Detalles do eventos
A Orquestra Sinfónica Vigo 430 ofrecerá o vindeiro sábado 20 de marzo ás 20:00 horas no Teatro Afundación de Vigo o seu novo programa sinfónico, ‘Camiños da Alma’,
Detalles do eventos
A Orquestra Sinfónica Vigo 430 ofrecerá o vindeiro sábado 20 de marzo ás 20:00 horas no Teatro Afundación de Vigo o seu novo programa sinfónico, ‘Camiños da Alma’, unha proposta que reunirá dúas grandes obras do romanticismo alemán: o Concerto para violín n.o 1 de Max Bruch e a Sinfonía n.o 4 de Johannes Brahms. O concerto estará dirixido polo galego Javier Fajardo, considerado un dos representantes máis destacados da nova xeración de directores en España, e contará coa participación como solista da excepcional violinista internacional Catherina Lee.
Oportunidade única de escoitar un violín do século XVIII
Un dos grandes atractivos da velada será a posibilidade única de escoitar en directo un violín histórico do século XVIII: un instrumento de G. B. Guadagnini, construído en Turín arredor de 1771, un dos luthiers italianos máis importantes do seu tempo. O instrumento, cedido por un patrocinador privado, será o que empregue Catherina Lee para interpretar o célebre Concerto para violín n.º 1 en sol menor de Bruch.
Composto en 1866, este concerto é unha das obras máis populares do repertorio romántico para violín. ‘O seu lirismo directo e a súa intensidade emocional, especialmente no célebre Adagio central, convertérono nunha das pezas máis queridas polo público e polos intérpretes’, explica o director artístico da OV430, Javier Escobar.
A violinista Catherina Lee, cuxa carreira se desenvolve entre Europa e Australia, actuou en importantes escenarios internacionais. O seu debut como solista no Konzerthaus de Viena foi recibido con grande éxito, e a directora Marin Alsop describiuna como ‘unha violinista e música marabillosa’.
Brahms e a súa última sinfonía
Na segunda parte do concerto, a Vigo 430 interpretará a Sinfonía n.º 4 en mi menor de Johannes Brahms, última das catro sinfonías do compositor alemán e considerada unha das grandes cimas do repertorio sinfónico do século XIX.
Estreada en 1885 polo propio Brahms, a obra combina a intensidade expresiva do romanticismo cunha arquitectura musical de grande rigor. O seu impresionante movemento final, construído como unha passacaglia con trinta e unha variacións, é un dos finais máis poderosos de toda a literatura sinfónica. ‘No seu estreo, houbo que repetir varios movementos da sinfonía e o público aplaudía entre movementos ou mesmo durante, o que xa era aínda máis estraño’, destaca o director convidado, o galego Javier Fajardo.
Javier Fajardo, unha das batutas emerxentes máis destacadas de España
Considerado unha das batutas emerxentes máis destacadas de España, Javier Fajardo foi premiado en concursos internacionais de Polonia e Eslovenia. Colaborou con formacións como Kammerchor Stuttgart, Klassische Philharmonie Stuttgart ou Rundfunkchor Berlin, ademais de dirixir en España a Orquestra Sinfónica de Castela e León, a Real Filharmonía de Galicia ou o Coro do Palau de la Música Catalana. Desde 2022 é director musical do Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia.
Con Camiños da Alma, a Vigo 430 propón un programa que combina a emoción do romanticismo, o son único dun violín histórico do século XVIII e a enerxía dunha nova xeración de directores, nunha velada que invita a percorrer os camiños máis profundos da música.
Hora
20 marzo, 2026 20:00(GMT+01:00)
Localización
Teatro Afundación
Rúa Policarpo Sanz, 13, 36202 Vigo, Pontevedra


