REVISTA VERAN

26xuñ(xuñ 26)10:3029(xuñ 29)13:00Congreso do MarFESTIVAIS E FEIRAS | De balde10:30 - 13:00 (29)(GMT+02:00) Real Club Náutico de Vigo

Detalles do eventos

Vigo convértese desde o xoves 26 ata o domingo 29 de xuño no epicentro da economía azul coa celebración da primeira edición do Congreso do Mar, organizado polo Real Club Náutico de Vigo. Este evento, que busca ser un punto de inflexión para posicionar a Vigo como capital atlántica da economía azul, non só contará con máis de 40 relatores de primeiro nivel na súa parte congresual, senón que tamén se abrirá á cidade cunha ampla oferta de actividades para todas as idades e públicos. O obxectivo principal é demostrar que o mar é unha gran oportunidade de desenvolvemento, innovación e sustentabilidade, ademais de reforzar a identidade de Vigo como unha cidade azul e innovadora. A organización busca facer do congreso un espazo integrador que valore o deporte, a innovación, a sustentabilidade, o turismo náutico, a inclusión e o emprendemento no ámbito marítimo.

Zona Village

Un dos puntos neurálxicos do Congreso do Mar será a Zona Village, instalada no xardín que conecta o Real Club Náutico de Vigo co peirao para Moaña, Cangas, Cíes e Ons. Este espazo, aberto a todo o público, funcionará diariamente desde as 13:00 h ata a medianoite durante os catro días do congreso, ofrecendo unha variada proposta de restauración, ocio e música xunto ao mar. Cada tarde, dende media tarde, haberá sesións con DJ. O xoves 26 de xuño ás 20:00h, os asistentes poderán desfrutar dunha festa con DJ Óscar + DJ Mich, e o sábado 28 de xuño, DJ Óscar estará de novo ás 20:00h. En canto á música en directo, o sábado 28 de xuño ás 21:30h, terán lugar os concertos de Fuchi’s Band e de In De Cisos.

Experiencias náuticas

O congreso ofrecerá diversas experiencias náuticas deseñadas especificamente para achegar a ría á cidadanía. Entre elas destacan os bautismos de mar en moto acuática, que proporcionan unha emocionante oportunidade para gozar dun paseo pola ría acompañado por un monitor. Estas actividades están programadas para o sábado 28 de xuño: de 10:30 a 13:00h para nenas e nenos de 8 a 16 anos, e de 16:30 a 19:00h para maiores de 17 anos e adultos, en colaboración con JetVigo e CíesJet.

Outra actividade moi agardada son as visitas guiadas combinadas ao observatorio submarino Nautilus e a barcos históricos. Realizadas en colaboración coa Fundación Traslatio, estas visitas terán lugar o sábado 28 e o domingo 29 de xuño, de 11:00h a 12:00h. Os visitantes terán a oportunidade de coñecer embarcacións emblemáticas como a Goleta Evangelina, o remolcador San Esteban e o alxibe Hidria Segundo, que destaca por ser o único barco de vapor activo da península.

Impulso ao talento e seguridade no Mar

O sábado 28 de xuño, de 16:30 a 19:30h, celebrarase un Talent coa Federación Galega de Motonáutica, patrocinado pola Xunta de Galicia. Este evento ten como obxectivo buscar un/unha piloto júnior (de 10 a 16 anos) para competir como bolseiro/a en tres probas do Campionato de España G7-15. Os participantes terán unha clase teórica, unha práctica en embarcación e unha proba nun barco de competición, coa promesa de unha bolsa para os gañadores nas probas de Navia (Asturias), Ribarroja do Ebro e Illa Canela.

Ademais, pensando na importancia da seguridade marítima, o domingo 29 de xuño, de 12:15 a 13:00h, impartirase unha ponencia-obradoiro de seguridade náutica, que se centrará nas embarcacións de recreo, seguida dun simulacro de lanzamento de balsa.

Información Importante

É fundamental ter en conta que tódalas actividades abertas ao público son gratuítas, pero requiren rexistro previo a través da web www.elcongresodelmar.com, e as prazas son limitadas.

XOVES 26

VENRES 27

SÁBADO 28 E DOMINGO 29

Máis

Hora

26 xuño, 2025 10:30 - 29 xuño, 2025 13:00(GMT+02:00)