GFFF

COLOQUIO SOBRE A PEGADA GALEGA EN CUBA 

22xuñ19:30COLOQUIO SOBRE A PEGADA GALEGA EN CUBA ACTIVIDADES PARA O COCO | De balde19:30

Detalles do eventos

O xoves 22 de xuño ás 19.30 h, a Asociación Évame-Oroza organiza un coloquio sobre a historia compartida entre os pobos cubano e galego, enfatizando a situación das mulleres de ambos países. O encontro será con Juana Caridad Fernández, Presidenta da Agrupación de Sociedades representativas de Municipios e parroquias de Galicia en Cuba, Arantxa Fernández Crespo, presidenta da Cátedra Neira Vilas de Lingua e Literatura galegas da Universidade da Habana, e José Luis Ansedes, promotor da homenaxe a Andrea López Chao, mestra mindoniense, e a Sociedade “Hijas de Galicia”, que se celebrará en Mondoñedo entre os días 30 de xuño e 3 de xullo. Presentará e moderará o coloquio a xornalista Ana Baena.

En 1904, sendo mestra en Galicia Andrea López Chao gañou unha praza de mestra no Plantel de Ensinanza do Centro Galego da Habana, onde chegou a ser directora. Foi tamén vicepresidenta da Sociedade “Hijas de Galicia“, única na historia das mulleres migrantes, que naceu en 1917 para atender ás vítimas de trata e tráfico para a súa explotación sexual e rematou sendo un hospital obstétrico de referencia en toda América Latina, aínda en funcionamento. A historia de Hijas de Galicia é publicada por vez primeira en 2003 en Vigo sendo o seu autor o historiador cubano Julio César González Pagés.

A traxectoria dunha muller como López Chao é pouco frecuente na historia das migracións galegas pois, alén de ter cargos directivos importantes, protagonizou iniciativas senlleiras. Seguidora do pensamento de Concepción Arenal, promoveu darlle este nome ao Plantel de Ensinanza do Centro Galego da Habana e máis a Sociedade Hijas de Galicia e ao seu hospital que atendía ás galegas que caían nas redes de trata de brancas nas primeiras décadas do século XX. No plantel de ensinanza estudara a pedagoga Antía Cal, na súa etapa de nenez en Cuba, onde nacera. A propia Antía recoñecía a influencia que tiveran as ensinanzas de Concepción Arenal –que lle transmitiu Andrea López Chao– no seu posterior proxecto pedagóxico, o Colexio Rosalía de Castro, en Vigo nos anos 60,

En 2023 conmemórase o centenario do I Congreso de mulleres cubanas, onde Andrea López Chao tivo unha participación importante. Celebrouse un segundo Congreso en 1925 e outro terceiro en 1939. Nas tres ocasións a súa sede foi o Teatro do Centro Galego da Habana. Entre as agrupacións e sociedades organizadoras destes congresos estivo Hijas de Galicia, con intervencións destacadas. As galegas pedían a inclusión na axenda feminista, alén do dereito ao sufraxio, da educación para a autonomía das mulleres, e da penalización da prostitución que afectaba en grande número a inmigrantes procedentes de Galicia. A relación de galegas como as xornalistas Mercedes Vieito e María Vinyals, ou a propia López Chao, co movemento feminista cubano no primeiro terzo do século XX, é un feito relevante que se nutre das conexións entre mulleres de ambas as beiras. Neste sentido, está aberta unha liña de investigación para determinar o grao de complicidade e comunicación que puido existir entre as feministas cubanas e as galegas, mais todo semella indicar que foi importante.

A profesora Arantxa Fernández Crespo tense manifestado nesta dirección no recente encontro celebrado na Habana titulado “Mulleres galegas en Cuba, legado e transcendencia”, onde afirmou que “Non é só o himno, a bandeira e a Real Academia; unha gran parte da mentalidade do feminismo en Galicia tamén nace en Cuba”.

Na súa estadía na nosa cidade visitarán o mausoleo de Concepción Arenal, no cimeterio de Pereiró, e o busto do poeta e político cubano, José Martí, nos xardíns de Méndez Núñez. Desde aquí proseguirán as súas visitas as antigas sociedades de instrucción que forman parte do legado da emigración galega na Galicia territorial.

Máis

Hora

(Xoves) 19:30

Localización

Asociación Cultural Évame Oroza

Subida Costa, 5, 36202 Vigo, Pontevedra