'A Viaxe Continua' de Xosé Guillermo

11xuñ18:00'A Viaxe Continua' de Xosé GuillermoARTE E MUSEOS | De balde18:00(GMT+02:00) Sede Afundación

Detalles do eventos

A exposición A Viaxe Continua, amosa unha boa selección da obra gráfica de Xosé Guillermo e parte da súa obra en formato maior, froito das súas numerosas viaxes por distintos países do mundo, recollendo o proxecto inconcluso que o propio artista deixou esbozado na súa idea de “O mundo para Vigo”.

Máis de dez anos despois do seu pasamento, familia e amizades collen o temón da súa Fundición Nautilus e créase este proxecto expositivo coa fin de amosar o legado artístico dun artista que quixo iluminar ao mundo coa súa arte.

A mostra conta cunha tripla narrativa expositiva. Por unha banda, a Sala de exposicións I da Sede de Afundación de Vigo configúrase como un espazo físico a través do cal dar a volta ao mundo en imaxes, seguindo un discurso correlativo xeograficamente que parte da cidade de Vigo para regresar de novo ao fogar. De cada unha das súas viaxes, Xosé Guillermo volveu influenciado por novos imaxinarios plásticos cargados de formas e temas particulares que recollía espontaneamente en tintas chinesas, acuarelas ou pasteis, ideas que, xa no seu estudo, plasmaba en moitas ocasións en obras de formato maior.

En segundo lugar, a exposición amosa un percorrido literalmente narrativo a través da introdución dunha selección de textos da man do propio artista nalgunhas cartelas que acompañan as obras. Alén das meras anotacións da vida cotiá, Xosé Guillermo adoitaba tomar apuntamentos nos seus diarios onde transcribía as súas experiencias nas viaxes, constituíndo estes documentos en testemuñas indispensábeis para coñecer ao artista e á súa obra. Deste xeito, é o propio artista quen, desde o máis íntimo, “conta” a súa exposición.

Por último, a mostra apóiase museograficamente na outra faceta artística de Xosé Guillermo, a literaria, pois foi moi amigo de poetas como Carlos Oroza ou Xela Arias, quen lle dedicou ao seu amigo o que probabelmente sería o seu derradeiro poema. A fermosa confluencia da dedicación das Letras Galegas deste ano a Xela Arias e a posta en escena da exposición de Xosé Guillermo é unha mostra de que a viaxe da vida continúa.

Máis

Hora

(Venres) 18:00(GMT+02:00)

Localización

Sede Afundación

Rúa Policarpo Sanz, 24-26, 36202 Vigo, Pontevedra

Other Events