>

19xuñ07:1807:18Tameiga en Flor07:18 - 07:18(GMT+02:00) Centro Cultural As Pedriñas

Detalles do eventos

A Comunidade de Montes de Tameiga pon en marcha unha nova edición de Tameiga en Flor, un programa que aposta pola participación veciñal, a divulgación ambiental e a cultura popular, cunha axenda de actividades repartidas entre o 21 de xuño e o 5 de xullo e con acceso libre na maioría das propostas.

A programación arrinca o sábado 21 de xuño no CSCD As Pedriñas, coa celebración do I Mercadillo Tameiga en Flor, unha xornada de 11:00 a 20:00 horas que reunirá máis dunha vintena de postos de artesanía, produtos de horta, cosmética natural e propostas ecolóxicas. O día complétase con charlas divulgativas, obradoiros infantís e música en directo.

Programa do sábado 21 de xuño (CSCD As Pedriñas | 11:00–20:00 h):

  • 11:00 h | Apertura do mercadillo
  • 12:00 h | Obradoiro infantil: elaboración de queixo fresco
  • 12:30 h | Charla: beneficios das herbas medicinais (Elia Lugilde – @huertelia)
  • 13:30 h | Concerto en sesión vermú: Antón Ké
  • 16:30 h | Charla: envasados e aproveitamento da horta (Guadalupe Carrera)
  • 17:00 h | Obradoiro infantil: elaboración de cespino
  • 17:45 h | Charla: fermentados para a horta (Horta do Cadaval – Jacobo Ojea)
  • 19:00 h | Charla: “Sementes: como cultivar o futuro” (Ramón González)

O domingo 22 de xuño ás 10:00 horas, o programa continúa cunha andaina guiada para o recoñecemento das herbas de San Xoán. A saída será desde o CSCD As Pedriñas, cun percorrido aproximado de 3,5 km e unha duración de arredor de dúas horas e media. Trátase dunha actividade con prazas limitadas que require inscrición previa.

O martes 23 de xuño ás 18:00 horas, desenvolverase unha formación centrada nas plantas e nas tradicións do San Xoán, impartida por Nazaret (@herbasmeigas). A sesión abordará o uso e propiedades das plantas, a elaboración da Sanxoaneira e as tradicións asociadas á noite de San Xoán, sendo tamén necesaria a reserva previa.

Como parte da programación cultural, a Sala Rebullón acolle teatro en dobre función dentro de Tameiga en Flor, coa obra De ida e volta, da compañía A Comuna, centrada na emigración galega e nas historias humanas dos camiños de ida e volta:

  • Venres 20 de xuño | 21:00 h
  • Domingo 22 de xuño | 19:00 h
  • Prezo: 5 € (entrada única)

O domingo 28 de xuño ás 11:00 horas, terá lugar no CSCD As Pedriñas unha nova formación a cargo de Nuska Chousa, centrada no coidado natural da horta e nas prácticas sostibles de cultivo.

A programación pecha o domingo 5 de xullo, cunha excursión ao 21º Festival Internacional de Jardíns de Ponte da Lima, unha proposta que combina natureza, arte e paisaxe nun dos espazos máis emblemáticos do norte de Portugal. A actividade inclúe transporte, entrada e xantar, cun prezo de 25 euros por persoa e tamén con inscrición previa.

Hora

19 xuño, 2026 07:18 - 07:18(GMT+02:00)

Localización

Centro Cultural As Pedriñas

Other Events