Detalles do eventos
Entre o 1 e o 7 de agosto, celébrase a décimo novena edición do festival Música no Claustro na Catedral de Tui. No mesmo, haberá actuacións musicais en
Detalles do eventos
Entre o 1 e o 7 de agosto, celébrase a décimo novena edición do festival Música no Claustro na Catedral de Tui. No mesmo, haberá actuacións musicais en directo, conversas e un foro profesional.
Concretamente, o festival conta con sete concertos gratuítos, sen reserva previa. Comeza o venres, co do caboverdiano Mário Lúcio, músico e compositor de gran recoñecemento na lusofonía e autor dunha extensa discografía, así como libros de poesía, narrativa e obras teatrais. Foi Ministro de Cultura de Cabo Verde dende 2011 a 2016 e entre os seus libros destaca o seu ensaio Manifesto a Crioulización no que defende o “xurdimento incesante de novas identidades”. Este libro será o tema central da conversa que o xornalista tudense José Font manterá con Mário Lúcio ao día seguinte.
O sábado, achégase ao canon da música clásica europea cos cuartetos de corda de Mozart e Schumann na interpretación do Jouska String Quartet. Unha formación de música de cámara con sede en Suíza e premiada co Café Bauhaus Award en 2024. Un concerto no marco do acordo estatal coa Sociedade de Artistas, Intérpretes e Executantes (AIE), que renova por oitava edición consecutiva, co que o domingo da a coñecer unha das voces máis novas da escena do flamenco: a cantaora Gabriela Giménez, acompañada do guitarrista Antón Giménez.
O luns, acolle a presentación en Galicia do novo disco da frautista e compositora galega María Toro no que o jazz dialoga co flamenco, coa música popular brasileira ou co folclore galego. Unha travesía que comeza na súa Galicia natal e percorre identidades e vivencias persoais en Madrid, Suíza, Nova York ou Rio de Janeiro. Unha encrucillada de culturas na que conta coa participación de Toño Miguel ao contrabaixo, David Sancho ao piano e teclados, e Andrés Litwin á batería.
O martes, celebra a recente praza na Filharmónica de Berlín da violinista tudense Raquel Areal. Un concerto ao carón da pianista cubana Karla Martínez Rabanal cunha escolma de pezas que nos achegan ao París da primeiras décadas do século XX con obras de Lili Boulanger, Claude Debussy ou Maurice Ravel, e una visión das identidades transatlánticas con Astor Piazzolla, Amy Beach ou a cubana Gisela Hernández, unha das compositoras que formou parte do Lyceum Club de La Habana, institución clave no desenvolvemento de dereitos e oportunidades para as mulleres en Cuba na que tamén destacou a galega María Muñoz de Quevedo.
O mércores, é a quenda da pianista e compositora catalá Clara Peya, unha das artistas máis persoais da escena contemporánea e que presenta o seu novo álbum Solilòquia, un traballo íntimo no que explora o encontro con ela mesma, a música coma terapia de saúde mental. Na súa extensa e diversa discografía atópanse diversas colaboracións con Guadi Galego.
Esta edición remata o xoves co violoncellista Mon-Puo, un músico de orixe familiar taiwanesa e cunha formación académica exquisita. Un concerto no que explora a intimidade das Suites para violoncello de Bach ou a Sonata de Kodály, obras canónicas do instrumento en paralelo a improvisacións e melodías que convidan a reflexionar de forma conxunta sobre o valor e a riqueza das identidades e a súa diversidade, nun mundo global que grita a dor das guerras, as inxustizas do racismo ou os odios e fobias ao diferente, ao singular, singularidades coas que construímos o colectivo do que somos parte.
Así mesmo, Música no Claustro convoca o 6 de agosto a quinta edición do foro profesional RESONANCIAS, un punto de encontro, reflexión e difusión do tecido profesional artesán na construción de instrumentos musicais en diálogo con outras disciplinas anexas como a interpretación musical, a xestión cultural, o deseño ou profesións técnicas vencelladas ao sector, nun compromiso marcado na posta en valor do emprego de madeiras galegas.
Para máis información, preme AQUÍ.
Hora
1 agosto, 2025 21:00 - 7 agosto, 2025 22:30(GMT+02:00)
Localización
Catedral de Tui
Pl. San Fernando, s/n, 36700 Tuy, Pontevedra


