comecei a experimentar coa fotografía dixital hai uns anos, buscando efectos plásticos directamente coa cámara, sen manipulación posterior, esta é a primeira vez que me decido a mostrar o resultado dunha das diferentes series temáticas que fun elaborando ao longo da última década. (…) O que realmente me interesa é a utilidade da cámara como ferramenta para conseguir suxestivas texturas que, por exemplo, imprimen aspecto de solidez, ás veces pétrea, á auga, á luz, ás árbores… Unha ferramenta a modo de brocha que no varrido do xesto plasma imaxes próximas á pintura, ao debuxo ou, mesmo, á escultura”.

As súas fotografías evocan trazos de lúa que debuxan volumes orgánicos, ambigüidades en permanente metamorfose: intestinos, cerebros, tallos vexetais, nós e ramas, dunas, corpos entrelazados, catenarias en desorde ou unha carreira de espermatozoides. O indefinido, a penumbra dos significados, transfórmase nun campo fértil de suxestións, aberto á mirada de cada espectador.

Así, Elévamenaluz é tanto unha mostra visual como un exercicio poético: un encontro entre a materia plástica de Valmaseda e a resonancia visionaria de Oroza, que segue vivo neste espazo do Casco Vello de Vigo.

HORARIO DE VISITA

  • De luns a venres: 16:30 – 20:30 h

Hora

12 setembro, 2025 20:00(GMT+02:00)

Localización

Asociación Cultural Évame Oroza

Subida Costa, 5, 36202 Vigo, Pontevedra

Other Events