VIALIA
bannerPicnicSesions

ALFREDO ALCAIN

28xan11:0028ago21:00ALFREDO ALCAINARTE E MUSEOS | De balde(xaneiro 28) 11:00 - (agosto 28) 21:00(GMT+01:00) MARCO

Detalles do eventos

A exposición de Alfredo Alcain (Madrid, 1936) no MARCO reúne máis de oitenta obras dende 1965 ata 2021, entre pinturas, debuxos, e esculturas. Máis que unha retrospectiva, formúlase como un intento de valorar un artista cun camiño moi persoal, un percorrido incuestionable dentro da historia da arte en España, e un grande recoñecemento por parte da crítica e artistas de diferentes xeracións –mesmo as máis novas–, fronte a unha presenza institucional menor da que debera.

A partir dunha selección de obras que van sinalando distintas etapas do seu traballo, dende os anos sesenta ata a actualidade, a montaxe articúlase como un itinerario circular polas salas frontais da primeira planta, sacando partido da estrutura e amplitude dos espazos.

Tras un aceno inicial nos arcos de acceso a salas –El chuletón (1978) flanqueado por unha peza de Teresa Moro que reproduce o axexadoiro da porta da casa-estudio do artista, a modo de fío condutor entre as dúas mostras– a visita arranca con tres cadros nos que se queren sinalar algunhas constantes de Alfredo Alcain: o seu persoal sentido do humor –inxenuo, sarcástico, ácido– e a súa recorrencia a unha iconografía popular e a sistemas de composición a xeito de imaxes moi dispares integradas no cadro: unha especie de escaparate (o interior dunha mercería, ou dunha ferraxaría), cunha mostraxe de obxectos que no caso de Alcain teñen unha forte ligazón emocional.

Recibe ao público Autorretrato en el curso del tiempo, unha peza con múltiples citas autobiográficas, incluída a placa funeraria da súa morte o día do seu nacemento. A ambos os dous lados, Autorretrato del 44, que presenta en aire pop a imaxe colexial dos estudantes da posguerra e o primeiro franquismo; e Lugar para descansar, no que reproduce a lápida dunha persoa falecida o mesmo día do seu nacemento.

Así, xunto á idea do paso do tempo, e á presenza constante do humor –en certo modo próximo ao do seu amigo José Luis Cuerda–, a exposición iníciase con esa declaración de intencións e ese xogo tan contemporáneo do eu e o outro, que el formula xa nos anos sesenta. Alcain, magnífico conversador, e autor de textos practicamente inéditos sobre outros artistas, é tamén un lector voraz e está moi ao tanto da actualidade artística e cinematográfica.

Nas grandes salas frontais formúlanse dous espazos diferenciados: por unha parte, as variacións sobre os bodegóns –cezanianos, pop, morandianos, pintados, construídos, en tres dimensións– e o despregamento en pezas dos papeis de Vasar. A intención é mostrar o modo de traballar de Alcain no tempo; o seu modo de ser recorrente en temas, incorporando sempre a sintonía do momento, e o seu empeño en ser “un e colectivo”, integrando pequenas obras de artistas amigos. Na outra sala, os seus cadros dos últimos vinte anos, xunto a esculturas de pequeno formato en bronce e madeira (bodegóns e arquitecturas), poñen de relevo esa faceta case manual da obra de Alcain, que suma e engade pincelada a pincelada, obxecto a obxecto, e o seu afecto por ver crecer a obra.

Nos corredores e salas intermedias, outros exemplos da súa pintura e obra en papel –como os debuxos de teléfono, situados xunto ás vitrinas con material documental que acompaña a mostra– dialogan coa linguaxe pop dos anos sesenta, principalmente a serie de modelos icónicos de barrios castizos de Madrid (escaparates e fachadas, lugares e obxectos de uso popular en vías de extinción), establecendo relacións, transmitindo a súa intención e o amor pola pintura, visible nas numerosas citas e referencias.

HORARIO

De martes a sábados (festivos incluídos), de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00

Domingos, de 11.00 a 14.30

Máis

Hora

Xaneiro 28 (Venres) 11:00 - Agosto 28 (Domingo) 21:00(GMT+01:00)

Localización

MARCO

Museo de Arte Contemporánea de Vigo, Rúa do Príncipe, 54, 36202 Vigo, Pontevedra

Other Events