Detalles do eventos
A Manuel Eirís, como a calquera artista do século XXI, pésalle a tradición, os máis de 20 séculos de prácticas pictóricas (aos que habería que engadir uns 30.000
Detalles do eventos
A Manuel Eirís, como a calquera artista do século XXI, pésalle a tradición, os máis de 20 séculos de prácticas pictóricas (aos que habería que engadir uns 30.000 anos máis, se levamos o inicio da conta ata Altamira ou Lascaux), e sente a responsabilidade de quen debe loitar con esa carga para poder seguir pintando. Como el mesmo afirma: ten dúas saídas, ou cala e renuncia a seguir producindo imaxes, ou explora posibilidades e formas que lle permitan seguir intentándoo.
Dúas desas estratexias, dous deses recursos plásticos que lle permiten a Eirís continuar a pintar, móstranse nesta exposición, Andar por las ramas, que se presenta en SVT Espazo de Arte. A primeira, á que fai alusión o título da mostra, consiste en afastarse de todos os procedementos asociados á mímesis, e irse polas ramas, fuxir do centro, saír do marco —mental e práctico— que fai posible a existencia de calquera imaxe: deixarse levar aos lindes, avanzar por desborde. Cada obra pon en marcha así un plan de fuga.
O borrado é outro dos procedementos posibles para enfrontarse á responsabilidade diante da propia obra e da presenza inescusable da tradición. No caso de Manuel Eirís, poderíase dicir que as obras realizadas con este recurso do borrado converteronse, ao longo destes últimos anos, nunha das súas series máis recoñecibles. Aquí a acción de tapado prodúcese pola aplicación sucesiva de diferentes capas pictóricas monocromas, cada unha das cales supón a ocultación da anterior.
Unha vez máis, a obra retírase ás periferias, reclúese nos rastros (o goteo) que as sucesivas capas de borrado van deixando nos bordos da tea e o bastidor. De novo, atópanse nos lindes, e é nese espazo de tránsito entre a pintura e a vida onde se manifesta a verdadeira faz da obra.
O espazo pictórico ábrese para amosar os seus intactos vergeles: no xardín de Malevich florece a entropía.
Hora
20 febreiro, 2026 20:00(GMT+01:00)
Localización
SIRVENT
Av. da Gran Vía, 129, 36204 Vigo, Pontevedra

