VIALIA

Festival Play-Doc

22setTodo o día26Festival Play-DocFESTIVAIS E FEIRAS | Desde 4,00€(Todo o día)(GMT+02:00) Tui

Detalles do eventos

O vindeiro mércores, 22 de setembro, dará comezo a 17ª edición do Festival Internacional de Cine de Tui, Play-Doc. O evento ten preparado para esta edición 2021 un ambicioso programa, cun marcado carácter internacional pero conectado coa creación propia,  na que se contará coa presenza de cineastas e prescriptores internacionais á vez que se lle dará protagonismo ao máis próximo.

Podedes ollar a programación completa e as localización na web http://www.play-doc.com/programa-por-dias-entradas/, ademáis de mercar as entradas.

Programación

Un dos eixos fundamentais desta edición e que ocupan o centro da programación son as dúas retrospectivas que Play-Doc dedica a Manfred Kirchheimer e Bette Gordon, quen asistirá a Tui para presentar a súa recoñecida película de culto e icona feminista Variety. No caso de Kirchheimer, trátase da primera retrospectiva internacional que se lle dedica fóra dos EEUU e que está a xerar un grande interese en diversos medios especializados internacionais.

Ademais das retrospectivas e programas especiais, o festival ofrece cada ano unha destacada selección do cinema contemporáneo no marco dos seus programas competitivos. É o caso da sección internacional de longametraxes, que este ano conta con cinco títulos. Entre os filmes, atópase a estrea mundial de Big in China. Gorges and the Vision Machines, a última película do controvertido cineastra franco-canadiense Domininc Gangon; e as estreas españolas de Disturbed Earth (unha co-produción entre Macedonia, España e Bosnia-Herzegovina) dirixida por Kumjana Novakova e Guillermo Carreras), e Dal pianeta delgli umani, do realizador italiano Giovanni Cioni (recentemente estreada no festival de Locarno). Completan esta liña do programa No táxi do Jack, da portuguesa Susana Nobre, e Esquirlas, da arxentina Natalia Garayalde.

No marco da competición internacional de curtametraxes, o público poderá gozar da estrea internacional de Fruto do vosso ventre, do realizador portugués Fabio Silva, e Baki Tadú É, unha co-produción entre India, Dinamarca e Portugal que dirixen Kate Saragaço-Gomes e Calum MacBeath Morgan. O certame tudense tamén é o lugar escollido para a estrea mundial en festivais de Paraíso, dirixida polas cineastas españolas Maddi Barber e Marina Lameiro; e as estreas en España da curta brasileira Vagalumes, dirixida por Léo Bittencourt, e da coprodución franco-suíza Zu Dritt, de Agnese Làposi e Benjamin Bücher. Finalmente, Play-Doc tamén acollerá a estrea galega da peza española Revelaciones, de Juan Soto Taborda.

As películas gañadoras destas dúas seccións oficiais a concurso, ademais da competición de películas galegas, daranse a coñecer na noite do domingo 26. O xurado da sección de longametraxes estará conformado polo prestixioso crítico francés Ariel Schweitzer (Cahiers du Cinéma), a programadora norteamericana Nellie Killian (Metrograph) e o produtor galego Felipe Lage (Zeitum Films); mentres que as figuras que conformarán o xurado da competición de curtametraxes -así como da sección de Galicia- serán o cineasta brasileiro Helvécio Marins Jr., o director e guionista Miguel Clara Vasconcelos e a galega Elisa Pereira (La Plantación). 

No caso da competición galega, Play-Doc ofrecerá unha ampla escolma da produción máis recente e que se revela como un cinema vibrante, heterodoxo e irreverente; á vez que experimenta coa linguaxe narrativa para falar da idiosincrasia do país.  Memorias de ultramar, de Carmen Bellas; El viaje, 1988, de Claudia Pineda; Parolar cun eu, de Xisela Franco; Negro púrpura, de Sabela Iglesias e Adriana. P Villanueva; Camille & Ulysee, de Diana Toucedo; Tierra de leche y miel, de Héctor Vigueira; Augas abisais, de Xacio Baño; Os corpos, de Eloy Domínguez Serén; Tengan cuidado ahí fuera, de Alberto Gracia; A comuñón da miña prima Andrea, de Brandán Cerviño; e Persoa, pobo, paisaxe, de Daniel Pérez Silva, serán as curtas que participen nesta sección oficial.

Play-Doc online

Neste 2021, Play-Doc renova a súa colaboración coa plataforma FILMIN coa intención de espallar o festival por todo o territorio español durante os días de celebración do certame. O público poderá gozar do programa en liña do Play-Doc entre o 22 de setembro e o 3 de outubro. A proposta que se poderá ver a través da plataforma dixital componse das retrospectivas de Manfred Kirchheimer e de Bette Gordon. Ademais, o certame recupera para FILMIN a obra do filipino Kidat Tahimik, a quen Play-Doc lle dedicou a primeira retrospectiva en España no ano 2019. 

Ademais da posibilidade de seguir o festival a través de FILMIN, Play-Doc tamén presentará tres mesas en liña dedicadas á curadoría, á formación e á crítica cinematográfica, na que participarán respectados profesionais de nivel internacional e que estarán moderadas por Roger Koza. As mesas, que estarán dispoñibles na canle de Youtube de Play-Doc e na web do festival,  a partir do día 23, son: Film Curatorship in the Streaming Era, con David Schwartz (Netflix), Jaume Ripoll (FILMIN), Émilie Cauquy (Henri) e Nellie Killian (Metrograph); Make Yourserlf Comfortable: Film Criticism From Home, con  Michelle Carey (Senses of Cinema), Ariel Schweitzer (Cahiers du Cinéma), Diego Lerer (Micropsia) e Jordan Cronk (Film Comment); e Espacios de creación cinematográfica, con Eva Vila (Universidad Pompeu Fabra), Luis Ferrón (ECAM), Pablo Useros (Master LAV) e Clara Sánchez-Dehesa (Zine Eskola).

Programas especiais

Outra das grandes liñas da programación desta 17ª edición serán as sesións especiais, nas que as protagonistas serán dúas películas inéditas en España: Amerasia, do alemán Wolf-Eckart Bühler, e Sepa: Nuestro señor de los milagros, do suízo Walter Saxer, responsable dalgunhas das rodaxes máis difíciles da historia do cinema, como Fitzcarrraldo ou Aguirre la cólera de dios, adeamis dunha gran parte da filmografía de Wener Herzog. PrecisamenteSaxer acudirá ao Play-Doc para impartir na mañá do sábado 25 unha exclusiva clase maxistral na que compartirá a súa experiencia e coñecemento no mundo do cinema. O parladoiro estará moderado polo crítico, produtor e divulgador científico Martin Pawley. 

As sesións especiais completarase coa proxección, o domingo 26, de Río de sombras, como parte dunha homenaxe que Play-Doc renderá a unha das figuras clave do audiovisual galego, recentemente finado: o tudense Daniel Domínguez Pérez. Profesor, realizador e guionista de gran prestixio, Domínguez foi tamén un grande amigo do festival, no que se poderá ver, nesta edición, unha película rodada por el no ano 1986 en Tui.

Actividades paralelas

Ademais da clase maxistral de Saxer, Play-Doc ofrecerá diversas actividades dirixidas a distintos públicos, á fin de expandir o cinema por todo o territorio. Así, na noite do venres 24, terá lugar a segunda edición de Cinema Percorridos: Visións nocturnas, a serie de intervencións artísticas no casco histórico tudense a cargo dun grupo de seis video artistas, unha actividade que propón novos camiños polos que transitar desde a creación audiovisual contemporánea.

Como parte do seu apoio ao sector creativo galego, Play-Doc tamén promoverá unha nova edición do seu Coming soonun espazo que dará boa conta das películas galegas que se atopan en pleno proceso de xestación. Da man das súas autoras e autores (Marta Pérez Pereiro, Zeltia Outeiriño, Area Erina e Carlos M Peñalver), o certame presentará as primeiras imaxes ou mesmo o estado dos distintos proxectos. 

Alén da exhibición, durante o certame sucederanse as iniciativas formativas. Por unha banda, o taller Filmar o propio, impartido polo cineasta galego Eloy Domínguez Serén, e no que participa a veciñanza de Tui e comarca. Pola outra, o obradoiro sobre Live cinema que decorrerá da man do video artista Gnomalab -un dos creadores presentes en Cinema Percorridos-.

Mais o Play-Doc é moito máis que un festival de cinema, e por iso neste 2021 será tamén espazo de encontro para a presentación de dous proxectos: Ollar, escolma da fotografía Galega contemporánea, un proxecto multimedia e en liña de Adarme Visual dedicado á foto de autor en Galicia; e Memoria Viva, unha interesante iniciativa web impulsada polo Concello do Rosal, e que promove a recuperación do patrimonio inmaterial do municipio, da memoria persoal e colectiva da veciñanza.

Play-Doc Live!

Por último, o festival Play-Doc afondará na súa conexión musical coa vangarda e ofrecerá neste 2021 dous excelentes concertos: o do brasileiro Domenico Lanzelotti e o da banda de Nova York Blurry The Explorer. Ambos terán lugar na noite do sábado 25 de setembro. Ademais, a música tamén estará presente no peche desta edición do certame, pois Play-Doc acollerá a estrea en Galicia, logo do seu paso por San Sebastián, do documental No somos nadade Javier Corcuera, e que acompaña a última xira da lendaria banda de punk La Polla Records liderada polo tudense Evaristo Páramos. 

Máis

Hora

setembro 22 (Mércores) - 26 (Domingo)(GMT+02:00)

Localización

Tui

Rúa Colón, 2, 36700 Tui, Pontevedra

Other Events