Coordenadas incertas do Colectivo AlNorte
Detalles do eventos
O colectivo AlNorte presenta este proxecto, realizado expresamente para a Fundación Laxeiro, no que cada unha das artistas participantes propón unha reflexión poética, mediante a fotografía e o
Detalles do eventos
O colectivo AlNorte presenta este proxecto, realizado expresamente para a Fundación Laxeiro, no que cada unha das artistas participantes propón unha reflexión poética, mediante a fotografía e o vídeo, acerca das referencias espaciais que nos sitúan nunhas coordenadas a partir das que nos situamos fisicamente no mundo. Os catro puntos cardinais serven de referencia espacial para artellar un proxecto expositivo que ofrece unha reflexión sobre as certezas e incertezas da identidade construída ao longo da nosa vida e que nos sitúa no mundo dunha forma determinada.
A exposición poderá visitarse ata o 24 de xaneiro de 2021.
O PROXECTO
Coordenadas incertas é unha proposta na que o colectivo AlNorte fai un achegamento a problemas existenciais comúns, adoptando a referencia xeográfica dos catro puntos cardinais como punto de partida, para poñer en común os seus respectivos traballos, fotográficos e videográficos, moi diferentes en canto a estética e linguaxe.
NORTE
Cristina Brea (Vigo, 1973) identifica o Norte como a latitude principal, a referencia que toma o compás para establecer os catro puntos cardinais. Un destino, mais tamén un punto de partida, frío, racional, cheo de luz que a artista identifica coa cordura. Non en van, expresións como perder o norte fan referencia á desorientación e á loucura. Cristina Brea toma o corpo humano como motivo nas obras que presenta neste proxecto, desprazando así a xeografía terrestre á xeografía humana e advertindo da fraxilidade da nosa propia orientación no mundo.
SUR
Raquel Calviño (Pontevedra, 1970) mira cara ao Sur como ámbito da luz constante e cálida, como ese territorio no que a experiencia da mirada é exuberante e plena, chea de matices cromáticos que ela celebra nas súas fotografías. O Sur entendido tamén como fonte de enerxía e de vida.
LESTE
Rita Ibarretxe (Ourense, 1970) propón unha identificación de Oriente co sentimento de desexo, de falta de ser que os poetas modernistas puxeron de manifesto a finais do século XIX e principios do século XX. Oriente entendido como unha idealización, como un paraíso inalcanzable, identificado cun sentimento de morriña de algo que nunca experimentaron, porque nunca estiveron alí. O sentimento de perda de algo que nunca se tivo constitúe un paradoxo que a artista utiliza para propor unha obra contemplativa, na que a vexetación, a paisaxe e a arte do pasado, nos invitan a unha certa melancolía
OESTE
Paula Pez (Vigo, 1981) parte do Oeste como lugar onde nos atopamos e nos conforma como o que somos, finisterre a partir do que só existe o descoñecido, materializado nun océano inabarcable que nos configurou como pobo ao longo da nosa historia e preguntándose se somos os galegos, os habitantes da fin do mundo. Oeste, di, é unha busca, un proceso de análise da dirección interna que tratamos de procurar no labirinto da nosa vida. Partindo desta idea, a artista propón unha vídeo instalación na que diferentes personaxes intentan situarse na paisaxe, movéndose continuamente na procura dun camiño a seguir
Coordenadas Incertas pon en cuestión as referencias que utilizamos para situármonos no mundo, a partir das que construímos as nosas identidades. Con esta estratexia, o proxecto propón outras formas de relación coa xeografía como metáfora da nosa propia orientación existencial.
Máis
Hora
23 outubro, 2020 18:00 - 24 xaneiro, 2021 20:30(GMT-11:00)
Localización
Fundación Laxeiro
Rúa Policarpo Sanz, 15, 36202 Vigo, Pontevedra
Séguenos nas redes