REVISTA ABRIL

"EDUARDO A. BLANCO E A OURIVERÍA NA EMAO

14xan19:0014feb21:00"EDUARDO A. BLANCO E A OURIVERÍA NA EMAOARTE E MUSEOS | De balde(xaneiro 14) 19:00 - (febreiro 14) 21:00(GMT+01:00) EMAO

Detalles do eventos

A xoiería ocupou un lugar importante no gran desenvolvemento que experimentou a cidade burguesa, especialmente a partir de derradeiro terzo do século XIX, cunha forte presencia de ourives e establecementos de xoiería que combinaban o taller e a venda de pezas, moi demandadas especialmente polo tirón da moda ao longo deste período. 

Primeiro foi a rúa Elduayen a que acaparou boa parte destas tendas especializadas, para logo estenderse rapidamente de xeito especial pola Porta do Sol e a rúa do Príncipe, como espazos comerciais de referencia na cidade. Destacaron daquela os talleres e establecementos de Enrique Pérez López e Adolfo Sobrino Rivero, a fins do século XIX; Enrique Mayer, Ángel Mareque, Ángel Marcuño, Perfecto Marcos, Ángel Iglesias, Ramón Fernández, os irmáns Hernández, na primeira metade do século XX, estes tres últimos aínda abertos hoxe.
A creación da especialidade de Ourivería na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo veu da man do profesor Ángel Mareque, no ano 1946. Como no caso da posta en marcha doutras especialidades, o inicio deste taller na EMAO veu dar resposta á necesidade de formación de artesáns especializados que cubriran a demanda de persoal para o deseño e fabricación de obxectos de regalo e de culto. A nova disciplina mantívose durante tres décadas como o único lugar de formación desta arte aplicada fóra dos talleres particulares existentes na cidade.

Eduardo A. Blanco, a quen se adica esta exposición, foi alumno de Mareque e continuador do seu labor como mestre da especialidade na Escola dende o ano 1974 ata o 2015, no que se xubilou. Entrara de rapaz no taller creado por Mareque, co que colaborou tamén no seu obradoiro profesional. Acadou, daquela, o 1º Premio de Xoiaría do XII Concurso de Xuventudes de Formación Profesional de Industria e Artesanía (1966) e foi tamén aprendiz de xoiería do ourive Manuel Reboreda Alonso e, durante un curto período, de Perfecto Marcos.

Eduardo tivo durante a súa mocidade un estreito contacto co movemento artístico vigués, con presencia nas Exposicións ao Aire Libre da praza da Princesa, entre 1968 e 1975.

Á par da súa actividade como ourive e mestre desta especialidade, cultiva tamén a escultura, a pintura e o esmalte. A Mostra que presentamos no Espazo EMAO recolle unha parte importante da súa produción artesá e artística nestes campos, que acompañamos dalgunhas obras realizadas tanto polos seus mestres como por alumnado destacado das clases na EMAO.

especialidade de Ourivaría segue hoxe activa na Escola coa mestra Sandra de Jesús, formando a novas xeracións de persoas con esta inquedanza profesional e artística.

A través das obras expostas de Eduardo A. Blanco queren amosar o seu amplo traballo nas distintas disciplinas que cultiva e, con el, a excelencia e calidade acadada no labor docente pola Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo, ofrecendo aos visitantes as múltiples formas, técnicas e materiais implicados nesta arte.

Datas: 14 de xaneiro ao 14 de febreiro de 2021
Horario: De luns a vernes, laborables de 19:00 a 21:00 horas
Comisario: Federico Fernández

Máis

Hora

Xaneiro 14 (Venres) 19:00 - Febreiro 14 (Luns) 21:00(GMT+01:00)

Localización

EMAO

36201, Rúa de García Barbón, 5, 36201 Vigo, Pontevedra

Other Events