Eladio y Los Seres Queridos publican unha reportaxe sobre o primeiro ano de vida de ‘B.S.O. 2005-2025’
A banda viguesa repasa nunha peza audiovisual inédita o que supuxo este proxecto, ao tempo que prepara xa unha segunda edición do vinilo, dispoñible a partir do 12 de xuño. Poderemos velos en directo o 16 de agosto en Castrelos xunto a Fillas de Cassandra e The Rapants.

Un ano dá para moito, e Eladio y Los Seres Queridos sábeno ben, especialmente cando se trata de B.S.O. 2005-2025. Por iso quixeron celebralo cunha peza audiovisual na que os membros do grupo falan por primeira vez do que significou este traballo, de como o viviron e de todo o que deixou ao seu paso durante estes doce meses. O vídeo xa pode verse na súa canle de YouTube.
Porque B.S.O. 2005-2025 non é un disco calquera. Trátase dun proxecto gravado en directo que pon en orde vinte anos de traxectoria, reunindo as cancións que acompañaron os seus concertos ao longo de dúas décadas e contando con colaboracións que representan un recoñecemento mutuo entre xeracións. Participan artistas como Eva Amaral, Pucho, Vega e Depedro, xunto ás máis novas Fillas de Cassandra e Gala Santos, que recollen a testemuña desde outra perspectiva.
Hai unhas semanas, a banda publicou ‘Agardarei’, o tema extra oficial de B.S.O. 2005-2025, xunto a Vega, acompañado dun videoclip oficial que xa está dispoñible nas plataformas dixitais.
O disco atopou axiña o seu camiño. A boa acollida nos medios, a resposta do público e a xira que o acompañou resumen ben o momento que vive a formación tras todos estes anos. Proba diso foi o cheo absoluto no Teatro García Barbón de Vigo, con máis de 900 persoas asistentes.
Coa primeira edición practicamente esgotada, a banda anuncia unha segunda tiraxe do vinilo, que estará dispoñible a partir do 12 de xuño en tendas físicas e dixitais. Unha nova oportunidade para levar á casa unha banda sonora que acompañou a tantas persoas ao longo destes anos.



