Detalles do eventos
Do 7 ao 11 de outubro, o Museo MARCO e a sede da Deputación de Pontevedra en Vigo acollerán a primeira edición de Impulsa Cine – Encontro de Redes Galegas e
Detalles do eventos
Do 7 ao 11 de outubro, o Museo MARCO e a sede da Deputación de Pontevedra en Vigo acollerán a primeira edición de Impulsa Cine – Encontro de Redes Galegas e Lusófonas de Cinema, un espazo de encontro, aprendizaxe e creación de oportunidades arredor do cinema en Galicia, Portugal e Brasil. Durante cinco días, profesionais e público xeral terán a oportunidade de asistir a masterclasses, mesas de debate e obradoiros que exploran as novas dinámicas de produción e distribución audiovisual.
O proxecto Impulsa Cine nace coa vocación de fortalecer vínculos cinematográficos e impulsar a colaboración entre Galicia e os países lusófonos. A programación está composta por unha masterclass, tres mesas redondas e un obradoiro de ferramentas de intelixencia artificial aplicadas á creación audiovisual.
A entrada das actividades é de balde e o público destinatario inclúe profesionais do sector como produtores, directores, guionistas, representantes de distribuidoras e festivais, así como estudantes, académicos e calquera persoa cinéfila. A iniciativa está promovida pola produtora galega Abella Producións e conta co apoio do Ministerio de Cultura.
O programa é o seguinte:
Martes 7 de outubro ás 17:30h | MARCO
Masterclass | Proxectos iberoamericanos
Sesión a cargo de Tathiani Sacilotto, directora de PNG Pictures (Portugal), produtora con máis de 30 filmes coproducidos internacionalmente.
A sesión ofrecerá ferramentas prácticas para desenvolver proxectos audiovisuais noutros países da rexión iberoamericana: desde a procura de socios ata a distribución, pasando por negociacións de coproducións e aproveitamento de recursos locais. As persoas participantes poderán presentar ideas e recibir os consellos da experta.
Mércores 8 de outubro ás 17:30h | Sede da Deputación de Pontevedra en Vigo
Mesa redonda | Fronteiras creativas: produción transnacional no cinema lusófono e galego
Convidados: PNG Pictures (Portugal), ICTMI – Incuba Cultura (Brasil) e o Festival Cine Amadora (Portugal).
A conversa explorará como os proxectos de coprodución lusófono-galegos enriquecen o panorama audiovisual grazas ao intercambio de talento, recursos e miradas culturais. Entre os relatores estarán Tathiani Sacilotto e António Ferreira, impulsores de proxectos con ampla proxección internacional; Eron Quintiliano, director do Festival Cine Amadora e figura clave no ámbito cultural luso-brasileiro; e Claudio Gimenez, presidente do ICTIM, cunha traxectoria na innovación cultural en Brasil.
Xoves 9 de outubro ás 11:00h | MARCO
Mesa redonda | Plataformas de streaming e o seu impacto na difusión e produción cinematográfica
Convidados: Maricá Filmes (Brasil), CREA (Galicia) e Vigo Film Office (Galicia).
Espazo de análise sobre como as plataformas públicas de streaming revolucionaron os modelos de difusión, abrindo espazo para novas voces e democratizando o acceso ao cinema. Intervirán Ana Tendler, responsable de Maricá Filmes (primeira plataforma pública de streaming no Brasil), Xoan Escudero de CREA, e Amaia Mauleón, directora da Vigo Film Office, quen achegarán as súas experiencias na promoción de producións independentes e na conexión co público.
Venres 10 de outubro ás 11:00h | Sede da Deputación de Pontevedra en Vigo
Mesa Redonda | Impulsar a produción: Estratexias para audiencias diversas
Convidados: Baño Films (Galicia), Agência da Curta Metragem (Portugal) e Proxecta (Galicia).
O diálogo centrarase en como facer que o cinema galego-lusófono chegue a audiencias diversas e internacionais, mantendo a súa autenticidade cultural. Participan Milo Baño, con décadas de experiencia na distribución cinematográfica en Galicia; Miguel Dias, director do festival Curtas Vila do Conde e experto na promoción internacional de curtametraxes; e Ángel Sánchez, director do festival Play-Doc e presidente de Proxecta,Coordinadora Galega de Festivais de Cinema.
Sábado 11 de outubro ás 11:00h | MARCO
Masterclass | Escenarios da IA e as súas aplicacións audiovisuais
Impartida polo especialista galego Marcos Mosquera, con máis de 20 anos de experiencia en animación, motion graphics, VFX e postprodución.
Compaxina o seu traballo freelance coa docencia na Universidade de Vigo, impartindo clases en mestrados sobre vídeo, motion graphics e postprodución. As persoas asistentes traballarán en equipo para coñecer ferramentas como ChatGPT, Runway ou DALL·E, aplicándoas en cada etapa do proceso creativo, desde a conceptualización ata a postprodución.
Hora
7 outubro, 2025 17:30 - 11 outubro, 2025 11:00(GMT+02:00)
Localización
Vigo
36201 Vigo, Pontevedra
Hoxe móvese
novembro



