Detalles do eventos
A Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo (EMAO), en colaboración co Legado Activo Beiras Cal e coa familia Álvarez Blázquez, presenta no Espazo EMAO a exposición
Detalles do eventos
A Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo (EMAO), en colaboración co Legado Activo Beiras Cal e coa familia Álvarez Blázquez, presenta no Espazo EMAO a exposición “Serigrafía Galega 1971. Tributo aos irmáns Álvarez Blázquez”, considerada a primeira colección de serigrafías de arte galega da historia.
A mostra reúne 19 autores e 44 serigrafías, conservadas no arquivo de Antón Beiras e Antía Cal, acompañadas dunha selección bibliográfica que pon en valor a produción editorial vinculada a este legado. A familia Álvarez Blázquez achega tamén materiais procedentes da factoría Serigrafía Gallega S.L., enriquecendo o conxunto expositivo.
A exposición rende homenaxe aos irmáns Álvarez Blázquez, figuras clave da cultura galega da posguerra en Vigo, cidade na que se asentaron tras a traxedia familiar do fusilamento do seu pai. Desde aí desenvolveron importantes proxectos culturais, editoriais e artísticos que contribuíron á renovación da literatura e da arte galegas nun contexto de censura e dificultades.
Destaca especialmente o labor de Álvaro Álvarez Blázquez na democratización da arte a través da serigrafía, así como o papel de Xosé María Álvarez Blázquez no impulso editorial que deu nova vida á creación literaria galega.
A mostra tamén recoñece o traballo do alumnado da EMAO que se formou en disciplinas como o debuxo e a serigrafía, algúns dos cales están representados na colección exposta. A exposición reforza así o compromiso da escola coa continuidade do legado formativo e creativo de Vigo, entendendo esta mostra como parte da súa historia e como estímulo para as novas xeracións de artistas.
Horario de apertura
- Luns: 09:00 h –21:00 h
- Martes: 09:00 h –21:00 h
- Mércores: 09:00 h –21:00 h
- Xoves: 09:00 h –21:00 h
- Venres: 09:00 h –21:00 h
- Sábado: Pechado
- Domingo: Pechado
Hora
24 abril, 2026 09:00 - 5 xuño, 2026 21:00(GMT+02:00)


