Évame Oroza, un centro cultural en crecemento que aposta pola creación e a programación gratuíta
A Asociación Cultural Évame Oroza presenta unha axenda para 2026 que combina festivais, exposicións, edición literaria e actividades arredor das Letras Galegas, mantendo o acceso gratuíto e apostando pola produción dun espectáculo propio.

A Asociación Cultural Évame Oroza presenta para o ano 2026 unha axenda cultural marcada polo Festival de Poesía e Oralidade Máis Alto que o Ceo, a realización de oito exposicións de arte, a edición dos libros gañadores do II Premio Internacional de Poesía Carlos Oroza e as actividades dedicadas a Begoña Caamaño polo Día das Letras Galegas. Esta programación, que mantén o seu carácter gratuíto para o público, complétase co ciclo de conferencias “E falamos de…” e diversas propostas de narración oral e teatro que buscan brindar á sociedade un abano amplo de oferta cultural.
Como gran novidade para este exercicio, Évame Oroza comeza a producir espectáculos propios, de xeito que non só acollerá propostas xa existentes no mercado, senón que contribuirá activamente á creación escénica en galego, especialmente no ámbito da poesía escénica. Con esta iniciativa, a entidade aspira a converterse nun laboratorio que axude á profesionalización do sector cultural dende a súa sede no Casco Vello de Vigo.
A programación expositiva de 2026 prevé un total de oito mostras nas que convivirán artistas consagrados con creadores incipientes, cun esforzo especial por incrementar o espazo dedicado ás mulleres artistas. Tras as mostras de Urban Sketchers Vigo e HeyJuddy nos primeiros meses do ano, a axenda continúa coa artista visual Marta Bran, cuxa exposición está previsto que se inaugure o 10 de abril. Bran presentará instalacións de pintura tridimensional cun marcado compoñente autobiográfico.

O 13 de maio, coincidindo co aniversario de Carlos Oroza, a asociación inaugurará a instalación de Jesús Otero Iglesias, titulada Y en el territorio compartido las palabras sueñan que son nombradas, que poderá visitarse ata o 19 de xuño. Nos meses de xuño e xullo albergarán unh exposición de Laxeiro centrada na obra menos coñecida do pintor galego, incluíndo pezas que non forman parte das coleccións permanentes habituais, co obxectivo de achegar a figura do mestre expresionista ao público e de facer convivir os seus cadros con recitais de poesía.
Xa no outono, entre o 3 e o 29 de outubro, será a quenda do fotógrafo Blas González. A súa mostra está formada por retratos de escritores vinculados a Vigo, baixo un proxecto titulado Unha Viaxe a Brobdingnag, inspirado na obra de Jonathan Swift. O ano pecharase coas obras da pintora moldava Natasha Lelenco e da expresionista galega Mercedes Ruibal.
No ámbito literario, o segundo semestre de 2026 publicaranse as obras gañadoras do II Premio Internacional de Poesía Carlos Oroza. Concretamente, editaranse os poemarios Unha aria no asedio, da galega Mariña Pérez Rei, e Notas de Cereté, da madrileña Ángela Álvarez.
Pola súa banda, a celebración do Día das Letras Galegas centrarase na figura de Begoña Caamaño. As actividades, previstas para o xoves 14 e o venres 15 de maio, incluirán unha conferencia sobre a súa obra e un xogo participativo denominado Cartas de Begoña. Esta iniciativa consistirá na distribución de pequenos fragmentos da obra e datos biográficos da autora por diferentes locais do Casco Vello Alto; os cidadáns que os atopen a través dun xogo de pistas nas redes sociais recibirán un convite para unha lectura pública de homenaxe na asociación.

O Festival de Poesía e Oralidade Máis Alto que o Ceo celebrará a súa terceira edición todos os venres entre o 12 de xuño e o 17 de xullo. A programación deste ano estenderase durante seis xornadas: catro recitais individuais de poetas vinculados á oralidade, unha sesión de danza e o espectáculo de produción propia Trigo nas fronteiras, que combina recital poético con improvisación musical dirixida.
Finalmente, a asociación volverá poñer en escena a Sesión de Espiritismo, un recital de clásicos baseado nunha idea orixinal da escritora María Lado. Este evento, que mestura teatro, humor e performance, permite ao público participar activamente. É un dos actos máis agardados e cada ano a asociación incrementa os seus esforzos para mellorar esta experiencia de vivencia intensa arredor do verso.

Programa
Todas as actividades son na sede do Casco Vello Alto da Asociación Évame Oroza, (Subida Costa, 5)
10 de abril a 8 de maio – EXPOSICIÓN de Marta Bran
13 de maio a 19 de xuño – EXPOSICIÓN de Jesús Otero Iglesias polo aniversario de Carlos Oroza
14 de maio – LETRAS GALEGAS: Conferencia sobre Begoña Caamaño
15 de maio – LETRAS GALEGAS: Xogo de pistas e lectura pública de Begoña Caamaño
Xuño e xullo – EXPOSICIÓN de Laxeiro
12 de xuño a 17 de xullo (venres) – MÁIS ALTO QUE O CEO: Festival de poesía e oralidade
3 de outubro a 29 de outubro – EXPOSICIÓN de fotografía de Blas González Unha Viaxe a Brobdingnag
6 de novembro a 4 de decembro – EXPOSICIÓN de Natasha Lelenco
Novembro – SESIÓN DE ESPIRITISMO
11 de decembro a 29 de xaneiro – EXPOSICIÓN de Mercedes Ruibal
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- La Luthería, un novo espazo para apreciar de cerca a artesanía musical - 10 Abril, 2026
- O patrimonio industrial de Vigo busca o recoñecemento como Ben de Interese Cultural - 10 Abril, 2026
- Vigo lembra o Titanic a través da radio e o código Morse - 8 Abril, 2026
- Raquel Varela: «O franquismo non logrou sobrevivir ao inicio da Revolución dos Caraveis» - 8 Abril, 2026
- Su Garrido: “A confianza das Residencias Mariñán nas artistas é un acto de dignidade pouco común” - 1 Abril, 2026
