Évame Oroza prepara unha escultura de Carlos Oroza mirando ao mar de Vigo

Os xardíns do Paseo das Avenidas, no Náutico, converteranse nun novo espazo de referencia para a cultura viguesa coa instalación dunha estatua dedicada ao poeta Carlos Oroza. O proxecto, que foi presentado hoxe no mesmo enclave onde se situará a obra, é froito de case dous anos de traballo impulsados pola asociación cultural Évame Oroza co apoio institucional da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e a Autoridade Portuaria de Vigo.

Presentación da escultura no lugar onde será colocada | P. Vázquez

Despois de moitos anos de intentos, o poeta Carlos Oroza terá unha escultura en Vigo. A escultura, que se prevé instalar no mes de novembro, será unha figura de bronce a tamaño natural creada polo escultor Sergio Portela e fundida no obradoiro de Cuqui Piñeiro. A peza situarase sobre unha peana de granito galego, acadando unha altura total de aproximadamente 185 centímetros. A obra, que estará mirando á ría, representará a Oroza na súa tradicional postura ao camiñar, cos brazos detrás das costas e un libro nas mans.

Máis alá da homenaxe á figura de Oroza, o obxectivo principal desta iniciativa é crear un escenario cultural permanente no que a poesía e a palabra ocupen un lugar protagonista. Este punto de encontro estará aberto á celebración de recitais poéticos, presentacións de libros e diversas actividades culturais nos xardíns do Náutico, cuxo espazo foi cedido pola Autoridade Portuaria.

Exposición sobre Oroza no Náutico en 2023 | P. Vázquez

O orzamento do proxecto será asumido en dúas terzas partes pola Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Cultura, e pola Deputación de Pontevedra. Para cubrir a terceira parte restante, a asociación Évame Oroza puxo en marcha unha campaña de mecenado aberta a toda a cidadanía.

As persoas interesadas en colaborar poden realizar as súas achegas de calquera importe a través da páxina web da entidade (https://evame.org/). Aquelas colaboracións a partir de 20 euros recibirán diferentes recompensas en función da contía doada.

Sede da Asociación Évame Oroza, no Casco Vello Alto | P. Cermeño

Carlos Oroza, nado en Viveiro en 1923, foi un dos poetas máis singulares da literatura contemporánea, recoñecido pola súa oralidade radical e unha actitude vital próxima á contracultura e ao movemento beat. Tras décadas de bohemia no Madrid do Café Gijón e unha etapa creativa fundamental en Eivissa —onde a súa poesía se transformou e gañou en ritmo—, Oroza vinculouse de xeito definitivo con Galicia, escollendo Vigo como a súa cidade de acollida.

Nesta etapa viguesa, o autor consolidou o seu prestixio e recibiu importantes recoñecementos como o de Vigués Distinguido ou o Premio Laxeiro, mentres os seus versos quedaban gravados permanentemente no chan do quilómetro cero da cidade. O poeta faleceu en Vigo no ano 2015 aos 92 anos, deixando tras de si unha obra que sempre defendeu como un acto de comunicación directa e oral.

Carlos Oroza | Cedida