Detalles do eventos
A só catro minutos da Porta do Sol, na rúa Real, unha das máis antigas de Vigo, poderase catar por primeira vez un novo viño novo moi especial. Celme 25
Detalles do eventos
A só catro minutos da Porta do Sol, na rúa Real, unha das máis antigas de Vigo, poderase catar por primeira vez un novo viño novo moi especial. Celme 25 Reais reabre este domingo (12 horas) coa presentación en sociedade de Celme Novo, un dos contados viños certificados en ecolóxico que se fan en Galicia e con uvas colleitadas na nosa terra, e o único de castes autóctonas do Ribeiro. “É un viño máis xove, fresco e desenfadado, elaborado con godello, treixadura, loureira e albariño. Só elaboramos 3000 botellas. O resto ficará repousando na adega para elaboracións de garda, como o noso Celme de Pena Bicada”, contan Dori González e Jorge Alonso, os colleiteiros detrás desta marca.
Con este convite Celme reabre as portas do seu local tras un tempo pechado por obras de mellora, e inicia unha nova etapa na que o espazo se especializa na organización de eventos privados para grupos, xornadas con actividades e catas con reserva previa. O abano de propostas conta coa colaboración da sumiller profesional Mercedes González (@membajadora). Ela será a encargada de dinamizar estas experiencias e guiar as degustacións nun espazo no que ademais é posible realizar compras do catálogo da que é a única adega do Ribeiro con certificación ecolóxica e mais encargar cestas de Nadal ou agasallos.
Eles mesmos cultivan, elaboran e embotellan todas as súas preparacións na súa adega en Astariz (Castrelo de Miño), recoñecida coas certificacións do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA), a D.O. Ribeiro , Artesanía Alimentaria e de calidade turística (SICTED). Coa fermosa paisaxe vinícola da ribeira do Miño como pano de fondo, no seu centro de operacións ofrecen tamén unha serie de actividades sobre as que se pode atopar información en detalle en Celme 25 Reais. “Os obradoiros de elaboración de vermú artesanal e a visita ao secadoiro de uva para o viño tostado son algunhas das propostas de máis éxito”, comparten. En diálogo coa contorna e toda a súa riqueza cultural, organizan así mesmo visitas a bens patrimoniais como o Castro de Santa Lucía.
Viñas con raíces en Vigo
A escolla de Vigo como prolongación de Adegas Celme non é casual. “Eu son vigués, nacín, crieime e traballei aquí, e Dori completou a súa formación na UVigo. Este é un lugar ao que estamos moi vinculados emocionalmente. E cando descubrimos o local que hoxe acubilla Celme 25 Reais, sentimos que era unha chamada a volver dalgún xeito a esta parte das raíces”, confesa Jorge. “Encántanos o ambiente desta zona, o tránsito que representa entre a área comercial e o corazón histórico. E sobre todo como anima ao mellor lecer: o que se comparte en boa compaña, paseando por estas rúas de pedra e tamén, claro, cunha copa de bo viño na man! Celme 25 Reais significa para nós todo isto, e agardamos ser quen de compartilo”, conclúe Dori.
Hora
26 outubro, 2025 12:00(GMT+01:00)
Localización
Celme 25 Reais
Rúa Real, 25, 36202 Vigo, Pontevedra
Hoxe móvese
novembro



