'A gran travesía de Chiruca Macallás' de Xurxo Souto – A Movida

outubro, 2018

29out20:00'A gran travesía de Chiruca Macallás' de Xurxo SoutoPRESENTACIÓN LIBRO | De balde20:00 Libraría Cartabón

Máis

Detalles do evento

O luns 29 de outubro ás 20:00 horas, na libraría Cartabón, rúa Urzáiz, 125, Vigo, terá lugar a presentación do libro A gran travesía de Chiruca Macallás de Xurxo Souto.

No acto participarán Xurxo Souto e Fran Alonso.

Xurxo Souto di sobre a súa novela:

Vigo é A Coruña son a mesma cidade.
Esta é visión que defendo na novela “A Gran Travesía de Chiruca Macallás”. E que ilustrarei en vindeiras datas cun roteiro intermitente que inclúe Urzaiz, Rúa da Torre, Teis e mais Labañou.
Visión como mínimo chocante, seino. Xusto o contrario do que afirma un mesmo localismo nos barrios do norte e do sur.
Achego un argumento extenso: todo o mar. Diante dos ollos do océano,
Vigo-Coruña son dous puntos de atraque, dunha mesma recalada, no medio
da ruta marítima máis importante do Mundo.
Por terra nada sabemos desta perspectiva, precisamente porque é un gran
negocio a propia incomunicación.
Un amigo, Pablo Gallego profesor na Escola de Arquitectura da UdC,
comeza cada ano as clases deste xeito: A carón do mapa de Galiza, un
plano do metro de Tokyo. Ambos os dous coinciden en extensión. A
principal diferenza: O que por aquí é unha tortura de peaxes, convértese
nun billete de metro pola banda de Xapón.
As persoas que viven no Calvario, en Coia ou Teis, son as mesmas persoas
que viven nos Castros, Monelos e Labañou. Familias obreiras, de todas as
aldeas, que viñeron buscar traballo á beira do mar.
Pero ninguén lle di á xente dos Mallos onde está Coia, nin aos de Teis onde
queda Labañou.
Un gran negocio, si, a incomunicación. Sobre todo para as elites
dominantes que, dende sempre, procuraron que estas familias esquecesen
as orixes para convertelas en dúctil masa popular, sempre disposta a seguir
as arengas dos seus intereses localistas (intereses das elites, non dos
obreiros).
A Coruna é Vigo son a mesma cidade. E velaí a proba definitiva: Abel
Caballero quere ser como Paco Vázquez.
Xa no terreo da curiosidade, acudo ao aval da toponimia.
Onde queda a Falperra ? Reposta correcta, en Vigo e na Coruña.
O Berbés en Vigo, mais a Berberiana (praia) na Coruña. Riazor no norte e
tamén Riazó no sur -así o lembra aínda a xente maior- moi perto
precisamente do estadio de Balaídos.
A Coruña e Vigo son a mesma cidade. Este aserto é en si mesmo unha
provocación. Mais tamén unha proclama de futuro.

Que acontecería se a dúas urbes con maior número de habitantes de Galiza
superasen os negocietes localistas e comezasen a colaborar ?
Pois que non existiría poder portuario maior que o noso (pobre Rotterdam
pequeniña e os seus oitenta quilómetros de peiraos). E comezariamos por
fin a lle quitar rendemento a ese inmenso negocio que flúe diante dos nosos
fociños… cara outros portos.
Este país deixaría de ser periferia, para nos converter -centro do mar-
nunha verdadeira talasocracia.
Por certo, mesmo contribuiriamos a mellorar a propiedade da linguaxe.
Porque o día no que A Coruña e Vigo comezasen a colaborar de verdade,
ninguén podería impedir que, honrando o seu nome, o Corredor Atlántico
-grande eixo de comunicación trans-europeo- chegase por fin a Galiza.
Eu non o verei. Entre outras razóns porque sobre os portos da Coruña e
Vigo non deciden os habitantes da Coruña e nin os de Vigo. Dependen
–tíralle do aire !- directamente de Madrid.
Eu non o verei. Arenga de futuro. Quizá a miñas fillas si.
Vigo e A Coruña son a mesma cidade…despois está Bouzas.

Hora

(Luns) 20:00

Lugar

Libraría Cartabón

Calle de Urzáiz, 125, 36205 Vigo, Pontevedra

X