VIALIA
bannerPicnicSesions

As miradas de Isaac

22set(set 22)17:3027nov(nov 27)20:30As miradas de IsaacARTE E MUSEOS | De balde(setembro 22) 17:30 - (novembro 27) 20:30(GMT+02:00) Sede Afundación

Detalles do eventos

Afundación e a Xunta de Galicia levan a Vigo ata o 27 de novembro As miradas de Isaac, un proxecto expositivo co que se procura difundir a figura de Díaz Pardo. Unha homenaxe ao impulsor de Sargadelos, do Laboratorio de Formas ou do Museo Carlos Maside que xa se pode visitar na Sede Afundación, tras ser visitada por máis de 30 000 persoas na Cidade da Cultura en Santiago e na Coruña.

As miradas de Isaac é a primeira grande exposición da Xunta de Galicia en homenaxe a Díaz Pardo despois do seu falecemento, en xaneiro de 2012. Inaugurouse en novembro de 2020 no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura para facela coincidir co centenario do seu nacemento (1920) e co obxecto de poñer en valor o legado e as achegas á cultura galega do impulsor da recuperación da fábrica de cerámica de Sargadelos, do Laboratorio de formas, do Seminario de Estudos Galegos, do Instituto Galego da Información, de Ediciós do Castro ou do Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside, entre outros moitos proxectos relevantes.

As miradas de Isaac contará en Vigo cunhas 500 pezas entre obras de arte, murais, cerámicas, carteis, publicacións e obxectos persoais coa pretensión de reflectir a inesgotable creatividade de Díaz Pardo, un personaxe imprescindible da cultura galega do século pasado. A mostra mantén a estrutura en dez seccións, a través das que afonda en todo o seu periplo vital e profesional. Así na exposición en Vigo quedará reflectida a importancia do pai –Camilo Díaz Baliño– no desenvolvemento da súa personalidade; a infancia e mocidade en Compostela; e a faceta de pintor, que deixou unha profunda pegada en todas as súas realizacións.

Do mesmo xeito, a mostra tamén se centra no contacto de Díaz Pardo co exilio e o seu compromiso pola recuperación da memoria histórica; o labor como escritor; as iniciativas empresariais, con Sargadelos como insignia; e as iniciativas culturais e investigadoras, entre as que cabe destacar o Laboratorio de Formas ou o Instituto Galego de Información. O relato expositivo non esquece o deseñador industrial que proxectou máquinas, porcelanas, mobles ou Ediciós do Castro; o editor imparable; e finalmente enxalza o recuperador –con Luís Seoane– da vangarda artística galega anterior á Guerra Civil, coa posta en marcha do Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside.

A exposición en Vigo tamén incorpora como elemento vertebrador a videoinstalación realizada pola neta de Isaac Díaz Pardo, a fotógrafa e xornalista cultural Cecilia Díaz Betz. Esta peza audiovisual, realizada en colaboración co realizador Jordi Cussó, está creada a partir de materiais de arquivo, na que se propón un encontro co intelectual e artista, sendo el mesmo quen nos relata en primeira persoa a súa vida e obra. Unha forma radicalmente diferente de reivindicar e lembrar a súa figura, máis acorde coa súa propia visión vangardista, e coa que se procura revivir o seu universo e o seu espírito sempre aberto, tanxencial e polifacético.

De luns a sábados de 17.30 a 20.30 h.

Máis

Hora

Setembro 22 (Mércores) 17:30 - Novembro 27 (Sábado) 20:30(GMT+02:00)

Localización

Sede Afundación

Rúa Policarpo Sanz, 24-26, 36202 Vigo, Pontevedra

Other Events