REVISTA FEBREIRO

31xan20:00Orquestra Vigo 430: 'Momentos rituais'CONCERTOS | Desde 6,00 €20:00(GMT+01:00) MARCO

Detalles do eventos

Un diálogo entre música, pensamento e experiencia artística. Esta é a proposta que o Ensemble Contemporáneo da Orquestra Vigo 430 presentará este sábado, 31 de xaneiro. O concerto Momentos rituais celebrarase no emblemático Museo MARCO de Vigo ás 20:00 horas. As entradas, cun aforo moi limitado, poden adquirirse a través de Ataquilla por un prezo único de seis euros, cos gastos de xestión incluídos.

Un discurso sonoro plural

Protagonizado polo saxofonista Rafa Yebra e a violista Wanshu Qiu, o programa explora o encontro entre dous instrumentos de natureza moi diferente: o saxofón, estreitamente vencellado ás linguaxes contemporáneas, e a viola, tradicionalmente asociada ao repertorio sinfónico e camerístico. Deste contraste xorde un discurso sonoro plural, no que conviven estéticas diversas, ás veces complementarias e outras deliberadamente contrapostas. “Momentos rituais” propón un percorrido musical arredor das ideas de cambio, transformación e tempo, formulando unha pregunta aberta que atravesa todo o programa: evolución ou revolución? Proceso gradual ou ruptura radical? As obras seleccionadas oscilan entre o estático e o dinámico, o introspectivo e o explosivo, reflectindo a complexidade do mundo contemporáneo e as súas múltiples capas de significado.

Primeira interpretación en España

O programa reúne obras de compositoras e compositores de distintas xeracións e procedencias —entre eles Rebecca Clarke, Dai Fujikura, Laura Vega, Tigran Mansurjan, Alicia Díaz de la Fuente, Suting Han, Xesús Xosé Iglesias González e Roger Zare— e inclúe varios estreas, tanto de novas versións como de primeiras interpretacións en España. Esta coidada selección subliña a aposta da Orquestra Vigo 430 pola creación contemporánea e pola diversidade estética. Con Momentos rituais, a Orquestra Vigo 430 reafirma o seu compromiso coas linguaxes do presente e coa difusión da música actual en espazos culturais abertos á experimentación e ao encontro entre disciplinas.

Solistas de referencia

Rafa Yebra, catedrático de saxofón no Conservatorio Superior de Música de Vigo, é unha das figuras de referencia da música contemporánea en Galicia. Doutor pola Universitat Politècnica de València, combina unha intensa labor pedagóxica cunha sólida traxectoria como intérprete, con actuacións en Europa e Asia e colaboracións con formacións como a Real Filharmonía de Galicia, Vertixe Sonora Ensemble ou a propia Orquestra Vigo 430. Comprometido coa creación actual, estreou numerosas obras e desenvolve proxectos que integran a música contemporánea con outras linguaxes sonoras. Pola súa banda, a violista Wanshu Qiu conta cunha destacada traxectoria internacional marcada pola versatilidade artística. Actúa habitualmente como solista e música de cámara en festivais como Lucerne, IMS Prussia Cove, Bowdoin ou o Edinburgh International Festival, onde foi recoñecida como Rising Star, e colaborou con agrupacións como a BBC Philharmonic, The Hallé ou os London Contemporary Soloists, baixo a dirección de mestres como Sir Simon Rattle ou Semyon Bychkov. O seu traballo destaca tamén polo compromiso social e educativo da música como ferramenta transformadora.

Entradas aquí.

Hora

31 xaneiro, 2026 20:00(GMT+01:00)

Localización

MARCO

Museo de Arte Contemporánea de Vigo, Rúa do Príncipe, 54, 36202 Vigo, Pontevedra

Other Events