Ciclo de Cine Submarino – A Movida

novembro, 2018

14nov20:00Ciclo de Cine SubmarinoPROXECCIÓNS | De balde20:00 Teatro García Barbón

Máis

Detalles do evento

Como cada mes de novembro, cando os temporais enredan o vento e as ondas máis altas chegan á costa, o mar de Galicia e todos os mares do mundo convídannos a descubrir os seus segredos, a súa beleza e todo o seu esplendor. Estas imaxes achéganolas esta nova edición da Semana de Cine Submarino Universidade de Vigo, fito cultural de primeiro nivel e referencia obrigada para as e os amantes do mar e do cine.

A 28ª edición do Ciclo de Cine Submarino da Universidade de Vigo celébrase no Teatro García Barbón entre o 13 e o 15 de novembro e a entrada é gratuíta.

MÉRCORES 14:

PLANETA AZUL II: COSTAS (20:00)

As costas son os hábitats oceánicos que máis rapidamente cambian por mor das mareas. A medida que a Lúa vira ao redor do noso planeta, os mares avanzan e retroceden creando as paisaxes máis dinámicas da Terra. Só os animais que superen os grandes retos, tanto de terra firme coma do mar, poden sacar o máximo proveito da súa vida nas costas. As grandes ondas que se orixinan no mar aberto van aumentando de tamaño a medida que avanzan cara á costa. Nalgunhas zonas de Europa, as ondas desgastan ata tres metros de litoral cada ano. A velocidade á que esculpen a pedra depende da súa dureza e onde a parte inferior da rocha é máis branda ca a superior fórmanse impresionantes arcos. É un ataque constante que pouco a pouco vai esculpindo bóvedas de pedra como sucede na praia das Catedrais na costa galega.

BUSCADORES DE NAUFRAXIOS: CORDERO GONZÁLEZ  (20:50)

Rafael Gutiérrez, Rafa, profesor de mergullo e fontaneiro; ademais, o descubridor dun barco afundido e perdido na memoria fronte á illa de Ons. Grazas a un mariñeiro que lle deu as marcas de onde pescaba, Rafa foi o primeiro en mergullarse nun pecio inédito e descubrir na súa popa as únicas dúas letras que quedaban da placa que levaba o seu nome: «RO». Tirando do fío, xunto ao mergullador Yago Abilleira, descubriron que se trataba do Cordero González, un pesqueiro construído no estaleiro de carpintaría de ribeira de Domaio e que naufragou en 1975 ao ser abordado co mercante Playa de Aldán.
Eusebio e Amable Graña, sobreviventes do naufraxio do Cordero González, vannos contar como viviron aquel momento e como marcou a súa vida profesional e a súa relación co mar. Ademais, imos ser testemuñas das súas primeiras reaccións ao ver o estado do barco na actualidade.

 

PROGRAMACIÓN MARTES 13

PROGRAMACIÓN XOVES 15

Hora

(Mércores) 20:00

Lugar

Teatro García Barbón

Policarpo Sanz ,13 36202

Organizador

X