OV430

10dec20:00Ben Salter + Manu G. SanzCONCERTOS | De balde20:00(GMT+01:00) Asociación Cultural Évame Oroza

Detalles do eventos

Este mércores día 10 de decembro, ás 20:00 horas, a sede da asociación cultural Évame Oroza acollerá o concerto do músico australiano Ben Salter, actualmente de xira polo noso país, xunto ao galego Manu G. Sanz. Un cartel singular que reunirá dous creadores moi persoais, cun universo artístico propio e cunha traxectoria consolidada.

O australiano Ben Salter leva máis de 20 anos xirando polo mundo, construíndo un estilo no que conviven a canción confesional e o pop experimental, movéndose con naturalidade entre a balada folk e o indie rock máis afiado. Nos seus directos depura un modo único de habitar a tradición pop, con influencias que van de Roy Orbison a Low, pasando por The Velvet Underground ou David Byrne.

Ao longo da súa carreira colaborou con artistas de grande relevancia como Marlon Williams, Gareth Liddiard (The Drones / Tropical Fuck Storm), Robert Scott (The Clean, The Bats) ou Mike Watt (The Minutemen, Porno For Pyros, The Stooges). Cunha voz extraordinaria e unha notable capacidade narrativa, Salter chega a Évame Oroza nun dos seus mellores momentos creativos.

Pola súa banda, o galego Manu G. Sanz presentará parte do seu primeiro traballo en solitario “Flores y Diosas” (2025), un disco evanescente e cristalino que supón un novo fito na súa xa ampla traxectoria musical.

Sanz formou parte de proxectos fundamentais do rock galego recente, como Indómitos ou Selvática, e explorou camiños máis experimentais no dúo digital Mother (xunto a Luis Boullosa). Artista visual, enxeñeiro de son, multi-instrumentista e creador de propostas escénicas e multimedia, a súa figura é clave dentro do underground galego e estatal. Cita obrigada para amantes da música en directo, na que desfrutar de dúas propostas moi persoais, complementarias e profundamente honestas.

Hora

10 decembro, 2025 20:00(GMT+01:00)

Localización

Asociación Cultural Évame Oroza

Subida Costa, 5, 36202 Vigo, Pontevedra

Other Events