Detalles do eventos
A Praza do Bugallal acolle este sábado 29 unha xornada aberta a todo o público con música, animación, inchables e actividades infantís para despedir os 305 menores saharauís
Detalles do eventos
A Praza do Bugallal acolle este sábado 29 unha xornada aberta a todo o público con música, animación, inchables e actividades infantís para despedir os 305 menores saharauís que pasaron o verán con familias galegas.
O verán chega ao seu fin tamén para os 305 nenos e nenas saharauís que durante xullo e agosto estiveron acollidos por familias de toda Galicia. Antes do seu regreso aos campamentos de refuxiados de Tinduf, en Alxeria, Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS) organiza este sábado unha gran festa de despedida en Ponteareas.
A cita será o sábado 29 de agosto na Praza do Bugallal, desde as 18:00 h ata a medianoite, cun programa especialmente pensado para compartir en familia. Sobre o escenario pasarán Brais das Hortas, co seu espectáculo Consertasso na Horta; o animador Fran Rei e DJ Vin, cunha sesión de música infantil. A rapazada contará tamén con inchables durante a tarde.
Máis alá da festa, a xornada pon o broche a unha iniciativa de acollida que Galicia desenvolve desde 1991. Vacacións en Paz permite que nenos e nenas procedentes dos campamentos saharauís pasen os meses de xullo e agosto con familias galegas, afastados das temperaturas extremas do verán en Tinduf e nun contexto de intercambio cultural e convivencia.
A despedida terá tamén unha vertente solidaria. Durante o evento funcionará un posto de comida e bebida para recadar fondos destinados ao envío de axuda humanitaria aos campamentos. A intención de SOGAPS é aproveitar ademais a viaxe de regreso dos menores para transportar a maior cantidade posible de material sanitario nas bodegas dos avións.
E é que os voos dos días 5 e 7 de setembro non levarán unicamente de volta á rapazada. Con eles viaxará unha comisión sanitaria galega formada por cinco profesionais da saúde, que se desprazará aos campamentos para desenvolver alí o seu labor voluntario.
A festa servirá así para pechar dous meses de convivencia entre os pequenos e as súas familias de acollida cunha última tarde en común antes da despedida. SOGAPS convida a participar non só ás familias vinculadas ao programa, senón a todas as persoas que queiran achegarse e coñecer de preto a iniciativa.
Hora
29 agosto, 2026 18:00(GMT+02:00)
Localización
Praza do Bugallal (Ponteareas)
Ponteareas, 36860 Ponteareas, Pontevedra
Hoxe móvese
setembro




