CAMELIAS NADAL

02dec19:00Riolagares acolle unha mostra de arte para recadar fondos para un monumento a Moncho ReboirasARTE E MUSEOS | De balde19:00(GMT+01:00) RioLagares

Detalles do eventos

Exposición A SEMENTE DE VENCER, 50 Aniversario do asasinato de Moncho Reboiras pola ditadura franquista. Mostra de arte para recadar fondos para un monumento dedicado a Moncho Reboiras. Vanesa Iglesias, comisaria da mostra, di o seguinte:

“A presente exposición trata de recoller mediante quince obras e diferentes achegas de catorce artistas galegas a manifestación no ideario colectivo da figura de Moncho Reboiras. A súa transcendencia e significado 50 anos despois de ser asasinado pola ditadura española o 12 de agosto de 1975 en Ferrol debido á defensa dos seus principios políticos a da súa idea de país. A mostra pretende á súa vez render unha homenaxe artística á loita de Reboiras. Ao seu exemplo de militancia e dedicación á defensa dos dereitos da clase proletaria e da Galiza nos últimos compases da ditadura franquista. Así, a colección tenta dar luz e pór en valor a loita silenciada de tantos e tantas demócratas galegas comprometidas en traer a verdadeira liberdade e que seguían a ser perseguidas por razóns políticas e desexos de emancipación do réxime aínda cando este estaba a tocar, en teoría, a súa fin.

A poesía, a ilustración, o téxtil, o cartelismo, a arte conceptual, a cerámica, a pintura acrílica… forman parte das manifestacións da lembranza da figura de Moncho a través dunha proposta ecléctica tanto en soportes e materiais como nas achegas conceptuais das diferentes artistas. Os creadores a través das súas obras encapsulan non só a lembranza, senón tamén unha agarimosa homenaxe á figura de Moncho Reboiras representando o seu legado con símbolos comúns que podemos interpretar xa como universais no ideario nacionalista galego. Ditos símbolos repítense de xeito espontáneo nas diferentes pezas que a persoa visitante poderá ir descubrindo, como a estrela vermella protagonista na peza de Ana de Vilatuxe conformando unha constelación moi especial; xunto ao lume que alampea do Moncho representado tal e como sería de seguir vivo hoxe segundo Andrea de Toba; no tapiz de Ortigha xunto ao puño e a fouce ou na proposta da deseñadora Celia Arcos con- formando o carreiro estrelado que Moncho nos legou. A semente que se representa literalmente como na peza de Cavalinho do Demo mediante unha raíz traída do barrio de Teis xunto ás verbas de Ferrín; na proposta de Laura Caneira que nos fala de esperanza na xuventude, de futuro; e tamén na proposta de Revolta Creativa onde o revólver que sega a vida de Moncho pasa a transformarse nunha arma de ética, recordo e aprendizaxe. A representación de Moncho caracterizado para non ser recoñecido na súa loita clandestina. Unha imaxe que pervive no imaxinario colectivo e que así representan artistas como Juanlu Nacha mediante as súas características liñas sinuosas; Xiralúa na súa orixinal proposta de retrato ou nas sempre recoñecibles augadas de Leandro Lamas. A escolma non esquece a infancia e os feitos que alimentaron a causa de Reboiras, como na colaxe dixital de Theresa Lousame ou no lenzo de Alejandro Mosquera onde aparece rodeado das paisaxes que habitou tanto do mundo rural como do industrial de Vigo. Pecha o percorrido a obra conceptual de Iago Fernández Díaz, cuxas cartas do tarot boca arriba falan da inxustiza do asasinato do noso protagonista no Ferrol. Que sirva esta humilde mostra para que o seu legado se coñeza, perdure e sexa faro que nos guíe cara a unha Galiza soberana e con dereitos plenos para a maioría traballadora.

HORARIO: Do 2 ao 12 de decembro de 2025. De martes a sábado, de 18 a 20 h. RíoLagares (Rúa da Falperra, 16)

INAUGURACIÓN o martes 2 de decembro ás 7 da tarde. Intervirán: Suso Seixo, Vanesa Iglesias, Xesús Sanxoás e Xesús Chaves

Comisariada por: Vanesa Iglesias Casal.

Con obras de:
Leandro Lamas
Ortigha
Alejandro Mosquera
Laura Caneira
Revolta Creativa (Breo Alamancos)
Estudo Aldea
Xiralúa
Ana de Vilatuxe
Juanlu Nacha
Andrea López
Theresa Lousame
Cavalinho do Demo (Paula Pereira)
Celia Arcos
Iago Fernández Díaz

Hora

2 decembro, 2025 19:00(GMT+01:00)

Localización

RioLagares

Rúa Falperra, 16, 36202 Vigo, Pontevedra

Other Events