CAMELIAS

II Festival Virtual do Libro

26mar(mar 26)11:3028(mar 28)21:00II Festival Virtual do LibroACTIVIDADES PARA O COCO | De balde11:30 - 21:00 (28)(GMT+01:00)

Detalles do eventos

II Festival Virtual da Literatura galega (FLIV) analizará a situación actual da cultura e do sector do libro en Galicia debido á pandemia. O evento contará coa participación de máis de 70 convidados a través de 30 actividades organizadas. As intervencións daranse en diferentes formatos: charlas, mesa redonda, debates, presentacións de libros ou sesións dedicadas ao teatro, entre outros. Tamén se prestará especial atención ás personalidades do sector literario conmemoradas este ano: Emilia Pardo Bazán, Xela Arias e Álvaro Cunqueiro.

O evento terá lugar entre o venres 26 e o domingo 28 e todas as actividades poden seguirse de maneira virtual a través da súa web https://www.fliv.gal/index.php/gl/

PROGRAMA COMPLETO

Venres 26 de marzo

  • 11:30: Pregón inaugural. Abren esta edición do FLIV21 xs representates das entidades colaboradoras e Mercedes Corbillón en representación da organización.
  • 12:00: 200 anos con Marcial Valladares (1821- 1903): Un recordatorio da súa vida e da súa obra desde a ollada experta de Xosé Antonio Fernández Salgado (filólogo e profesor na UVigo).
  • 12:30: A literatura infantil e xuvenil galega é atrevida. Mesa redonda con Eva Mejuto (escritora e coordinadora do Salón do libro Infantil e xuvenil); Antía Yáñez (escritora e docente); Nee Barros (escritor e divulgador cultural) e Irene Pérez (@surfeandolibros) (divulgadora cultural). A LIX non é só unha prescipción facultativa para as aulas, pero pode ser o camiño para comprender a necesidade da lectura e as achegas da literatura para cada persoa. Non hai idade para ler LIX, ser novxs non condiciona a escolla literaria. Ou si? E se falamos de calidade e temática? Somos xs galegxs afortunados ou botamos algo en falta?
  • 14:00: Novidades editoriais Rinoceronte editora. Moisés Barcia presenta as propostas máis senlleiras do que vai de tempada editorial para lectorxs de todxs os gustos e idadxs. Non sabes que ler a continuación? Déixate engaiolar, hai un libro para ti.
  • 17:45: Novidades editoriais Hércules edicións. Ánxela Gracián presenta a súa tradución de Bruxas, a forza invencibles das mulleres, de Mona Chollet. Non sabes que ler a continuación? Déixate engaiolar, hai un libro para ti.
  • 18:00: “Son unha radical feminista” Emilia Pardo Bazán; desde a ollada experta de Marilar Aleixandre (escritora, investigadora e académica da RAG).
  • 19:00: Novidades editoriais Laiovento edicións. Rocío Viéitez presenta a nova colección da editora, Candemaia, que traducirá ao galego grandes autoras da literatura universal. O primeiro título é Mociñas, de Louisa May Alcott. Non sabes que ler a continuación? Déixate engaiolar, hai un libro para ti.
  • 19:15: Entrevista de Nacho Alonso a Érica Esmorís. Patio de luces (editorial Xerais, con ilustracións de Juan Berrio) é unha das últimas publicacións da autora. Premio cidade de Málaga no que coñeceremos os habitantes do edificio onde traballa o avó de Lea.
  • 19:45: Novidades editoriais Através editora. Presentación das novidades de Através. Non sabes que ler a continuación? Déixate engaiolar, hai un libro para ti.
  • 20:00: “Álvaro Cunqueiro corenta primaveras despois”; desde a ollada experta de Armando Requeixo (crítico e investigador literario)

Sábado 27 de marzo: Día Internacional do Teatro

  • 11:00: “Xela Arias, unha aproximación á súa obra e vida”; desde a ollada experta de Chus Nogueira (ensaísta, crítica e profesora da USC).
  • 12:00: Recital: Slam Poetry. A palabrafalada é unha achega poética que combina o ritmo literal co ritmo musical que se acada coa voz e a xestualidade. Parte do colectivo galego desta disciplina ofrece un recital para non perder. Brais Nogueira, Andrea Valle, Pompa&Boato, Peter Brea, Diego Horchovski.
  • 12:30: Novidades editoriais Banda Deseñada. Eduardo Maroño leva anos lendo BD e falando de BD. Desta volta achéganos unha panorámica sobre a produción artística galega nesta disciplina. Non sabes que ler a continuación? Seguro que hai unha proposta de BD para ti.
  • 13:00: Intervencións poéticas, poéticas insubmisas. Mesa redonda con Arancha Nogueira, Emma Pedreira, Carlos Negro e Carlos da Aira. A poesía en papel e a poesía na pel. O directo, as formas de comunicación da poesía e os formatos de contacto. A emoción nas palabras lidas e sentidas. A resaca dos movementos poéticos dos noventa, os festivais, a necesidade de interpretar a normalidade (nova, vella, emprestada ou azul).
  • 18:00: Novidades editoriais Galaxia. Francisco Castro presenta as propostas máis senlleiras do que vai de tempada editorial para lectorxs de todxs os gustos e idadxs. Non sabes que ler a continuación? Déixate engaiolar, hai un libro para ti.
  • 18:15: TEATRO INTERRUPTUS. En colaboración coa publicación especializada en artes escénicas Erregueté varixs dxs dramaturgxs len os seus textos: Xesús Pisón, Teté García, Diana Mera, Merche Pérez, Tito Asorey, Ana Carreira, Francisco Oti, Julio Fer, Zé Paredes, Carlos Santiago, Olivia Pena. Lembramos o labor de Xosé Manuel Pazos a través da lectura dun extracto de María Soliña na voz de Casilda Alfaro.
  • 19:15: Ser actor é cousa de homes. Mesa redonda con Camilo Franco, Monti Castiñeiras, Fran Lareu e Óscar Allo. Que pasa cando os homes teñen que facer de homes. Como é a condición masculina da interpretación e que piden hoxe como requisito para pasar por un. Tres actores galegos de teatro, cine ou televisión explican as vantaxes e dificultades dos roles de home de ficción, as circunstancias que corresponden a ser actor e galego e cal é a situación dunha ficción que se resiste a abandonar os vellos prototipos.
  • 20:15: Recital: Editorial Medulia. Andrea Fernández Maneiro, Manuel López Rodríguez, Raúl Gómez Pato e Xosé Henrique Rivadulla Corcón ofrecen un recital.
  • 21:00: Entrevista de Nacho Alonso a María Rei. Flores de ferro (editorial Galaxia, premio García Barros 2021) é a novela debut da autora. Unha historia de silencios, do horror; pero tamén de memoria, de resiliencia, de sororidade.

Domingo 28 de marzo

  • 11:15: “Cen anos do poeta e crego Faustino Rey Romero”; desde a ollada experta de Xosé Ricardo Losada Diéguez (escritor e docente).
  • 12:15: A novela desde a memoria do propio. Mesa redonda con Suso de Toro, Xesús Fraga, Berta Dávila e Esther Gómez. Un señor elegante (Xerais), Virtudes (e) Misterios (Galaxia) e Illa decpeción (Galaxia) son tres exemplos da construción da ficción narrativa desde a ficción do persoal. Hai orde na autorrepresentación? Condiciona a contorna pandémica a visión narrativa? Somos universos de experiencias comúns ou illas de excepcionalidade?
  • 13:30: Recital: Binomio poético; con Oriana Méndez e Manuel López Rodríguez.
  • 14:00: Novidades editoriais Aira. Dende Allariz César Lorenzo presenta as propostas máis senlleiras do que vai de tempada editorial para lectorxs de todxs os gustos e idadxs. Non sabes que ler a continuación? Déixate engaiolar, hai un libro para ti.
  • 18:00: Novidades editoriais Xerais. Presentación das obras gañadoras dos premios Xerais 2020.
  • 18:15: Entrevista de Nacho Alonso. Fala co autor da realidade e da traxedia que supón os naufraxios na obra de Rivadulla Corcón.
  • 19:00: Criticar a crítica. De criterios e outras peneiras. Mesa redonda con Inma López Silva, Xina Vega, Afonso Becerra e Manuel Forcadela. Catro críticxs expertxs dialogan arredor da comunicación entre crítica, autorxs e comunidade lectora e espectadora. A función da crítica, a súa necesidade, a súa calidade e presenza en redes ou o impacto dos premios literarios na narrativa/poesía/e teatro a debate.
  • 20:30: Cultura segura, cultura resiliente. Mesa redonda con Anna R. Figueiredo, María Armesto (autora e Directora Artística da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas), Camilo Franco (escritor, crítico e xornalista), Maribel Tato (libreira e divulgadora cultural) e Anxo Lorenzo (músico, coordinador do Festival Intercéltico do Morrazo). Catro expertxs na creación e promoción cultural dialogan sobre a construción da cultura galega desde o teatro, a literatura e a música tradicional nos escenarios pre-pandremia; 2020 e de cara ao futuro. A cultura é segura, pero sabemos que ofrece a cultura? Que definimos como tal?

Máis

Hora

26 marzo, 2021 11:30 - 28 marzo, 2021 21:00(GMT+02:00)

Detalles do evento virtual

O evento xa tivo lugar!