FAITE AMOVIDALOVER

07mar18:0023:00Teatro Gorrilla volve este sábado a Churruca con cinco espectáculosespectáculos | Caixa inversa18:00 - 23:00(GMT+01:00) Churruca

Detalles do eventos

O próximo sábado 7 de marzo inicia o ano de Teatro Gorrilla no barrio de Churruca. Cunha programación que enche o barrio de Churruca con 5 propostas escénicas en 5 bares que se transformarán en escenarios para acoller ás artistas que nos acompañan:

  • Comezan ás 18h no Tinta Negra, Rúa dos Irmandiños, 2;
  • continuamos ás 19h no Candela Cantina ,Rúa Martín Códax, 12;
  • para ir ás 20h ao The City, Rúa Irmandiños, 17;
  • ás 21h subir a nosa Casa de Arriba, Rúa Martín Códax, 23
  • e terminamos ás 22h no Arco da Vella, Rúa Churruca, 2

*A presentación das artistas non é a orde na que van actuar, xa que vos convidamos a que veñades a todo, polo que non desvelaremos a hora de actuación das artistas!

Contarán coa presenza de:
Alberte Bello, director de arte, creador e docente. Titulado Superior en Escenografía pola Escola Superior de Arte
Dramática de Galicia, formándose ademais con profesionais como Carlos Marquerie, Paco Azorín ou Pamela Howard.
En 2020 funda o #ColectivoCBV, onde produce e protagoniza pezas como ‘Menu-do día’. Activista que colabora coa
sección PalcosLGTBIQ+ da Erregueté. Trae a súa proposta:
HOME Além disso
É unha proposta performativa, que xorde da necesidade de poñer no centro a posibilidade de cuestionar a masculinidade
hexemónica, dende o íntimo e o biográfico. O punto de partida de HOME Além Disso, fala da construción da masculinidade, e de como o propio artista quere cuestionar as suposicións culturais e sociais que se lle atribúen á mesma: Que significa ser un home?

A Tríptica Teatro, é unha compañía multidisciplinar formada por tres creadoras novas: Gema González (intérprete, creadora escénica e música), Noa Iriarte (escenógrafa e iluminadora) e Diana Longa (dramaturga e directora). Tras formarnos na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESADg), fundamos a compañía co desexo de crear o teatro que queremos ver: comprometido, visualmente innovador e cunha linguaxe propia, sempre procurando que o equipo artístico estea integrado por mulleres novas do ámbito local. Con esta visión, en A Tríptica buscamos xerar unha conexión profunda co público, abordando cuestións sociais e persoais dende unha escena arriscada, poética e contemporánea. Facemos teatro como quen traballa a terra: con entrega, coas mans, coa memoria. Esta nova compañía preséntannos a súa primeira peza en proceso:
O que xermola no lume
Peza de teatro contemporáneo que aborda os incendios forestais en Galicia como ferida colectiva e como metáfora dun
sistema que arrasa co territorio, coa memoria e cos corpos. A través do movemento, da música, da luz e da palabra, a obra constrúe unha viaxe emocional que transita da destrución ao renacer, da soidade á forza da comunidade. Unha proposta poética, accesible e comprometida, que convida ao público a pensar, sentir e imaxinar outros futuros posibles

Silvia Penas, poeta, investigadora e creadora escénica. O seu traballo ten como punto de partida a creación de textos, cunha forte vocación de indagar na poesía escénica e outros formatos de poesía volátil ou efémera, de incorporar a palabra poética ao corpo a través da voz. Conta con diferentes premios coma o Premio Follas Novas de Poesía no 2024 e foi gañadora do I Slam Poetry Vigo e Slam Arousa. Na actualidade forma parte do colectivo interdisciplinar LÍMITES corpocolectivotransfronteirizo. Vén coa súa peza:
Cortar, refogar, afogar
Peza de poesía en acción. Tratará de achegar unha reflexión arredor do corpo feminino como espazo de conflito, en concreto, centrándose no cabelo, que serviu de campo de batalla, elemento simbólico de exterminio e submisión, pero onde tamén se enguedellan mensaxes subversivas e de liberdade. As rapadas do franquismo e outros réximes totalitarios, as cabeleiras arrincadas por desesperación das mulleres gazatís, as trenzas das escravas que delineaban rutas de fuga, ou as recentes protestas en Irán que levantaron unha onda de sororidade a escala mundial son algúns exemplos de como as cabeleiras femininas foron e contúan a ser branco, escusa, vértice de conflitos e acontecementos históricos. Aproximadamente 70 micróns de diámetro serven para soster o peso mesto da humanidade.

Dany Barros, bailarín vigués, formado en danza urbana, máis concretamente en popping, viaxando a Barcelona para
formarse. Ten participado en numerosas batallas de freestyle a nivel europeo e formou parte das compañías de danza Blanca Li; Tico Tacam en Toulouse e o Regalo de Zeus, actuando no Teatro Romano de Mérida.
Meu fogar
Unha peza que explora a identidade e a búsqueda de fogar nun mesmo, a través do corpo e a respiración. O corpo como a porta cara o ser, o sustento, a terra; e a música coma a invitación a sentir mediante a respiración, para que a enerxía poda ter espazo e se manifeste nas diferentes expresións. A nivel corporal, investiga coa técnica waving e popping facendo referencia a auga, ao dereito a sentir, ás emocións e sensacións a través do impulso e a entrega das olas; e do lume, expresando a capacidade de creación e destrucción, dando espazo ao novo. Para con isto, manifestar o anhelo de liberdade e conexión: o aire, en relación coa lixereza, o amor, o vínculo e a liberdade de ser une mesme, ser fogar.

Uxía Algarra , titiriteira e actriz. Formada en teatro de obxectos, traenos “Gracias por su visita”, unha peza presentada no Festival Internacional de Títeres e Obxectos, El Rinconcillo e premiada polo público do FIOT Carballo e no Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2025.
Gracias por su visita
Unha camareira, mentres pecha o bar e apura os restos das copas esquecidas é sorprendida por unha interferncia divina na
radio. A combinación do viño, o cheiro a lixivia, o fume que se cola por debaixo da porta e a música celestial fai que comprenda que o local non é só un bar, senón un microcosmos do universo, unha creación súa. Tomando posesión do seu
poder, reinventa o espazo como un Edén.

Caixa inversa, ao sair o público fai unha achega monetaria, valorando por si propio o traballo das artistas e organización. O mínimo recomendado para cada peza é de 5,00 €.

Hora

7 marzo, 2026 18:00 - 23:00(GMT+01:00)

Localización

Churruca

Rúa Churruca, 10-20 36201 Vigo Pontevedra

Other Events