Eladio y los Seres Queridos celebra o vinte aniversario cun novo disco e un gran concerto
A banda local Eladio y los Seres Queridos, liderada por Eladio Santos, fai neste 2025 vinte anos de carreira e conmemórao co disco B.S.O. 2005 – 2025, no que reinterpretan dezaseis temas da súa discografía acompañados por artistas como Amaral, Depedro, Fillas de Cassandra, Pucho de Vetusta Morla ou Vega. Podes escoitalo premendo aquí.

Manter durante vinte anos un proxecto musical non é unha tarefa sinxela. Hai altos e baixos, idas e vindas, modas que chegan e marchan e, sobre todo, moita inestabilidade económica. Con todo, hai quen permanece, alleos a tormenta, como é o caso dos vigueses Eladio y los Seres Queridos: “É unha pequena e modesta historia pero ten luz propia, por iso quizais ninguén a puido apagar”, di sobre B.S.O. 2005 – 2025, o novo disco da banda, o cantante e compositor Eladio Santos. Na actualidade completan o cuarteto Óscar Durán Uka ao baixo, David Outumuro á batería e Adrián Blanco ao teclado.
Este novo álbum funciona como repaso a dúas décadas de carreira, pero sempre cun pé no presente: lonxe de ser un simple Grandes Éxitos, as dezaseis cancións foron regravadas e reinterpretadas en directo, algunhas con notables cambios, e coa participación de artistas como Eva Amaral, Pucho de Vetusta Morla, Vega, Fillas de Cassandra, Depedro e Gala Santos, filla de Eladio. Tamén participan no apartado instrumental músicos locais como Andrés Cunha, Alba Novoa, Cristian Álvarez, Estela Rodríguez, Margarida Mariño ou David Rial. As cancións pertecen aos cinco discos de temas propios da banda, polo que só quedaría fóra Cantares, formado por versións de temas tradicionais galegos. O álbum, gravado en directo en Casa de Tolos en decembro de 2024, sairá en formato físico de vinilo a finais de verán.
Malia a estar sempre en media táboa, no que a recoñecemento mediático se refire, á banda viguesa non lle faltan seareiros: Angels Barceló, Eduardo Rolland, Fernando Neira, Manuel Bragado, Xoel López, Vega, Emilio Cao, González Sinde ou Martiño Noriega figuran entre eles. “Eladio ten unha das voces máis bonitas que escoitei nunca. Así volo digo como o penso. O seu timbre, a súa profundidade, a súa maneira de interpretar fano para min un dos meus cantantes favoritos da historia da música”, dixo Eva Amaral sobre a colaboración que fixeron no tema ‘Non quero perderte’, xunto a Fillas de Cassandra.
Concerto de presentación por todo o alto
O habitual é ver a Eladio y los Seres Queridos en salas ou nalgún festival en horario vespertino, pero esta é unha ocasión especial e o concerto de presentación tamén o será. Celebrarase no Teatro García Barbón, o auditorio máis fermoso e con máis historia da cidade, o 3 de outubro. As entradas xa están dispoñibles con prezos que oscilan entre os oito e os vinte euros.