Érguete, a aperta que acompaña desde hai corenta anos
Corenta anos despois da súa creación, a Asociación Érguete está a vivir o seu mellor momento cun persoal amplo, novo e cualificado. O camiño iniciado por un grupo de nais a comezos dos oitenta non foi sinxelo, mais a súa pegada aínda é palpable hoxe en día en diferentes ámbitos da sociedade. O xoves 9 celébrano cun gran evento no Teatro García Barbón ao que non faltan Fillas de Cassandra, A Banda da Loba, Touriñán e Carlos Blanco. Falamos con Tonina Díaz, unha das nais fundadoras, e Elvira Rivas, coordinadora e traballadora de Érguete desde hai tres décadas.

En 1984 formalizábase en Vigo a fundación de Érguete, unha asociación formada por persoas con familiares, principalmente fillos, afectados pola drogodependencia. Este grupo estaba composto por pais e —sobre todo— nais de rapaces cuxas vidas estaban sendo arrasadas pola heroína, unha droga que chegara había pouco a Galicia cunha magnitude e consecuencias sociais aínda descoñecidas nestes lares. Naquela altura, a falta de información e de recursos sanitarios era desoladora. Os narcotraficantes galegos, como ben explica o libro de Nacho Carretero Fariña (que acaba de facer unha década de vida), comezaron a cambiar o tabaco pola cocaína e a heroína, un negocio moito máis rendible a nivel económico que sementou morte e miseria por boa parte do país. A conivencia política e policial, xunto coas altas cifras de paro e o fácil acceso á mercancía, fixo desta problemática unha auténtica epidemia que marcou unha xeración e as súas familias para sempre.
A cabeza visible de Érguete, e tamén a responsable do nome da asociación, foi Carmen Avendaño, unha figura pioneira e central na loita contra as drogas e o narcotráfico. Con todo, antes de que ela se sumase á acción, un grupo de nais viguesas xa levaba varios anos traballando nesta vía tras notar que aos seus descendentes lles acontecía algo estraño. Entre elas atopábase Tonina Díaz: «A comezos da década dos oitenta eu tiña arredor de corenta anos e vía algo raro nos meus dous fillos. Eu lía moito o xornal e vin que había unha nova droga que estaba afectando á mocidade, polo que supuxen que era iso o que lles pasaba», lembra. Tonina acudiu ao Centro Asistencial de Drogodependencias do Concello de Vigo (CEDRO), daquela sito na rúa Uruguai, e aconselláronlle que levase alí os seus fillos. Eles accederon e comezaron un proceso de desintoxicación, pero, como tantos outros, acabaron por recaer: «Eu non os podía controlar porque era viúva e estaba todo o día traballando. Os veciños dinme que sempre me lembran correndo dun lado para outro, pois non me daba o tempo para todo», explica. En CEDRO coincidiu con outras familias co mesmo problema e decidiron asociarse de forma non oficial, sen ningún tipo de nome identificador. Foi naqueles anos cando coñeceu a Carmen, xa que vivían preto e os rapaces de ambas compartían colexio. Un dos fillos de Avendaño confesoulle a Tonina que atracaran un establecemento e entón decidiu contactar con Carmen. En consecuencia, e desde ese momento, a asociación collería un novo rumbo.

Ademais da enorme preocupación e dos continuos roubos que sufrían ás mans dos seus descendentes, había outro problema social que afectaba ás nais: «Nos anos oitenta existía un grande estigma, culpabilizábase moito as persoas dependentes e as súas familias. Botábannos a culpa de consentírenlles todo, mesmo había quen dicía que eramos nós as que os meteramos na droga», di Tonina. Prisión, recaídas, atracos a bancos, sida, hepatite, enfermidades mentais…, moitas foron as situacións polas que pasaron os seus fillos, pero ela sempre estivo —e está— ao carón deles: «Teño loitado moito, e sigo facéndoo, para que a nosa casa sexa a nosa protección, un lugar onde estar tranquilos», engade. Hai unha imaxe que non lle esquece: «Lembro entrar no cuarto do meu fillo, parece que Deus me levou alí, e velo deitado sobre a cama cunha xiringa no brazo. Tiven que reanimalo eu mesma. Se non chego a aparecer naquel momento, estaría morto».
Coas súas protestas e accións, Érguete conseguiu visibilizar un problema do que non se quería falar pero que afectaba de xeito directo ou indirecto a toda a sociedade. Mobilizáronse diante de institucións públicas, enfrontáronse cara a cara cos narcotraficantes, cortaron o tráfico con manifestacións, levaron comida ás persoas detidas na comisaría, visitaron centros penais… Catro décadas despois, a pegada de Érguete é evidente nas reformas xudiciais, penais, sanitarias, sociais e políticas.
«Nos anos oitenta existía un grande estigma, culpabilizábase moito as persoas dependentes e as súas familias»
Tonina Díaz
Na actualidade, e grazas a profesionalizarse desde finais dos oitenta e comezos dos noventa, a asociación está a vivir un bo momento que continúa e dignifica o legado das nais, con máis de trinta traballadoras (moitas delas moi novas) e con numerosas liñas de traballo e proxectos orientados á prevención e á inclusión social, laboral e residencial das persoas usuarias. Unha das responsables do bo funcionamento de Érguete ao longo de todos estes anos é Elvira Rivas, traballadora social na entidade desde principios dos noventa e actual coordinadora. Ela foi un dos primeiros perfís profesionais en entrar a traballar en Érguete: «En 1991 eu tiña 21 anos e acababa de saír da carreira. Para min foi un golpe de realidade; no meu círculo o tema das drogas non era algo habitual. Foi unha aprendizaxe ao bruto, eu era moito máis nova que as persoas afectadas», lembra. Máis de tres décadas despois, Elvira ten outro papel na asociación, pero a filosofía segue a ser a mesma: «O obxectivo principal sempre é dar servizo e cobertura ás necesidades das persoas con condutas aditivas, buscando que programas ou actividades poden mellorar a súa vida e a das súas familias», explica. O que si cambiou, nalgúns casos, son os tipos de adicción: «Antes eran sobre todo a heroína e a cocaína, pero agora atopamos tamén adiccións sen substancia, é dicir, ás pantallas, aos xogos, ás apostas en liña…».
«Agora atopamos tamén adiccións sen substancia, é dicir, ás pantallas, aos xogos, ás apostas en liña…»
Elvira Rivas
Por desgraza, Rivas pensa que o estigma arredor das persoas afectadas non variou moito co paso do tempo: «O estigma continúa, quizais non tanto como nos anos oitenta e noventa, porque o perfil de quen consome heroína é moi concreto e ten unhas condicións físicas moi rechamantes. Se a iso se lle suma o VIH, xa era como se levase un cartel pendurado. Agora hai adiccións que non provocan unha deterioración física tan evidente, pero cando se sabe que esa persoa é drogodependente ou que estivo en prisión xa comeza a haber problemas para atoparlle traballo ou alugar un cuarto», explica. Malia que o po marrón e o branco sexan os maiores perigos, Elvira advirte: «O noventa por cento das persoas que acaban no mundo das drogas empeza co alcol e o cannabis, esa é a porta de entrada. Ademais, os informes din que a idade de inicio de consumo baixou respecto á de hai vinte ou trinta anos».

Un dos grandes retos aos que se enfronta Érguete na actualidade é a necesidade de recursos residenciais indefinidos para drogodependentes en situación de exclusión social: «Hai persoas maiores con condutas aditivas e problemas psiquiátricos que non teñen familia nin un lugar onde vivir, pero non as queren en ningún sitio pola súa dobre condición. Pedimos algo semellante aos centros de maiores ou para persoas con discapacidade, pero nin os hai nin se esperan. Nós temos un programa de vivenda tutelada durante un ano que funciona moi ben, pero no momento en que volven quedar na rúa, que van facer? Sen unha rede de apoio volven aos mesmos sitios que ían antes e recaen. Entón acaban por volver ao centro», explica Elvira. O caso de Tonina, que aos seus oitenta anos segue a coidar dos seus fillos enfermos, non é o habitual. Moitas familias chegan ao punto de non seren quen de xestionar a situación a longo prazo e acaban desentendéndose da persoa afectada, o que a deixa «sen ningún tipo de protección nin apoio», di Rivas. A propia Tonina é consciente de que, cando ela non estea, a súa casa vaise «derrubar», de xeito figurado, sobre os seus fillos.

O xoves 9 deste mes celébrase unha gala para homenaxear os corenta anos de Érguete e o valioso traballo das nais que levantaron a asociación. Non faltan á cita figuras relevantes da música e da comedia en Galicia, como Fillas de Cassandra, A Banda da Loba, Touriñán e Carlos Blanco. Esta festa non fai máis que afianzar o rumbo da asociación, que continúa a medrar e a apostar pola mocidade para lanzar unha mensaxe moi clara: «Queremos ser a aperta que acompaña. Dá igual as veces que recaian, as veces que non o consigan. Nós sempre estaremos aí; en Érguete sempre haberá un sitio onde as imos axudar, escoitar e acompañar, sen xulgar nin cuestionar», conclúe Elvira, ao que engade Tonina: «Seguimos aquí, acompañando, como ao principio».
Pablo Vázquez
Redactor
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- O labirinto administrativo de Vigo: por que é tan difícil organizar un evento cultural no espazo público - 4 Xuño, 2026
- Álex Arnoso: «Non fixemos Vimbio como unha aposta comercial, senón porque nos apetecía» - 2 Xuño, 2026
- O documental sobre o actor vigués que compartiu pantalla con Clint Eastwood ou Kirk Douglas precisa axuda - 26 Maio, 2026
- Once espazos onde escoitar música en directo nos arredores de Vigo - 21 Maio, 2026
- Imaxinatea Lab Creativo propón un campamento no que desenvolver a creatividade - 14 Maio, 2026



