ORQUESTRA CLÁSICA

30abr10:0810:08PORTOSANTO10:08 - 10:08(GMT+02:00) La Fábrica de Chocolate

Detalles do eventos

Nuno Pico, coñecido artísticamente como Grande Amore, lanza xunto a súa antiga banda Oh! Ayatollah: Portosanto. O grupo galego presentará o seu primeiro traballo ‘Ten que haber un sitio para nós’, este sábado 2 de maio en La Fábrica de Chocolate.

Portosanto presentan ‘Ten que haber un sitio para nós’, o seu primeiro LP baixo este nome. O disco -formado por dez cancións- supón o punto de partida dunha nova etapa para unha banda integrada por Anaís, Andrés, Nuno, Simón e Xoel, os mesmos membros que anos atrás deron vida a Oh! Ayatollah. Lonxe de funcionar como unha continuidade, o álbum formula un comezo consciente: unha forma de recoller o vivido e transformalo nunha proposta máis directa, emocional e afinada.

Os adiantos, o tema homónimo ‘Ten que haber un sitio para nós’ e ‘Vinte de agosto’, xa deixaban entrever as coordenadas do disco: por unha banda, a necesidade de atopar un lugar propio; pola outra, o peso da memoria e das escenas que, sen
sabelo, acaban definindo quen somos. Dúas liñas que atravesan o álbum de principio a fin e que se desenvolven ao longo das súas dez cancións desde distintas perspectivas, sempre cunha mirada honesta e sen artificios. Musicalmente, Ten que haber un sitio para nós’ móvese nun pop rock de guitarras luminosas e afiadas, con nervio melódico e unha intensidade que medra desde a contención. As cancións constrúense sobre riffs recoñecibles, bases rítmicas firmes e unha clara vocación de banda, onde cada elemento ocupa o seu espazo sen perder o conxunto. Hai ecos evidentes —The Homens ou Blur—, pero o disco non busca a referencia, senón a identidade: unha forma propia de entender o formato canción desde a proximidade e a emoción.

Gravado en Casa Talisio baixo a produción de Jacobo Naya, o álbum aposta por unha sonoridade clara e directa, na que as guitarras ocupan o primeiro plano e a voz móvese entre a vulnerabilidade e a determinación. Non hai exceso nin ornamento innecesario: o traballo céntrase en deixar que as cancións respiren e avancen, construíndo unha tensión que se resolve máis pola insistencia que polo estalido. No plano lírico, o disco afonda nunha idea recorrente: a de medrar e asumir que as
certezas prometidas non chegan.
Fronte a iso, Portosanto non propoñen respostas, senón preguntas compartidas. As súas cancións falan de recordos que regresan, de momentos aparentemente menores que adquiren un novo significado co paso do tempo, e desa necesidade persistente de atopar un lugar —físico ou simbólico— ao que pertencer. Hai tamén un leve trasfondo xeracional no álbum. Portosanto forman parte dunha fornada que comezou a publicar música nun contexto distinto ao actual, cando a escena galega aínda non vivía o momento de expansión que experimentou nos últimos anos. Hoxe, nun panorama máis amplo e diverso, a banda sitúase nun lugar propio, alleo ás tendencias e centrado na construción dun discurso honesto e recoñecible.

Entradas aquí.