Detalles do eventos
A histórica libraría Cartabón, situada en Urzaiz 125, celebra o xoves 17 ás 19:00 o seu 40º aniversario. Primeiro no propio local da libraría e,
Detalles do eventos
A histórica libraría Cartabón, situada en Urzaiz 125, celebra o xoves 17 ás 19:00 o seu 40º aniversario. Primeiro no propio local da libraría e, pouco despois, na sala Radar, na rúa Iglesias Esponda 30, co concerto da Orquestra Bravú Xangai, co polifacético Xurxo Souto á cabeza. A entrada é de balde con invitación, que podes conseguir en Cartabón.
Sobre Cartabón (fragmento da reportaxe Librerías viguesas: un papel fundamental, publicado en abril de 2024)
Case vinte anos antes, Gonzalo Pérez xa sabía que quería ser libreiro, pero foi o 24 de xullo de 1985 cando o soño se fixo realidade co nacemento de Cartabón. A localización desta librería é a mesma desde hai case corenta anos, situada ao pé da entrada da rúa peonil do Calvario. «Non hai moito gran lector na contorna; menos mal que nos vén moito público doutras partes», di Maribel Tato, a outra responsable deste bastión das nosas letras. As vendas a través da Rede, comentan, tamén axudan bastante a que as contas saian a final de mes. «Temos clientes en Madrid e Barcelona que nos piden libros en galego; é a parte positiva de Internet, que nos dá máis visibilidade».
É sabido que os libros para o público infantoxuvenil, especialmente grazas ás lecturas obrigatorias nos centros educativos, son un dos piares fundamentais da industria editorial galega. O feito de ter un colexio xusto diante da librería podería parecer unha bendición, pero estes os dous libreiros negan isto. «De non ser polo ensino público, levabámola clara. Se fose polos colexios privados, non vendiamos nin unha goma de borrar; xa se encargan eles de facelo todo. Nótase moito cando os mestres len e cando non», apuntan. Maribel conta unha anécdota ben ilustrativa: «Unha vez entrou unha muller coa súa filla a mercar A praia dos afogados, de Domingo Villar. Ao darllo, dille á nena “¿Por qué vas a leer eso, si puedes ver la película?”. O mellor foi que ela era mestra nunha escola privada». Outra das dificultades que atopan, e na que coinciden o resto de compañeiros de profesión consultados, é a parte burocrática ou, como eles a denominan, «a violencia administrativa». Gonzalo afirma que tampouco se senten apoiados polas institucións públicas: «Todas as políticas que fan son en contra da pequena librería; parece que estorbamos».
«Despois de moito traballo, agora é cando estamos a desfrutar»
Por sorte, nin a ausencia de lectores no barrio nin a desidia da educación privada nin a inxente burocracia nin as trabas dos diferentes gobernos conseguiron botar abaixo o soño destes dous apaixonados da literatura galega que recoñecen estar a vivir o mellor momento á fronte do negocio. «Poderiamos estar pensando na xubilación, pero temos a ilusión de seguir. Despois de moito traballo, agora é cando estamos a desfrutar», di Gonzalo, ao que engade Maribel: «Agora estamos os dous facendo o que nos gusta: atención ao cliente, lectura, presentacións…». Probablemente sexa Cartabón a librería viguesa que máis eventos acolle ao ano: desde unha reforma feita hai 12 anos, e especialmente concentrados nos últimos tempos, os muros da librería acolleu máis de 320 presentacións, documentadas en fotografías e gravacións. Con Gonzalo e Maribel, a literatura galega ten uns escudeiros inmellorables.
Hora
17 xullo, 2025 19:00(GMT+02:00)
Localización
Libraría Cartabón
Calle de Urzáiz, 125, 36205 Vigo, Pontevedra

