REVISTA FEBREIRO

13xul12:00A artista local Carla Lourdes presenta o seu novo traballo no Pazo de CastrelosCONCERTOS | De balde12:00(GMT+02:00) Xardíns do Pazo de Castrelos

Detalles do eventos

Carla Lourdes é unha cantautora natural de Ponferrada, e residente en Vigo, que logrou consolidarse como unha das voces emerxentes máis prometedoras do pop español. O seu talento e sensibilidade comezaron a brillar aos 15 anos, cando empezou a compoñer as súas primeiras cancións. Con todo, non foi ata os 24 cando decidiu compartir a súa música co mundo.

En xuño de 2021, Carla debutou con «Sin Instrucciones», un sinxelo que marcou a súa entrada na escena musical e captou a atención do público e a crítica. Un ano despois, en 2022, lanzou o seu primeiro EP autoeditado, O querer das flores, unha obra coa que mostrou o seu talento para fusionar un pop delicado con matices de indie español. A recepción foi tan positiva que a levou a embarcarse nunha xira de máis de 20 concertos por toda a península nese mesmo ano, sumando outras 17 datas adicionais en 2023.

O estilo de Carla Lourdes caracterízase por un son fresco, retrousos pegadizos e letras introspectivas que funcionan como un espello no que todos podemos vernos reflectidos. A través das súas cancións, disecciona as emocións máis íntimas: aquilo que nos doe, preocúpanos ou non podemos expresar facilmente. A súa música evoca a esencia de artistas como Yoly Saa, Elsa e Elmar, Natalia Lacunza, Zahara ou Ximena Sariñana, pero mantén sempre unha personalidade única que a diferenza.

O pasado 25 de abril, Carla presentou o seu primeiro álbum El día que descubrí el lunar de tu oreja (Esmerarte, 2025), unha obra que reúne nove cancións orixinais en formato dixital e unha décima como bonus nas edicións físicas (vinilo transparente gatefold e CD digipack, ambos con libreto de 12 páxinas). Podes conseguilo aquí.

O estilo musical do disco móvese entre o pop electrónico e o indie español, con melodías pegadizas, estruturas bailables e unha voz doce que destaca en rexistros agudos. A produción combina frescura e emoción, acompañando letras íntimas que exploran o amor, a amizade, o equilibrio emocional e o reencontro cun mesmo.

Sobre o Pazo de Castrelos

O Parque de Castrelos, un dos espazos naturais e culturais máis emblemáticos da cidade de Vigo, cumpre este ano cen anos desde a súa doazón ao pobo por parte de Fernando Quiñones de León, marqués de Alcedo. Esta doazón, realizada en 1924, supuxo un xesto histórico que permitiu transformar un espazo de patrimonio privado nun ben común para toda a cidadanía.

A historia do lugar remóntase a moito antes: en 1665, sobre os terreos que pertencían a Benita Núñez Bullón e que ata entón acollían unha torre defensiva, construíuse unha casa señorial cunha única torre. Coñecida inicialmente como Pazo de Lavandeira, polo topónimo da zona, deu lugar ao que hoxe coñecemos como o Pazo de Castrelos. Ao longo de catro séculos, o pazo foi fogar de múltiples inquilinos, destacando a presenza de mulleres que, en moitas ocasións, non recibiron o recoñecemento merecido.

Sobre o ciclo de concertos

Para conmemorar este século de historia como patrimonio da cidade, o Concello de Vigo prepara máis de vinte actividades culturais, repartidas en distintos espazos, das cales algunhas aínda están pendentes de data e localización definitivas.

Entre estas propostas, destaca un ciclo de catro concertos durante o mes de xullo, que terán lugar todos os domingos ás 12:30 da mañá nos xardíns do Pazo de Castrelos. Tras unha convocatoria á que se presentaron 59 grupos musicais, os técnicos municipais seleccionaron catro propostas que ofrecen un amplo abano de estilos musicais.

O 6 de xullo abrirán o ciclo Caamaño e Ameixeiras, con nova música tradicional galega. O 13 de xullo será a quenda de Carla Lourdes, cunha proposta de pop íntimo e contemporáneo. O 20 de xullo, Antifrágil traerá forza e actitude cun concerto de rock. Por último, o 27 de xullo, Elena Egea despedirá o ciclo cunha fusión de jazz, blues, pop e folk.

Este ciclo musical representa unha homenaxe ao pasado e unha aposta polo futuro, unindo tradición, cultura e música nun espazo cheo de historia e significado para toda a cidade.

Hora

13 xullo, 2025 12:00(GMT+02:00)

Localización

Xardíns do Pazo de Castrelos

Camiño Corredoura, 41, 36213 Vigo, Pontevedra

Other Events