A Festa da Carballeira de Zas aposta por un cartel integramente galego e feminino
O 8 e 9 de agosto, celébrase a Festa da Carballeira de Zas, un festexo de interese turístico galego nado como unha festa popular en 1983. Hoxe, máis de corenta anos depois, consolidouse como unha das principais citas do folk a nivel mundial. O prestixio deste festival gáñase, ano tras ano, co coidado do seu cartel, traendo ó mellor do folk, sen perder o foco na esencia e os orixes. O desta edición destaca por ser integramente feminino, con artistas como Tanxugueiras ou Caamaño&Ameixeiras.

Coincidindo cun ano certamente especial para a música tradicional da nosa terra, no que o Día das Letras Galegas estivo dedicado ás cantareiras, a Festa da Carballeira de Zas aposta polas mulleres como protagonistas. Así, recoñece o papel esencial da muller na transmisión, renovación e internacionalización da música galega. En definitiva, esta edición trátase dunha homenaxe aberta á forza, creatividade e compromiso das artistas femininas coa cultura de Galicia. Por este motivo, Lupe Blanco, unha muller cunha traxectoria impecable no ámbito da regueifa e da música oral, é a encargada de presentar a festa.
Herdeira do legado do seu bisavó Blanco de Muiñoseco, Lupe leva décadas dando vida a tradición oral. É a creadora do proxecto Regueifandopolavida, convertíndose nunha figura clave pola súa capacidade de transmitir e renovar a regueifa entre xeracións. “É unha honra para min presentar esta 40ª edición da Carballeira por ser unha festa de referencia para min ao que levo acudindo dende hai máis de vinte anos. Pasei por varios estados neste tempo: comecei a acudir de nena a tocar e bailar, fun cos amigos como espectadora, cheguei a actuar tamén como regueifeira —que xa foi un soño—, mais este ano ter o privilexio de ser a presentadora xa é unha fantasía para min. Todo se confabulou para que por riba estea rodeada de compañeiras e amigas ás que admiro profundamente, así que espero desfrutalo con todas e que vós tamén o vivades igual!”, sinalou a propia Lupe Blanco na presentación do evento.
Os organizadores do festival enfatizan que quixeron que esta edición número corenta fose cen por cen galega e cen por cen feminina. De maneira que o venres pola noite actúan Catuxa Salom, Tanxugueiras e Agoraphobia. Mentres que a xornada do sábado arranca ás 12:00 h do mediodía co concerto familiar de Uxía Lambona e a banda molona. A festa continúa con A banda da loba, a popular Foliada e Carmela para pechar a tarde. Caamaño & Ameixeiras, Mercedes Peón, SÉS e Señora DJ son as encargadas de animar a noite do sábado.
A programación completa do festival é a seguinte:
Venres, 8 de agosto
A partir das 21:00 h
- Catuxa Salom
- Tanxugueiras
- Agoraphobia
Sábado, 9 de agosto
A partir das 12:00 h
- Uxía Lambona e a Banda Molona
- A banda da loba
Foliada a partir das 18:00 h
- Chorima
- Gaiteiras de Xiradela
- Pandereteiras de Raigañas
- Gaiteiras DeBuxantes
- As lerchas
- Xela Cantareira
A partir das 20:30 h
- Carmela
A partir das 22:00 h
- Caamaño&Ameixeiras
- Mercedes Peón
- Ses
- Señora DJ
A maiores e como cada ano, na Festa da Carballeira, a música e a solidariedade van da man. Nesta ocasión, destínase un euro de cada entrada vendida online á Asociación Nacional para a Investigación do Síndrome Rett (Mi Princesa Rett). Esta asociación sen ánimo de lucro leva máis de cinco anos visibilizando o Síndrome de Rett, unha enfermidade neurolóxica rara que afecta principalmente a nenas, co fin de financiar a investigación científica no único centro de referencia en España: o Hospital San Juan de Dios de Barcelona. Mi Princesa Rett destaca pola creatividade e sensibilidade das súas campañas, que conseguiron mobilizar milleiros de persoas en todo o Estado. Grazas a ese apoio, a asociación non só impulsa dous proxectos de investigación en exclusiva, senón que tamén financia terapias fundamentais para mellorar a calidade de vida das súas pequenas loitadoras: terapia con golfiños, hipoterapia ou fisioterapia neurolóxica, entre outras. Con este xesto, desde a Carballeira, preténdese contribuír á súa causa e sumar a súa misión: unir ás familias afectadas, ofrecerlles apoio real e loitar por unha vida mellor para todas as nenas con Síndrome de Rett. As entradas pódense mercar premendo aquí.



