CAMELIAS MASCOTAS

Especial Reconquista 2019

Vigo xa está preparado para retroceder a 1809 e botar aos franceses que desde o pasado 31 de xaneiro se fixeron co poder da vila. As rúas do Casco Vello albergarán un mercado no que atoparemos 250 postos de artesanías, oficios e gastronomía. Para animar o cotarro, 50 agrupacións musicais actuarán de forma anárquica polas distintas prazas e rúas do Vigo vello. O mercado inaugúrase o sábado ás 10 da mañá e a partir dese momento a actividade non cesará. Podedes consultar cada un dos eventos programados no noso especial de Reconquista.

A reconquista con nenos

Se ides en familia, a Reconquista non vos defraudará. Ao longo destes dous días de festa haberá multitude de actividades para os máis cativos da casa: seráns, contacontos, animación, xogos tradicionais… podedes atopar información detallada sobre cada un deles neste artigo.

Os eventos clave

Con tanto evento, música e choripanes é doado que vos despistedes axiña. Pero anotade, porque estes son os eventos a non perder: o sábado ás 18:00 horas na praza do Berbés inaugurarase oficialmente a festa. Este acto irá precedido da actuación dos regueifeiros, humor e improvisación non faltará. Ese mesmo día ás 21:00 Treixadura actuará na Porta do Sol. Un concerto gratuíto da man dunha das mellores agrupacións tradicionais galegas que está a presentar o seu último traballo ‘Inda canto’. O domingo a partir das 10:15 podemos achegarnos á praza do Berbés onde haberá demostracións de diferentes oficios artesás. Ás 12:00 do mediodía o exército francés farase co control do mercado e ás 18:00 horas terá lugar o acto central de toda a festa: A representación da Reconquista da Vila de Vigo. A representación comezará na Porta do Sol, como novidade este ano haberá instalada neste punto unha pantalla xigante na que poderemos seguir o resto dos acontecementos. Os outros dous puntos de interese son a Porta de Gamboa, a través da cal os vigueses logran entrar na vila tomada polos franceses e o porto onde os gavachos embarcarán rumbo a Francia entre os vítores da milicia local. Se queredes coñecer un pouco mellor os actores que dan vida a estas personaxes e o papel histórico que estes persoeiros tiveron na historia da nosa cidade non debedes perder a serie de entrevistas que lles fixemos.

Como vestir

Desde a Asociación do Casco Vello anímannos a que asistamos vestidos de época. De feito, todos aqueles que vaian caracterizados de comezos do XIX poderán participar da representación do domingo. Para non confundir a roupa a vestir coa doutras festas de época, preparamos este artigo no que vos explicamos paso a paso a indumentaria de homes e mulleres.

Como chegar

REVISTA NOVEMBRO

Para que o acceso á festa sexa máis doado Vitrasa amplía o seu servizo durante a fin de semana, a liña C1 amplía o seu horario e pasará cunha frecuencia máxima de 10 minutos. Ademais, o domingo habilitarase unha liña especial que irá de Navia a Travesía de Vigo pasando por Policarpo Sanz (Teixugueiras, Porriño, Baiona, Redondela, Castelao, Camelias, P.Alfonso, P.Sol, Policarpo Sanz, Colón, Urzáiz, T. de Vigo, 193 Rotonda Aragón) e que terá unha frecuencia de cada 30 minutos en ambos sentidos. Saíndo o primeiro autobús de Navia ás 10:12 e ás 10:49 desde Travesía de Vigo.

A historia da Reconquista

Se queres afondar sobre o que aconteceu en Vigo aquel marzo de 1809 recomendamos que leades este artigo en dúas entregas (I love Reconquista e Isto da Reconquista está moi ben. Agora, así o que se di “así”, igual non foi…) que escribiu Pedro Feijoo para A Movida o ano pasado.