VIALIA
bannerPicnicSesions

Esta fin de semana en Vigo tamén florece o cine

Onte inaugurouse oficialmente o Primavera do Cine. O evento, que pretende pór en valor o cine galego e lusófono, acollerá as proxeccións de 33 curtas e 11 longametraxes.

O bo tempo e os diferentes actos que hai na cidade invítannos a celebrar a primavera. Pero ademais do florecer da natureza, tamén florece a cultura. O Festival Primavera do Cine, inaugurado oficialmente onte, quere chamar a atención sobre o cine que se fai en Galicia. No acto inaugural, que tivo lugar no Auditorio do Concello, recoñeceuse a labor da produtora Chelo Loureiro, homenaxeada nesta edición do festival. Un certame que tamén quere achegar ao público o cine lusófono coa proxección de varios traballos portugueses e brasileiros. De feito, na gala inaugural proxectouse o filme ‘Cabra, marcado para morrer’, de Eduardo Coutinho, un dos máximos referentes do Novo Cinema Brasileiro.

Entre hoxe e o domingo hai programadas proxeccións no Auditorio Municipal, no Instituo Camões, nos Multicines Norte e no Museo Marco. Tamén haberá música e unha Master Class a cargo do director vigués Álvaro Gago. Nesta guía por días tes toda a información para sacarlle o máximo partido ao festival.

Xoves 10 de maio

Na tarde do xoves o festival arranca no Auditorio do Concello coa proxección de curtas galegas ás 18:30. A continuación, proxectaranse dúas longametraxes lusas. A primeira delas, ‘O dedo na Ferida’, comezará ás 20:00 horas. O filme de Silvio Tendler, un documentalista brasileiro de renome que presenta un filme que fala do fin do estado de benestar. Ás 22:00 comezará a proxección de ‘Aquarius Doña Clara, de Kleber Mendoça Filho, unha obra protagonizada pola gran Sonia Braga que narra a resistencia dunha muller de abandonar o seu fogar e que é, sen dúbida, un dos seus mellores papeis.

Venres 11 de maio

O venres a partir das 18:00 tanto no Museo Marco como no Auditorio do Concello se poderán visionar diferentes curtas galegas. No auditorio municipal a programación continuará coa proxección de dous filmes. O primeiro ás 20:00 é a cinta galega ‘Trinta lumes’ de Diana Toucedo, que retrata a Galicia máxica e misteriosa que se atopa no Courel. Ás 22:00 horas ‘Cartas da guerra’, de Ivo Ferreira, que narra a dureza da guerra colonial portuguesa a través das cartas dun soldado á súa muller mentres está en Angola como alférez médico.

Para rematar a xornada celebrarase a Festa dos Videoclips no Espazo Mahou do Mercado do Progreso 41. A partir das dez da noite proxectaranse 18 videoclips, divididos en dous bloques cun descanso entre ambos. Ao remate, os asistentes poderán votar o seu favorito.

Sábado 12 de maio

O sábado comeza cunha master class a cargo do director vigués Álvaro Gago, que recibiu hai pouco o gran premio do xurado na categoría de curtametraxes do prestixioso festival de cine Sundance grazas a ‘Matria’. Baixo o título ‘O camiño tamén é un lugar’ a clase maxistral versará sobre a relación que existe entre a produción e a dirección á hora de levar a cabo un proxecto cinematográfico.

Pola tarde, proxectaranse curtas tanto no Auditorio do Concello como no Museo Marco e ás 20:00 hai programadas as proxeccións de dous filmes: ‘Dhogs’ nos Multicines Norte, ópera prima de Andrés Goteira, que levou nada menos que 13 galardóns na XVI premios Mestre Mateo, converténdose así na obra máis premiada da historia dos premios da Academia Galega do Audiovisual.  E no Auditorio municipal ‘Elis’, un filme de Hugo Prata, no que retrata a Elis Regina, unha das cantantes máis queridas de Brasil e que se poderá ver no festival grazas á colaboración coa embaixada de Brasil en Madrid. Neste mesmo auditorio proxectarase ‘A fábrica de nada’ ás 22:00. Un filme de Pedro Pinho, no que retrata a rebelión levada a cabo polos obreiros portugueses nunha fábrica a piques de desmantelarse. Unha cinta que mestura con éxito xéneros tan dispares como o documental, a ciencia ficción ou o musical.

O sábado pola noite, está programado un gran fin de festa co concerto de Cró!, na Sala Radar a partir das dez da noite. O grupo mestura música instrumental, cancións e improvisación. ‘Mounstruos’ é o nome do seu último traballo que actualmente están a presentar.

REVISTA ABRIL

Finalmente, o domingo será o acto de clausura do evento no que coñeceremos os traballos galardoados e se fará a tradicional entrega de galardóns, será a partir das 19:30 da tarde no Auditorio do Concello.

Curtametraxes

Durante tódolos días de festival se proxectarán un total de 33 curtas divididas en tres categorías: curtas galegas, curtas lusófonas e curtas de animación. Entre as galegas caben destacar títulos como ‘The App’, de Julián Merino na que saen os actores Carlos Areces, Luis Zahera e Hugo Silva. ‘Aysha’, de Fon Cortizo na que retrata a unha poetisa xordana; ou ‘Exhalación’, de Al Díaz que conta coa presenza de Ángela Molina e María Hervás. Entre as curtas lusas seleccionadas están ‘O forasteiro’, de Diogo Cronemberg; ou ‘O vestido de Myriam’, de Lucas H. Rossi. Como novidade, nesta nova edición do certame incluiuse a categoría de curtas de animación, na que competirán cintas como ‘Surpresa’, de Paulo Patrício e ‘The neverending Wall’, de Silvia Carpizo producida por Chelo Loureiro e que conta cun nomeamento aos Goya 2018.

(GMT+01:00)


(GMT+01:00)


(GMT+01:00) Mercado do Progreso


(GMT+01:00) Auditorio Municipal do Concello


(GMT+01:00)


(GMT+01:00) Radar Estudios


(GMT+01:00) Auditorio Municipal do Concello